Varias persoas (bastantes, en realidade) afeáronme nos últimos meses que no primeiro volume do Bestiario do vestiario non aparecese nin unha soa historia relacionada co baloncesto. Teñen razón, naturalmente. Direilles, como lles dixen a eles, que non foi nada premeditado. É certo que servidor non é un gran seguidor do básquet (non se pode andar a todo), e que certa tendencia dos seareiros a reducir todo un deporte a estatísticas, puntos e palabróns en inglés bótame un pouco para atrás; pero tamén é verdade que houbo unha época na que todos os rapaces das Casas Baratas xogabamos á baralla da Liga de Baloncesto e soñabamos con ser tan guapos coma Jordi Villacampa ou tan bestas coma o Tkachenko. Unha vez sentei nun avión ao lado de Corbalán e da emoción non puiden abrir a boca en todo o traxecto.
O baloncesto deu, por suposto, grandes bestas dignas de entrar neste caderno. Por exemplo, Zdenko Babic, quizais o máis descoñecido dos xogadores da lendaria escola iugoslava dos oitenta mais, aínda hoxe, posuidor do récord de puntos anotados nun partido oficial en Europa. 144, nada menos.
Babic é quizais o máis descoñecido dos xogadores da lendaria escola iugoslava dos oitenta mais, aínda hoxe, posuidor do récord de puntos anotados nun partido oficial en Europa
Guiándonos pola cifra, poderíase pensar que o tal Babic era un fenómeno con pulsos telescópicos, pero non é así. Foi un xogador moi discreto do KK Zadar, un equipo naquela altura eclipsado polos potentísimos Cibona de Zagreb e Jugoplastika de Split. Por riba, en 1985 Babic non era precisamente un craque: nunca estivo na selección e nin sequera nas competicións menores era titular. O récord foi froito da rivalidade entre os seus compañeiros e un xogador que, ese si, foi unha estrela con todas as letras: Drazen Petrovic.
Simplemente con mencionar a Petrovic veñen á cabeza tanto a súa habilidade para zafarse do defensa e lanzar como a infinita capacidade de provocación que posuía. A temporada 1985-1986 empezara para el da mellor forma posible: facéndolle nada menos que 112 puntos a un rival moi feble que xogara en Zagreb só con xuvenís, e establecendo así a plusmarca continental de anotación. O doce Drazen tiña daquela 21 anos, pero xa lle dera tempo a coleccionar inimigos en todas as pistas de Europa. En Zadar non o tragaban a metade dos baloncestistas e, sobre todo, non o soportaba o adestrador, Vlado Djurovic, co que se encarara estando os dous no Sibenka.
O récord foi froito da rivalidade entre os seus compañeiros e un xogador que, ese si, foi unha estrela con todas as letras: Drazen Petrovic
Así que Djurovic deseñou un plan para fastidialo: no seguinte partido, unha previa da extinta Copa Korac, o Zadar enfrontábase ao Apoel chipriota, ao que xa venceran na ida case sen necesidade de correr. A idea era facer que todas as xogadas rematasen no mesmo lanzador, para que este encestase todo o posible e superase a marca. Cando o adestrador o propuxo na caseta, os titulares opuxéronse: aquilo era moi porco, mesmo para servir de escarmento a Petrovic. Só houbo un que non se negara: o pobre Babic, que acababa de chegar ao vestiario.
Aínda así, Babic comezou o partido no banco, non fosen torcerse as cousas de principio. En canto saíu, os compañeiros empezaron a poñerllas como llas puñan a Fernando VII: anotou de tres, de dous, de un, de lonxe, de cerca, desde a esquerda, desde a dereita; mentres catro xogadores defendían, el quedaba só debaixo da cesta rival, esperando o pase final; meteu 28 triplas, 16 canastras de dous e 28 tiros libres. Foi o día de gloria dun “suplente que acaba de reincorporarse ao equipo tras realizar o servizo militar”, contaba con incredulidade en El País outro mito, Pedro Barthe.
Tampouco chistou moito o resultado en Iugoslavia. “Fazaña ou chiste?”, preguntaba a prensa o día despois. Babic desapareceu moi pronto do panorama deportivo balcánico; a Petrovic, que no decenio que lle quedaba de vida o sería todo, o récord duráralle cinco días.