Gretel, Ibolya, Dora

Dominio Público Praza Pública

O 9 de agosto de 1936 Jesse Owens conseguía o cuarto ouro nos Xogos de Berlín, fulminando as ideas supremacistas da cúpula nazi organizadora, presente no estadio durante a xornada. Ese mesmo día celebrouse outra final épica e igualmente cargada de simbolismo e de humillación para os racistas: a do salto de altura feminino.

Porque, durante meses, a cúpula do deporte nacionalsocialista manobrara á desesperada para evitar que a mellor saltadora de Alemaña, Gretel Bergmann, participase na competición. De acordo que a rapaza era un portento físico e a mellor baza xermana para a proba, pero tiña un defecto insuperable a ollos dos xerarcas: era xudía. Nos Xogos, só unha atleta desa relixión vestiu as cores do III Reich, a tiradora de esgrima Helene Mayer, que vivía nos Estados Unidos. Foi en parte por unha campaña de lavado de imaxe do réxime; con todo, despois de quedar segunda na proba, volveu para América, mudou de nome e non puido regresar ao seu país ata 1950, para comprobar que varios parentes lle foran asasinados na trituradora humana dos campos de concentración.

Era daquela impensable que Bergmann participase e, peor aínda, gañase para Alemaña un ouro xudeu. Na previa dos Xogos o Comité Olímpico xermano descartouna por ter unhas marcas mediocres, pese a que viña saltando regularmente 1,60, unha barreira á que moi poucas competidoras chegarían na propia final. No seu lugar presentaron a Elfriede Kaun, de Kiel, e a unha alta e musculosa rapaza de Bremen chamada Dora Ratjen, que aprendera a técnica da mesma Bergmann.

A primeira das favoritas en caer no Olímpico de Berlín foi Ratjen, asfixiada pola presión de se sentir a herdeira de Bergmann. Kaun e a británica Dorothy Odam foron terceira e segunda, respectivamente, cunha marca de 1,60 idéntica á que deixara fóra da competición a Gretel. Só unha saltadora superou o listón en 1,62 metros para conseguir o ouro: a húngara Ibolya Csák. Para máis sinais, era xudía.

A historia de Dora Ratjen é a máis alambicada e triste despois de converterse na dominadora absoluta do calendario de salto de altura feminino, batendo récord tras récord; tras varrer nos Europeos de Viena, un celoso revisor entregouna ás SS

A final durou unhas esgotadoras tres horas, mais os seus efectos continuaron notándose nos anos posteriores. Csák non volveu superar á Ratjen en ningunha cita importante e, tal como mandaban os tempos, retirouse nova para ocuparse do marido e da casa. Odam seguiu saltando ata a Segunda Guerra Mundial, cando viu como as bombas alemás lle arrasaban a casa durante o Blitz, e acabou conducindo ambulancias para o exército.

E Ratjen... a historia de Ratjen é quizá a máis alambicada e triste de todas. Despois dos Xogos de Berlín converteuse na dominadora absoluta do calendario, batendo récord tras récord. En 1938 varreu ás competidoras nos Europeos de Viena, superando por primeira vez o 1,70. Esa mesma noite, no tren que a devolvía a Alemaña, un celoso revisor confundiuna cun travestido, delito grave para o Reich, e entregouna ás SS pese a que ela mostrou a medalla de ouro acabada de conseguir na competición feminina.

Un exame médico con seguridade ben humillante descubriu que Dora era hermafrodita; aparentemente, os xenitais masculinos desenvolvéranselle tarde e ela medrara como muller, e así se sentía. Foi recluída polos nazis nun manicomio, borrada do mapa deportivo e do palmarés e finalmente recolocada en Hannover nun traballo gris e cun novo nome, Heinrich.

Dora Ratjen, en 1937 CC-BY-SA Bundesarchiv Bild

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.