No último debate de política xeral, en marzo de 2012, Alberto Núñez Feijóo amosaba a súa ledicia por poder acompasar a súa xestión á do novo Goberno central do PP, un Executivo que, gababa, viña de realizar unha "reforma finaceira" que establecía "un marco estable para poder devolver o crédito ás canles da economía". Dende a tribuna parlamentaria o presidente afirmaba que, no caso galego, "seguimso en pé na segunda reestruturación financeira, aínda que lles pese a moitos". Pos iso facía votos para "volver resistir" e "manter unha entidade financeira con centros de decisión en Galicia". Se Novagalicia Banco se "capitalizaba" e cumpría o "obxectivo fundamental que é facilitarlles aos emprendedores e ás familias galegas o crédito, a Xunta estará con eles". Un ano e medio despois, a célebre billa do crédito está aínda máis atrancada que daquela.
Alén de lemas ou anuncios oficiais, os datos oficiais do Banco de España amosan que, no momento en que Feijóo pronunciaba estas palabras, no final do primeiro trimestre de 2012, a cidadanía galega manexaba un total de 63.403 millóns de euros en créditos procedentes das diferentes entidades financeiras. Cando o líder da dereita volva acceder á tribuna o vindeiro martes estes mesmos datos amosan que o crédito en Galicia caeu un 16,21%, situándose ao peche do segundo trimestre de 2013 -último dato dispoñible- en 53.123. Isto prodúcese, ademais, nunha conxuntura na que, como informou Praza Pública, Galicia xa ten depositados máis cartos nos bancos dos que recibe prestados, converténdose en fornecedora neta de crédito para o resto do Estado.
O crédito caeu en Galicia máis dun 16% dende o anterior debate de política xeral
E o que quedaba das antigas caixas? Poucos meses despois da celebración do devandito debate parlamentario comezaba a clarificarse o que era segredo a voces: Novagalicia Banco, entidade herdeira das finadas Caixa Galicia e Caixanova, ía ser vendida polo Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB). O ente estatal pasou a controlar a totalidade do banco tras valoralo en -3.091 millóns de euros, os investidores privados que a Xunta contribuíra a captar perderon os 70 millóns de euros que achegaran e Novacaixagalicia perdía tamén a súa participación. Mentres, as persoas afectadas polas preferentes contribuían ao saneamento da empresa con case a metade dos seus aforros e Novagalicia soltaba lastre transferíndolle máis de 5.000 millóns de euros de ladrillo tóxico ao banco malo.
Venda e investigación
Malia todas estas operacións Novagalicia Banco rematou 2012 con case 8.000 millóns de euros en perdas e 2.000 empregados e empregadas menos que tras a fusión das caixas. Neste contexto foi no que afrontou o seu último ano como entidade independente, isto é, non controlada por outro banco ou por un fondo de investimento estranxeiro. Sexa quen sexa a empresa compradora, o que xa é sabido é que se fará cos restos do que foron as grandes entidades financeiras galegas por, aproximadamente, a metade do seu valor real, segundo recoñeceu o FROB. O propio FROB ratificou, ademais, a irrelevancia do criterio da Xunta na operación de venda e o nulo peso do criterio territorial para decidir quen serán os adxudicatarios: "A Xunta pode ter a súa opinión, pero quen decide é o FROB", resume o director xeral do organismo, Antonio Carrascosa, quen ademais abonda no feito de que a vinculación con Galicia dependerá unicamente da decisión de quen compre.
O FROB ratificou a irrelevancia da Xunta na venda de Novagalicia Banco
Mentres todo isto acontecía no Parlamento desenvolveuse a descafeinada comisión de investigación das caixas, unhas sesións que, cun aquel forense, serviron para ratificar os excesos incontrolados na xestión dos antigos dirixentes. Aínda que todo apunta que desta investigación non derivará consecuencia ningunha e malia ao segredo imposto polo partido que sustenta ao Goberno, ao longo da comisión transcenderon datos como que a publicitadísima auditoría de KPMG para avalar a fusión nin era unha auditoría nin avalaba unha fusión que o Banco de España viu "inviable" catro meses despois de aprobala. Estes datos non impediron que a Xunta se exculpase do acontecido no proceso, tampouco despois de coñecerse que o despezamento e venda da entidade deriva, en última instancia, dunha decisión do Goberno de España: non considerar sistémica á entidade que foi cerne do agora practicamente desaparecido sistema financeiro galego.