Ronald Reagan, xornalista deportivo

Dominio Público Praza Pública

A todos nos gusta compararnos cos grandes xenios da historia, buscar nas nosas escasas virtudes algunha semellanza, aínda que sexa remota, coas persoas que modelan o mundo. Eu, que teño unhas fontes un pouco estrañas, acabo de descubrir un parecido moi convincente nada menos que con Ronald Reagan, o orixinal, primeiro e inconfundible clown (con perdón para a profesión) que ocupou a Casa Branca. Resulta que moito antes de se converter ao anticomunismo feroz e de anunciar a construción dun escudo balístico antimisís que protexería aos Estados Unidos da furia nuclear soviética; antes mesmo de se converter en actor envarado en películas romanticonas e de serie B, o bo do Ronnie foi, coma servidor, xornalista deportivo e comentarista radiofónico.

Non remata aí a comparación, aínda que no meu caso o deporte era o fútbol e no seu o seu esa xincana incomprensible que é o béisbol, e o meu equipo era o Pontevedra CF mentres que o que el seguía eran os Cubs de Chicago. O caso é que ambos os dous andabamos escasos de coñecementos técnicos e sobrados de imaxinación. Eu, convencido de que ninguén escoitaba as miñas retransmisións, apostaba cada semana con Diego Ameixeiras que sería capaz de colar na narración unha palabra ou frase que podía ou non vir ao conto: falar do “imperio austrohúngaro” (foime moi útil que o partido fose contra o Celta B e o fondo norte do vello Pasarón estivese cuberto de bandeiras otomanas, en provocador xesto pro coruñés); saudar “a fulano de tal, que neste momento está pasando o ferro” (estaba, efectivamente); ou nomear a un toureiro como medio centro do equipo rival. Nos anos trinta Reagan, pola súa banda, retransmitía sistematicamente partidos que non vía, simplemente lendo e interpretando o que saía da liña telegráfica.

Polo que parece, facíao ben. Dutch (chamáballe así o seu pai, porque seica de cativo se lle semellaba a un holandés gordecho) desenvolvera na súa infancia unha memoria fotográfica para paliar unha miopía galopante. Conta Frances FitzGerald en Way Out There In the Blue que na escola non vía un pemento do que escribían non encerado, e como non había cartos para gafas, o rapaz recoñecía as formas das palabras e chapábaas. Esta retentiva brutal serviulle primeiro para recordar nomes e estatísticas, despois para cravar as frases de guións de medio pelo e logo para soltar datos sen moito criterio nos debates políticos. Disque era capaz de achegar cifras fose cal fose a conversa, tanto se trataba sobre armamento nuclear como da cría de polos en Wisconsin ou as temperaturas medias en Sioux City, Iowa. Outra cousa era que a información fose certa ou viñese a conto, que niso tamén foi pioneiro.

Reagan desenvolvera unha memoria fotográfica para paliar unha miopía galopante; aínda que nunca vise un partido narraba o xogo de forma convincente e apaixonada

O caso é que Reagan tiña unha voz fonda e conquistadora e, aínda que nunca vise un partido de béisbol en directo (o del eran o fútbol americano e a natación), narraba o xogo de forma convincente e apaixonada. Improvisaba sobre o escándalo dos espectadores ante tal lance ou a alegría por tal outro, valoraba o tempo que facía no estadio ou contaba o que falaban os xogadores nunha cancha invisible para el. Botáballe bastante peito. Unha anécdota que el mesmo contou ducias de veces durante a súa presidencia e palabra por palabra (cousas da memoria fotográfica) foi que nun partido entre os Cubs e os Cardinals de Sant Louis o telégrafo avariouse contra o remate do encontro, cun axustadísimo 0-0 no marcador. "Que ía facer, dicirlles aos oíntes que a liña estaba cortada e que buscasen outra emisora?", preguntábase moitos anos despois. Lonxe diso, púxose a improvisar un apaixonante final no que os lanzadores fallaban seguido ante Billy Jurges, o lendario bateador de Chicago. Cando xa levaba máis de cinco minutos desbarrando e comezaba a poñerse nervioso, o telégrafo volveu a funcionar e, para espanto de Reagan, o primeiro que leu foi: "Jurges, eliminado no primeiro lanzamento".

Reagan, proclamado candidato á presidencia dos EUA en 1980 Dominio Público Ronald Reagan Presidential Library & Museum

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.