Seguro que bastantes de vostedes aínda recordan con cariño uns debuxos sobre fútbol que botaban nos noventa titulados Supercampeones. Eu odiábaos. Odiábaos igual que odiaba as aventuras de Son Goku, toda aquela trapallada de combates (neste caso partidos) interminables nos que os personaxes se sostiñan no aire durante varios capítulos mirando para o contrincante con ollada tremelicante, mentres dicían fantasmadas motivacionais propias dun Paulo Coelho para infantes. Eu que sei; sempre fun máis de Pedro Picapedra saíndo medio trompa da pista de bolos.
Non debía haber moitos coma min, porque a serie tivo un éxito enorme. Sobre todo en Xapón, naturalmente, onde foi creada coa misión de evanxelizar os nipóns na verdadeira relixión, a do fútbol. Oliver e Benji, os magos del balón, estiveron danzando polas televisións de medio mundo ata ben entrado o século XXI, xogando en trasuntos de equipos coma o Barça e mostrándolles aos nenos e ás nenas que si, peques, se credes no voso talento, conseguirédelo. Case seguro.
O modelo que seguiron os debuxantes foi o de Musashi Mizushima, un centrocampista que partiu con só once anos cara ao Brasil para aprender da canteira do São Paulo
Aínda que tamén pode ser que quededes no camiño, como lle pasou ao inspirador da serie. Cando os debuxantes e os guionistas se puxeron a parir Captain Tsubasa (título orixinal), o modelo que seguiron foi o de Musashi Mizushima. Centrocampista de excepcional talento no fútbol infantil xaponés, partiu con só once anos cara ao Brasil para aprender dunha das mellores canteiras do mundo, a do São Paulo. Chegou ao club en 1975 e marchou dez anos despois... sen ter xogado co primeiro equipo nin un só partido.
Un dos seus compañeiros a mediados dos oitenta, xa no cadro profesional, foi o artilleiro Careca, a quen moitos recordarán da época na que el e Maradona eran o terror do Calcio formando parte do Nápoles. Nunha entrevista co xornal Lance! Careca recordaba a un Musashi que falaba ben portugués e "xa pillara a malicia dun rapaz normal, diferente dos xaponeses". "Era habilidoso, moi rápido", dicía o brasileiro, mais "os centrocampistas eran moi bos e os interiores tamén. Era difícil para el competir naquela aliñación".
Así que, despois dun decenio relegado primeiro ás categorías inferiores e despois aos encontros amistosos, Muzushima saíu do Sao Paulo sen debutar, xogou un pouco noutros equipos brasileiros de menor talla e acabou regresando ao seu país, no que a competición profesional estaba nacendo e onde aínda hoxe é, con todo, considerado unha lenda. Pouco tivo que ver a súa traxectoria coa do voador killer Oliver Tsubasa, quen, por certo, conseguiría un dos seus goles de ficción máis espectaculares cravándolla acrobaticamente ao Deportivo.