Raquetas ou espadas

Dominio Público Praza Pública

A finais da Idade Media o tenis comezou a popularizarse por un feito clave: en lugar de xogalo arreándolle golpes á bóla cun pau (o que facía necesaria unha cancha de extensión enorme e dificultaba devolver os puntos), comezaron e empregarse as mans ou pequenas raquetas. Para o XVI era xa toda unha moda entre as clases altas europeas, as que se podían permitir perder o tempo en floreos ociosos. O italiano Antonio Scaino de Saló foi o primeiro en redactar unhas normas, no 1555, para regular o chamado "xogo da corda". Nun campo dedicado a este deporte primixenio ocorreu o suceso que lle cambiaría a vida a Caravaggio.

Durante catro séculos contouse que o pintor, de nome real Michelangelo Merisi, tivera que fuxir de Roma en pleno éxito artístico despois de asasinar a un home por unha disputa nun partido de tenis. Dicíase que o encontro se xogara nunhas pistas hoxe desaparecidas, preto do Castelo de Sant'Angelo. Na zona segue habendo una rúa da "Pallacorda", como se lle chamaba a aquel protodeporte renacentista. Segundo se afirmaba, o pintor non puidera soportar verse derrotado e emprendéraa a raquetazos co rival. Das raquetas pasárase ás espadas e o rival acabara teso.

A historia cadra ben co carácter complicado de Merisi. Andrew Graham-Dixon conta nunha magnífica biografía que o pintor facía parte de bandas conformadas por unha mestura de delincuentes e esmorgantes, que percorrían a noite romana buscando xolda e pelexa. Caravaggio era un tipo con moi malas pulgas, capaz de saltar á mínima ofensa, real ou imaxinaria, e susceptible en extremo a que se puxese en dúbida a súa posición social.

Durante catro séculos contouse que Caravaggio tivera que fuxir en pleno éxito artístico despois de asasinar un home por unha disputa un partido de tenis, pero a cousa foi algo máis complicada

Pero a cousa foi algo máis complicada. Caravaggio e a súa vítima, Ranuccio Tomassoni, coñecíanse de vello e xa tiveran algún enfrontamento nos baixos fondos. A finais de maio de 1606 o tenis foi só a escusa para un duelo, con testemuñas, padriños e todo o que estes eventos debían ter. Raquetas non debeu haber por ningunha parte, máis ben espadas curtas e aguzadas. Os dous contendentes tiñan historias pendentes do pasado, entre elas a disputa polo amor de Fillide Melandroni, outra habitual da Roma subterránea. Se teñen curiosidade por verlle a cara, é a Judith que degola a Holofernes con xesto de noxo no famoso cadro de Caravaggio, e tamén a modelo habitual do pintor nas súas obras finiseculares. De Caravaggio hai un monte de autorretratos, pois era moi afeccionado a facerse aparecer dentro das obras propias.

Semella que Tomassoni entrou ao torneo forte. Puxo en dúbida a masculinidade de Merisi, destacando a súa querenza por retratar espido a un axudante, e tentou tallarlle as partes. Caravaggio, furioso, respondeu facendo o propio, e case o conseguiu. Tomassoni falecería por un corte na arteria femoral, sobre a mesa do barbeiro que tentaba pararlle a hemorraxia. Ferido de gravidade pero temoroso da xustiza, o artista escapou de Roma, comezando unha fuxida de catro anos que o levaría a Nápoles, Malta e Sicilia, antes de morrer en Porto Ercole suplicado o perdón polo asasinato que cometera, perseguido e deostado por aqueles que, pouco antes, admiraran a súa mestría escura.

Caravaggio, retratado por Ottavio Leoni Dominio Público Milano.it

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.