É de supoñer que cando este artigo se publique o Benevento estará xa descendido desde a Serie A do fútbol italiano. Mentres escribo, véxoo último na clasificación da primeira división do Calcio, con só dez puntos en vinte e nove partidos e sesenta e nove goles en contra. Dáme igual: como xa comentei algunha vez aquí, un escolle os equipos aos que anima polas razóns que lle apetecen, e a min resúltame suficiente que o club vista coma o CD Conxo e que leve no seu escudo unha bruxa voante, das de vasoira e pucho en punta.
A bruxa é unha referencia á lenda pola que é coñecida en toda Italia esta cidade da Campania. Segundo contan, as bruxas reuníanse para bailar ás aforas, nun bosque de nogueiras que medraba na saída cada a Avellino (que a moitos lles soará por ser a vila natal da familia Soprano, nada menos). Despois, untaban os peitos cunha crema que lles permitía voar montadas enriba de vasoiras e percorrer a bisbarra repartindo desgrazas: ao seu paso sucedíanse os abortos, as deformidades neonatais, as enfermidades nos animais e nas persoas.
O primeiro punto chegoulle case por obra de bruxería: xogando nada menos que co Milán, o seu porteiro conseguiu marcar de cabeza no minuto 94
Hai quen atribúe a isto a triste traxectoria do conxunto esta temporada, aínda que igual non o é tanto, tendo en conta que representan a unha cidade con menos habitantes que Ferrol. A traxectoria do Benevento é de todo menos plácida: fundouse en 1929 e desapareceu nos anos cincuenta; refundouse pouco despois e, sorteando descensos e problemas económicos, tivo que constituírse de novo nos setenta, nos noventa e, finalmente, a principios deste século.
Este curso disputou a máxima categoría por primeira vez na historia e perdeu os catorce partidos iniciais da liga. O primeiro punto chegoulle case por obra de bruxería: xogando nada menos que co Milán, o seu porteiro conseguiu marcar de cabeza no minuto 94. Os compañeiros celebrárono bailando arredor del case coma nun aquelarre.