Vendo a colección de peiteados que é capaz de lucir nunha soa temporada ese Narciso contemporáneo que é Cristiano Ronaldo, un pode entender a importancia das barberías para o fútbol portugués. A cousa vén de lonxe: di a lenda que a maior estrela lusa ata a irrupción de CR7 foi fichada na cadeira dun cabeleireiro e anunciou a súa morte nun lugar similar.
A estrela é naturalmente Eusébio, o mellor futbolista de todos os tempos segundo Di Stéfano e, contan os que o viron xogar, un portento físico só igualado por monstros coma Ronaldo (Nazario, o brasileiro, non o portugués dos peiteados do que falabamos antes). O caso é que, polo visto, a súa chegada ao Benfica cociñouse nun salón de perruquería lisboeta ao que acudían con frecuencia xogadores e directivos do club. O adestrador era Béla Guttmann, todo un personaxe en si mesmo: húngaro, xudeu, escapado de Auschwitz polos pelos e un dos primeiros técnicos no sentido moderno da palabra.
Aínda que era ben calvo, Guttmann visitaba o barbeiro con frecuencia, e nunha destas atopouse cun amigo seu, o brasileiro José Carlos Bauer, que lle dixo que estaba en Lisboa de paso cara a África, onde o seu equipo ía para uns cantos partidos de exhibición. "Oe, pois se atopas algún rapaz bo e que poida xogar en Portugal, mándamo", pediu Guttmann. Uns meses despois, os dous atopábanse de novo debaixo das tesoiras do mesmo cabeleireiro lisboeta, e Bauer díxolle ao húngaro: "A verdade é que veño de ver un chaval en Mozambique... queríao para min, pero pídenme demasiado".
Dise que comeu durante 20 anos, día tras día, no mesmo restaurante lisboeta e colleu por hábito ir con bastante frecuencia á perruquería do Hotel Ritz. Alí fixo por forza amizade con João Besteiro, que lle cortou o pelo durante medio século
O mozo era Eusébio, ao que o Benfica fichou por medio millón de escudos (un pastizal para a época) do Sporting de Lourenço Marques, filial do Sporting de Portugal. A historia rocambolesca da chegada do Panteira Negra a Portugal foi escrita moitas veces: o outro gran equipo lisboeta quería contratalo a toda costa, moito máis tendo en conta que o club de procedencia era, en teoría, un filial, pero o diñeiro benfiquista tivo máis forza. Iso si, mentres os papeis non estiveron asegurados, Guttmann tivo ao dianteiro encerrado nun hotel no Algarve durante preto de dúas semanas, na compaña de tres gardacostas. Ao Benfica rentoulle tanto desvelo, e coñecido é que Eusébio foi o estandarte daquel equipo que gañou dúas Copas de Europa seguidas (aínda que el non estaba aínda na primeira) e da mítica selección portuguesa dos sesenta.
Volvendo aos barbeiros, a historia ten aínda unha reviravolta tráxica máis. O King era un tipo de costumes inflexibles. Dise que comeu durante 20 anos, día tras día, no mesmo restaurante lisboeta, e tamén que nada máis chegar á capital, en 1960, colleu por hábito ir con bastante frecuencia á perruquería do Hotel Ritz. Alí fixo por forza amizade con João Besteiro, que lle cortou o pelo durante medio século. Á morte de Eusébio, hai tres anos, Besteiro declarou ao diario Record que o vello dianteiro o visitara por última vez dous días antes de falecer dun ataque cardíaco, e que, entre corte e corte de tesoira, lle dixera: "Estou farto de vivir".