Cada un escolle os equipos aos que quere por razóns moi persoais. A min cáeme simpático o Arsenal desde que lin en Pitch Fever as desventuras de Nick Hornby como seguidor dun club pedestre con vocación de fracaso; axudou tamén que, na mesma época, os gunners contasen cun equipazo con Henry, Pires, Vieira, Bergkamp, Ljungberg, Cole ou Campbell, que voaban entre as estreitas paredes do vello Highbury.
Consolidouse nos anos vinte da man de sindicalistas, radicais de esquerdas e líderes locais da Internacional Obreira. As cores do traxe, negra e vermella, non lles son as mesmas que as dos anarquistas por casualidade
Na League 1 francesa teño tamén favorito: o En Avant de Gwengamp, unha vila de 7.000 habitantes no norte da Bretaña. A algúns soaralles porque apareceu na prensa este verán como o primeiro equipo ao que se enfrontou o Neymar despois de fichar polo Paris Saint Germain. O brasileiro marcou un gol para a vitoria capitalina por 0-3, nada estraña, por outra parte: había que ver que parte do orzamento municipal da localidade cubrirían os 222 millóns que custou o traspaso do craque.
O asunto é que o En Avant naceu en 1912 da man de Pierre Deschamps, fundador tamén da Misión Laica Francesa e director do colexio local, e consolidouse nos anos vinte da man de sindicalistas, radicais de esquerdas e líderes locais da Internacional Obreira. As cores do traxe, negra e vermella, non lles son as mesmas que as dos anarquistas por casualidade, polo tanto. De como estaba de quente a cousa social na vila a principios de século dá fe o feito de que no mesmo 1912 o cura, posiblemente asustado pola eventualidade de que os roxos lle roubasen clientela xuvenil, fundase outro equipo de fútbol, o Stade-Charles-de-Bois, e escollese para el as cores celeste e branca do manto da Virxe María. Non lle faltaban razóns para ter medo ao párroco, pois o En Avant chegou a ter mesmo unha colonia de vacacións na costa na que a chavalada aprendía os bos valores da solidariedade, o laicismo e a desconfianza no patrón.
O En Avant identificouse moi cedo co “orgullo rural”, como dirían The Brosas. Despois da Segunda Guerra Mundial deu o salto ás ligas nacionais; xogaban sobre todo obreiros da fabrica de tractores local, entre eles varios españois fuxidos da miseria. Foi sobre todo nos setenta, en pleno éxodo da poboación cara as cidades, que o equipo colleu lustre. Dirixido por Noël Le Graët (personaxe curioso, político socialista e aínda hoxe presidente da Federación Francesa de Fútbol), o En Avant gañou dúas copas de Francia e unha Intertoto. Chegou a xuntar nas súas filas, se ben apenas por uns anos e en épocas de formación, a figuras como o despois defensa da Roma Candela, a Guivarc’h (o “nove” da selección francesa que gañou o Mundial do 1998 e hoxe vendedor de piscinas) ou, máis recentemente, a Koscielny (hoxe no Arsenal). A principios de século tiveron unha dupla de ataque nada desprezable, formada por uns novísimos Malouda e Drogba.
O fútbol moderno tamén acabou por pasarlle por riba dalgún xeito ao En Avant, que na actualidade busca accionistas para compensar a chegada masiva de millonarios ao deporte e que vende por medio millón de euros o seu campamento xuvenil na beiramar
O fútbol moderno tamén acabou por pasarlle por riba dalgún xeito ao En Avant, que na actualidade busca accionistas para compensar a chegada masiva de millonarios ao deporte e que vende por medio millón de euros o seu campamento xuvenil na beiramar. Segue, con todo, sendo un emblema do rural bretón, agora modernizado, segundo conta François Prigent en Football, argent e socialisme, grazas á xeración de futbolistas black & breizh. Un emblema que a moitos aínda lles pica: non hai tanto, recibíronos no campo do Rennes, a moi burguesa capital rexional, cunha pancarta na que se lía “nós viñemos ao estadio en metro e vós regresaredes no tractor”. E a min non me parece mal plan para a viaxe de volta.