Un día destes, lendo cousas sobre reloxeiros suízos e marxismo (non todo vai ser o As) atopei unha foto ben curiosa, a que acompaña estas liñas. Trátase da única imaxe coñecida do F.C. Bakunin, tomada contra 1976 na cidade de Zúrich. Nela pódense ver a preto de vinte futbolistas afeccionados, entre eles dúas rapazas, co puño levantado, perfil non demasiado atlético e a cara do pensador anarquista ruso impresa sobre a zamarra. Hai moito pelo longo, moita barbouza propia da época, un mozo protopunk que en lugar de erguer o puño mostra o dedo corazón e, en xeral, moitas risas e un ambiente san de cachondexo, que dirían Os da Ría. Non sei por que me dá que, de xogar servidor algún día ao fútbol, faríao nun equipo semellante.
A foto mostra ben ás claras que non hai que confundirse cos suízos. Polo menos non con todos.
Cando un pensa no país helvético tende a ver montañas cubertas de neve e cámaras acoirazadas alfombradas de billetes, a vaca lila de certa marca de chocolate e un reloxo de cuco. O que me leva de novo ao que en orixe eu estaba lendo: en 1869 Mijail Bakunin viaxou a Suíza e reuniuse cos obreiros da industria reloxeira local dentro das súas eternas xiras de difusión revolucionaria. Desde entón e ata ben entrado o século XX os ácratas serían unha importante forza sindical no sector, mesmo fundando unha Fédération des Unions Ouvrières con moita presenza na rexión do Xura, pero de breve existencia.
Os anarquistas, polo visto, despregaron un xogo vistoso e tan xovial coma as súas pintas; desgraciadamente, resultaron ser un conxunto brillante pero pouco organizado, afouto mais individualista en exceso
Tampouco durou demasiado o F.C. Bakunin, aínda que tivo o seu momento de gloria, ou algo así. O escritor Stefan Howald conta na súa web que a mediados dos setenta unha recua de equipos fundaron en Zurich a chamada Liga Alternativa. O primeiro partido do campionato xogárono o Bakunin e o Soldatenkomitee, un nome curioso, como destaca Howald, nun país sen un exército como tal.
Os anarquistas, polo visto, despregaron un xogo vistoso e tan xovial coma as súas pintas; desgraciadamente, resultaron ser un conxunto brillante pero pouco organizado, afouto mais individualista en exceso, e perderon por 3-5 contra o Comité de Soldados. Sempre andamos nas mesmas.