O pasado 8 de marzo chegoume ao teléfono a imaxe dunha páxina do libro Los hijos de los días, de Eduardo Galeano. É o fragmento correspondente ao 19 de xuño, casualmente o do meu aniversario, e nel cítase á líder feminista norteamericana Susan Anthony, que di (a tradución é miña): "A bicicleta fixo máis que nada e máis que ninguén pola emancipación das mulleres no mundo".
As palabras de Anthony recordáronme a historia de Alice Hawkins e as sufraxistas ciclistas de Leicester. A finais do XIX, moitas activistas polos dereitos da muller formaban parte do Clarion Cycling Club da localidade na que vivían. Tratábase dunha serie de agrupacións mixtas de inspiración socialista, con seccións na maioría das cidades industriais de Inglaterra e cunha estrutura que se sostén na actualidade. Para a atravesada moral da época, eran clubs moi abertos á presenza feminina, e aínda hoxe algún deles recorda que precisamente foron elas as fundadoras. Entre as sufraxistas, mesmo as irmás Pankhurst participaron nas saídas ciclistas dos Clarion.
Alice Hawkins, obreira dunha fábrica de zapatos, formaba parte da sección de Leicester. Aprendera a montar xa maior: na época, ter unha bicicleta non era doado para as mozas de clase obreira. Sendo xa da Women's Social and Political Union, en 1909 decidiu, xunto con outras compañeiras, levar as súas ideas máis alá do centro de Leicester empregando o medio de transporte que lles era máis querido: a bici.
Hawkins e outras activistas percorreron a periferia en bicicleta para levar a loita polo voto ás máis remotas aldeas con gran éxito entre o público feminino e enorme espanto entre o sector máis cabestro da Gran Bretaña rural
Segundo conta Sheila Hanlon, historiadora do ciclismo feminino, durante meses, cada domingo pola mañá, Hawkins e outras activistas percorreron a periferia da cidade chegando a vilas a 50 quilómetros de distancia, para visitar outros centros de traballo, facer mitins ao aire libre, levar a loita polo voto para as mulleres ás máis remotas aldeas e, de paso, pedir doazóns para a causa. Fixérono, por certo, con gran éxito entre o público feminino (nun par de anos lograron un gran número de novas adhesións ao movemento) e con enorme espanto entre o sector máis cabestro da Gran Bretaña rural. Porque non é só que aquelas señoras falasen de igualdade de dereitos, non: é que o facían en pantalóns e fregándose luxuriosamente contra a sela da bicicleta mentres escabapan dos traballos da casa.
Lembranza de Hawkings e a súa bicicleta no acto inaugural dunha estatua na súa homenaxe / Leicester College
Sheila Hanlon cita no seu blog a biografía Alice Hawkins and the Suffragette Movement in Edwardian Leicester, de Richard Whitmore. Nela, unha das sufraxistas ciclistas retrata unha das excursións, en 1911, como unha experiencia feliz e liberadora: "Chego a Loughborough, eu coa miña insignia e as cores verde, branca e violeta do sindicato, mentres as descoñecidas nos saúdan cun sorriso".
Para que logo digan que as bicis non poden cambiar o mundo.