Un día de Ano Novo a finais da década dos 1910 a historia do planeta estivo a punto de mudar polo atropelo dun ciclista. Despois das celebracións propias da data, un exiliado ruso corentón e con pouco pelo escapou por moi pouco de morrer debaixo das rodas dun motocarro nas rúas do sur de París. Cando conseguiu levantarse do piso e contemplou a desfeita, púxose rubio de rabia desde a perilla á calva. O ciclista era Lenin.
Había que botarlle peito para circular en bicicleta polo París de comezos de século, pero Lenin non perdía ocasión de facelo
"Viña pedaleando desde Juvisy [enténdese que cara ao seu apartamento no centro, na Rue Marie-Rose, preto de Montparnasse] cando un motocarro chocou comigo e machacoume a bicicleta. Menos mal que din saltado a tempo", escribiu o líder comunista despois do accidente. Se temos en conta que Juvisy-sur-Orge está nas aforas de París, a uns quince quilómetros do centro, e que a capital francesa non é precisamente un forno en pleno mes de xaneiro, podemos deducir que a Lenin o de pedalear non se lle daba nada mal.
Había que botarlle peito para circular en bicicleta polo París de comezos de século, e a verdade é que Lenin non perdía ocasión de facelo. Só ou na compaña da súa compañeira Nadhezhda Krupskaia saía facer longas rutas de ata setenta quilómetros arredor da capital. Vladimir Ilich movíase sempre pedaleando, xa fose para comprar libros no centro ou para ir a reunións políticas. Tamás Krausz conta en Reconstructing Lenin: An Intellectual Biography que unha vez lle roubaron a bici e agarrou unha perrencha de moito coidado. Robert Service di na famosa biografía que lle escribiu que, sendo como era un obseso da limpeza, tiña a bici tan brillante que parecía un instrumento de cirurxía. Lenin estaba namorado do ciclismo e non era cousa de novo: anos antes, exiliado en Londres e sen ocasión de pedalear, recordaba con morriña os tempos nos que aprendera a montar, en Moscú a finais do XIX. Entre 1908 e 1912, mover aquel pesado artefacto de ferro polos outeiros que rodean París servíalle para calmar a tensión nerviosa que arrastraba desde a xuventude.
Non é difícil imaxinar pois o enfado que debeu apañar cando veu o seu prezado medio de locomoción todo retorto baixo as rodas dun motocarro. Os biógrafos contan que, pese a que era estranxeiro, pese a que era un tipo moi vixiado e que quizá o máis razoable fose deixar correr o asunto, Lenin ameazou, berrou e finalmente preiteou. E acabou gañando o xuízo e facendo que o condutor lle pagase unha bici nova.