Bicis, xenebra e xerseis co arco da vella

Dominio Público Praza Pública

Que dura e que triste foi case sempre a vida das pioneiras do ciclismo. Quizá ningunha tanto coma a de Mien van Bree, precursora das fabulosas rodadoras holandesas que dominan desde hai anos o calendario internacional. Despois de anos de loita, Van Bree gañou en 1937 o Mundial; só un par de anos despois estaba de volta na casa, coidando da nai enferma e afogando a frustración en alcol.

A xornalista Mariska Tjoelker escribiu hai uns anos unha biografía de Mien van Bree sobre unha vida chea de rabia que só se apagaba enriba da sela. Nacera preto da Haia en 1915, e un campión do mundo veciño (cousas de vivir na terra das bicis) descubriu o seu potencial véndoa pedalear detrás dos autobuses por puro pracer. Ademais dunha forza descomunal, a rapaza tiña un compromiso enorme co deporte, e fora con 16 anos a fundadora dun dos primeiros clubs ciclistas femininos da volta.

Empezar a competir en serio supúxolle a primeira decepción: nos Países Baixos as carreiras entre mulleres estaban prohibidas, así que non lle quedou máis remedio que trasladarse a Bélxica, onde si había un circuíto máis ou menos estable de ciclismo feminino. Durante varias temporadas mediuse coa entón dominadora do pelotón, a belga Elvire de Bruyn, que se retiraría a mediados da década e reaparecería anos despois correndo en probas para homes baixo o nome de Willy Debruyne.

Despois de anos de loita, Van Bree gañou en 1937 o Mundial; só un par de anos despois estaba de volta na casa, coidando da nai enferma e afogando a frustración en alcol

O final dos trinta foi a súa época. En 1937 coroouse campioa de Europa e en 1938 gañou o Mundial. Repetiría títulos unha temporada máis. Ata que, no 1940, o seu mundo se derrubou. Co comezo da Segunda Guerra Mundial, as competicións pararon. Ademais, Van Bree viuse obrigada a regresar a Holanda para coidar á nai, xa moi vella. Nada que non saiban tantas e tantas mulleres. En Bélxica quedoulle, ademais, o amor da súa vida, a tamén ciclista Maria Gaudens.

Mien van Bree desaparece por completo dos rexistros ciclistas desde entón. Privada da vida que quería ter, atopou unha nova amiga tan acougante como perigosa: a xenebra. Durante corenta anos traballou de enfermeira nun psiquiátrico (e, polo visto, tamén pasou polo mesmo sanatorio como interna, debido á depresión e á bebida). Viviu soa e recluída nunha casiña, criando canarios e vendo o Tour de Francia pola televisión, durmindo coa bici que pilotara nos anos trinta ao lado da cama e cos xerseis de campioa do Mundo ben dobrados no armario. En 1983 atoparon o seu corpo frío dentro da vivenda: afogara no seu propio vómito.

Mien Van Bree Dominio Público Arquivo Nacional dos Países Baixos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.