A sopapos sobre a ponte

Dominio Público Praza Pública

Hai un cadro moi curioso no Germanisches Nationalmuseum de Nuremberg que recolle un dos eventos deportivos máis destacados da Venecia da Idade Moderna. Pintouna cara ao final da súa vida un alemán, Joseph Heintz, especializado en escenas urbanas nas que se acumulan os personaxes e a acción se expande por todo o lenzo, coma nunha dobre páxina do Onde está Wally?

Heintz retrata unha pelexa a puñadas nunha ponte. A pintura é desbordante: sobre a canle boxean ducias de loitadores e a pasarela está tan abarrotada que moitos caen á auga. Máis e máis contendentes irrompen na escena desde as rúas laterais, atravesando as ringleiras de espectadores (desproporcionadamente pequenos) que se apertan á beira do río. Nun mar de góndolas, condutores e pasaxeiros discuten, non se sabe ben se polo espectáculo ou polo atasco, e nas ventás dos edificios próximos damas e cabaleiros con ricos traxes observan o combate xesticulando. Nas marxes da ponte, loitadores e público mestúranse entre empurróns e golpes: aquí cobra ata o apuntador.

Non é esta a única escena similar que se pintou nesa época, porque as pelexas colectivas eran probablemente o deporte máis popular na Venecia dos séculos XVI e XVII. Polo que parece, tiñan un carácter anual e as autoridades locais, non apoiándoas, tampouco se opoñían demasiado, tendo en conta que a alternativa eran os duelos a espada. Había varias modalidades, desde a loita a dous á melé multitudinaria na que se enfrontaban os mozos dos barrios. Tamén era popular a pelexa a catro, que comezaba cos púxiles colocados en cadansúa esquina da plataforma principal da ponte. Na cidade aínda hai algunhas, coma a Ponte dei Pugni, na que se conservan restauradas as pegadas de mármore coas que se marcaron os puntos de inicio dos rivais. O obxectivo era botar á auga a todos os opoñentes: gañábase cando no alto só quedaban integrantes do equipo propio.

Non é esta a única escena similar que se pintou nesa época, porque as pelexas colectivas eran probablemente o deporte máis popular na Venecia dos séculos XVI e XVII

Despois, o máis habitual era que a cousa se desmadrase e acabasen por entrar a golpes primeiro os amigos dos boxeadores e despois os espectadores máis bravús. Desde os balcóns, os seguidores duns tirábanlles aos outros tellas, pedras ou o que tivesen a man, e non era infrecuente que a milicia tivese que disolver as reunións. Non é de estrañar que na época os venecianos fosen considerados os mellores púxiles de Europa: adestramento levaban enriba.

Proba de que esta fermosa tradición veneciana estaba moi arraigada na cidade é que houbo pelexas patrocinadas polo propio goberno, coma unha documentada en 1574 sobre a Ponte dei Carmini e que se narra no blogue L'altra Venezia. Organizouse na honra dun visitante tan ilustre coma o rei Henrique III de Francia e nela tomaron parte 600 persoas, armadas desta vez con paus endurecidos en aceite fervendo. O combate durou tres horas e, polo visto, o monarca francés acabou farto de tanto sopapo. "Pouca cousa para unha guerra, demasiada para un xogo", deixou dito ao marchar.

Competición da Ponte dei Pugni en Venecia, de Joseph Heintz Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.