Un novo xuíz, o cuarto que leva o caso e que substituíu no xulgado de instrución número 20 de Madrid ao que comezou a instruír a operación Neptuno, vén de decretar a liberdade dos catro ultras membros do Frente Atlético acusados so asasinato de Francisco Javier Romero Taboada, Jimmy, afeccionado do Deportivo que foi mallado e tirado ao río Manzanares o pasado 30 de novembro.
Un novo xuíz, o cuarto que intrúe o caso, decidiu deixar en liberdade os catro ultras do Frente Atlético acusados de asasinato
Os catro neonazis foran enviados polo anterior xuíz á cadea, na que permanecían desde mediados de xaneiro. Ismael López, Sergio Santiago, Francisco Jiménez e José Luís Zarzoso foran incriminados polas imaxes das cámaras de seguridade da zona e por un vídeo gravado por un taxista que presencia o momento no que os ultras do Frene Atlético golpean e lanzan a Jimmy ao río. Pero varios meses despois, e tras a declaración deste taxista e dun axente que sae nas imaxes, o xuíz decidiu liberar os acusados. E fíxoo malia que esta posta en liberdade non foi solicitada por ningún dos avogados nin pola Fiscalía.
As dúas testemuñas, seica, manteñen agora que as imaxes non se corresponden coa agresión a Jimmy, senón con outra a outro seareiro do Deportivo que logrou saír o río. Agora, malia a evidencia das gravacións, a estes implicados tan só se lles imputaría "riña tumultuaria". Non obstante, a policía mantén a súa versión, a mesma que se aclara con todo luxo de detalles nunha dilixencias que inclúen numerosas imaxes e comprobacións. Os investigadores policiais aseguran que a persoa que tiran ao río si é Jimmy e en declaracións a axencias din recibir "con estupefacción" a decisión do maxistrado.
A policía recibe "con estupefacción" a posta en liberdade dos ultras e di non ter "dúbida ningunha" de que o home das imaxes é 'Jimmy'
Os axentes lembran ademais que faltan por prestar declaración varios axentes municipais e funcionarios policiais e que estaban previstas até o vindeiro mes de xuño. En declaracións a El País, os investigadores son claros: "Non temos ningunha dúbida de que é Jimmy", aseguran os investigadores. "Pola súa complexión física delgada, pola roupa que levaba, pola súa estatura (entre 1,65 e 1,70 metros), polo pelo; mentres que o outro seareiro que caeu ao río é de complexión grande, pode medir 1,80, é calvo e no momento da súa detención levaba un xersei azul", dixeron. Pero o maxistrado puxo en dúbida a versión policial para aceptar a das testemuñas.
Estes mesmos investigadores botaron meses analizando vídeos, gravacións de cámaras de seguridade, debullando intervencións telefónicas e mesmo realizando xeolocalizacións. Acabaron por dar cos catro presuntos homicidas, todos eles coñecidos no mundo ultra de extrema dereita. O avogado dos afeccionados do Deportivo xa anunciou que recorrrerá a decisión.
O presidente do Deportivo cualifica de "sorprendente" a decisión xudicial: "Estamos moi descontentos"
Os Riazor Blues fixeron público un comunicado no que manifestan o "máis absoluto desprezo" a esta decisión xudicial. "Unha vez máis se demostra a absoluta impunidade coa que actúan os fascistas e neonazis", din. E o presidente do Deportivo, Tino Fernández, declarou á Cadena Cope que a decisión xudicial lle parece "sorprendente". "Estamos moi descontentos; non me explico que seis meses despois se chegase a esta situación. A xustiza estanos tratando mal", insistiu.
Seis meses despois do asasinato do afeccionado ultra do Deportivo, os únicos datos que se revelan do sumario que investiga os altercados acontecidos en Madrid apuntan sempre á emboscada por parte do Frente Atlético e non a unha pelexa pactada -como mantiveron fontes policiais e oficiais desde un inicio- entre ambos os dous grupos. Malia todo, agora parece que a operación Neptuno podería acabar coa impunidade dos asasinos, ao tempo que a maioría das sancións recaeron sobre afeccionados deportivistas -incluído o presidente da Federación de Peñas- e sobre o propio club.