A gran banca española colle máis vantaxe na carreira por Novagalicia

Oficina de Novagalicia Banco na Coruña © NGB

Quedan seis. Ese é o número de candidatos a facerse co control de Novagalicia Banco logo de que a entidade recibise preto de 9.000 millóns de euros en caratos públicos. O FROB anunciou a última hora deste luns que recibira seis ofertas vinculantes para se facer co 88% do capital en venda a través dunha poxa á que, malia non haber confirmación oficial, presentaranse os tres principais bancos españois (BBVA, Santander e CaixaBank), o venezolano Banesco e dous fondos de investimento (Guggenheim e JC Flower xunto a Oak Tree), logo de que Wilbuir Ross e Anchorage desen marcha atrás.

Non trascendeu o importe e agora o FROB decidirá se adxudica NCG á mellor delas ou se abre unha segunda volta. Só adxudicará directamente o banco á mellor das ofertas se supera en máis de 200 millóns á segunda e se ademais é un 50% superior a ela. E isto supón un novo cambio, xa que en principio o FROB pretendía pechar a poxa de cumprirse só unha das dúas opcións. Enténdese este novo cambio de última hora a unha intención de quitar de riba as sospeitas que todas as fontes do sector teñen sobre un proceso que acusan de favorecer claramente á gran banca española en contra dos fondos internacionais e facilitar así unha segunda volta con tres candidatos. De feito, xa só quedan dous na carreira.

Un novo cambio nas condicións facilita unha segunda volta con tres candidatos, pero a banca española segue a ser a favorita

Porque son as entidades españolas as únicas que poden acceder a uns beneficios fiscais de máis de 4.600 millóns de euros, mentres que os fondos internacionais terían dereito a algo menos da metade. Isto significa tamén unha importante perde para o Estado, que renunciaría a uns 2.260 millóns que perdonaría aos grandes bancos. Aínda así, Banesco -que xa ten presenza en Galicia a través do Banco Echeverría- e os investidores continúan adiante.

Dous fondos e o venezolano Banesco continúan na poxa malia a alfombra vermella que xa pisan as grandes entidades do Estado

O FROB comunicou á entidade que tiña cuns 2.300 millóns en activos fiscais diferidos para que calquera dos gañadores da poxa poida computar como capital, ao poder compensar a cantidade nun prazo de ata 18 anos cos beneficios qeu vaia xerando. De non facelo, recibirá débeda pública. pero ademais, NCG suma uns 2.000 millóns máis nestes activos fiscais aínda sen activar e que dependerán da capacidade do vencedor para xerar bos resultados e aproveitalos máis ou menos. Esa é a gran vantaxe dos xigantes españois e todo indica que un deles acabará absorvendo Novagalicia, malia a posición contraria da Xunta e dos propios dirixentes da entidade. A catalá CaixaBank é a que conta con máis posibilidades.

 

O BNG levará o proceso á Fiscalia Anticorrupción

O BNG xa anunciara, antes de coñecer as ofertas definitivas, que pedirá á Fiscalía Anticorrupción que "estude o proceso de toma de decisións" na venda de Novagalicia por parte do ministro De Guindos e do FROB por se houber "causa de delito". A formación nacionalista observa unha posible "prevaricación e malversación" e xa xuntou argumentos xurídicos para unha solicitude que presentará unha vez se confirme a venda. Para o Bloque, hai "moitos indicios" de que desde o Estado se está a favorecer a banca española ante os fondos de investimento.

O voceiro do BNG, Xavier Vence, ve unha posible "malversación" de fondos, xa que agora o prezo de venda de NCG é agora "inferior" á que podería alcanzar no futuro, segundo "todas as opinións de expertos". Xa que logo, de consolidarse agora produciríase "un dano ás arcas públicas". Para a formación, a decisión de "non computar os beneficios fiscais" na valoración das ofertas beneficia á banca e supón "un desfalco no erario". Ademais, denuncia tamén "a opacidade e falta de transparencia" no proceso de venda, que define como "ultraxe a Galicia" ao "roubar" aos galegos "os aforros diante dos nosos ollos".

Segundo o BNG, de confirmarse a venda de NCG á banca española, consumarase "a colonización financeira de Galicia". Así, critica que a Xunta "non sexa capaz de defender os intereses de Galicia", polo que chaman a forzas políticas, axentes sociais e económicos e a todos os galegos a se manifestar o vindeiro 28 de decembro para "protestar contra o expolio" do aforro galego.

O PSdeG considera a venda "escura, precipitada e runiosa" e acusa a Feijóo e Rajoy de liquidar o sistema financeiro galego

Pola súa banda, o PSdeG criticou a operación "escura, precipitada e ruinosa" da venda de Novagalicia e lamentou que Galicia quede así como a "única comunidade histórica do Estado que non terá sistema financeiro". O voceiro parlamentario dos socialistas, José Luis Méndez Romeu, cre que "o PP de España e o señor Rajoy están liquidando o sistema financeiro galego coa complicidade do Goberno galego e do señor Feijóo", logo de "modificar as regras do xogo de día en día para dirixir a poxa de NCG de acordo aos designios do Executivo central".

O PSdeG insiste en que a venda é "precipitada", xa que o prazo concedido pola UE finaliza en 2017, e recomenda en que dentro de catro anos o escenario financeiro "será moito maís favorable" e abriríase a posibilidade de que "capital galego puidese comprar o banco". "É unha venda ruinosa e suporá unha elevadísima perda". Ademais, advertiu de que "non está garantido o emprego, senón todo o contrario" e de que o caso das preferentes "quedará nun limbo".

Precisamente, e en canto ao emprego, tres sindicatos de Novagalicia (UGT, CIG e ASCA) veñen de convocar concentracións para este xoves e sábado para reclamar ao comprador da entidade que se comprometa a manter os postos de traballo. Nun comunicado conxunto, critican que o FROB decidise "que entre as condicións da poxa non figure o mantemento do emprego", o que deixa o plantel "nunha situación de extrema urxencia".

Os traballadores convocan mobilizacións para reclamar o mantemento dos postos de traballo ao novo dono

Así, chaman aos delegados a asistir a unha mobilización ante a sede do Banco de España na Coruña, ás 11 horas, onde entregarán un escrito ao gobernador. Xa o sábado, convocan os traballadores ás 12.30  na Quintana, en Compostela, para unha protesta masiva que xunte empregados e cidadáns en xeral. Baixo o lema Compromiso polo mantemento do emprego e con Galicia ou O que compra tamén debe comprometerse co mantemento do emprego, os traballadores pedirán manter o actual cadro de persoal da entidade.

Exterior dunha oficina de Novagalicia Banco © NGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.