Cóntenme a verdade. Pasean vostedes entre os andeis dunha libraría de vello e, de repente, atopan un volume cun título tan bizarro coma The Underground Steroid Handbook, algo así coma "manual subterráneo dos esteroides". Díganme que realmente non lle darían unha oportunidade. O autor, Dan Duchaine, foi durante anos un dos adestradores de culturistas máis famosos dos Estados Unidos, e un gran defensor do uso de substancias dopantes para mellorar as calidades dos atletas.
Entre outras cousas, Duchaine avogaba polo uso da chamada hormona do crecemento humano, "o truco final que un atleta pode facer", e de todo tipo de atallos químicos coma os esteroides. Chamado o “gurú orixinal dos anabolizantes”, estivo relacionado de cheo coa irrupción da dopaxe a gran escala no atletismo occidental. Nos oitenta, o atleta inglés David Jenkins atopou por casualidade o seu famoso manual underground. Chegoulle xusto nun momento de depresión, segundo conta Richard Moore, autor do gran libro The dirtiest race in history, sobre a dopaxe e o atletismo. Jenkins, que fora corredor olímpico de certo éxito, acababa de retirarse despois de obter nos Xogos de Moscú uns resultados miserables. Na altura, aparentemente, o bloque comunista estaba por riba do capitalista á hora de proporcionar extras químicos aos campións roxos.
Tomar algunha daquelas porcalladas, admitía Duchaine, podía xerar efectos secundarios tan estraños coma que ao atleta lle medrasen os pés, as mans ou o bico. "E aínda así, amamos estas substancias", remarcaba
En 1986 el e Duchaine fixéronse socios e comezaron a vender esteroides producidos en México en ximnasios da zona de California. Forráronse pero duroulles pouco, pois en apenas un par de anos Jenkins entraría en prisión por tráfico de substancias prohibidas. Non é que ocultasen que o adobo que vendían tiña os seus riscos. Tomar algunha daquelas porcalladas, admitía Duchaine, podía xerar efectos secundarios tan estraños coma que ao atleta lle medrasen os pés, as mans ou o bico. "E aínda así, amamos estas substancias", remarcaba.
E tanto que as amaban. Unha das anécdotas máis rechamantes que conta Moore é que Duchaine tiña o gato máis cachas de Los Angeles. As calellas de Venice Beach parecíanlle moi perigosas para o micho, así que á súa dieta diaria engadíalle unha parte de Dianabol (un popular esteroide) que polo visto o facía invencible. El mesmo consumira as súas boas doses, para saber como funcionaba. Morreu aos corenta e tantos, vítima dun fallo hepático. Fagan contas.