O novo dono de Novagalicia Banco pagará pola entidade 1.003 millóns de euros. A oferta de Banesco é bastante menor ao obxectivo que se marcara o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), que aspiraba a conseguir uns 1.500 millóns polos restos das caixas galegas.
De Guindos quería pagar a La Caixa os favores prestados por Fainé coa moeda de Novagalicia
Pero máis aló dos números, esta poxa foi tamén un enfrontamento político entre Galicia e Madrid. Máis ben, entre o presidente Alberto Núñez Feijóo, que loitou por manter esa suposta "galeguidade" de Novagalicia Banco, e o ministro de Economía, Luis de Guindos, quen segundo fontes do sector financeiro, avogaba por pagar con esa moeda os favores prestados por Isidro Fainé, presidente de La Caixa. Desa forma tamén daba por resolta a reestruturación do sistema financeiro español, presentando a Bruxelas un mapa estable e afastado dos intereses locais que o Goberno cre que tanto dano fixeran nas caixas de aforros.
Non fai falta máis que escoitar as primeiras reaccións de fontes financeiras galegas para saber que o triunfo de Feijóo está na liña que máis desgusta a Bruxelas. "Despois do ocorrido co Banco Pastor, aquí non podiamos deixar que a concesión dos créditos dependese de criterios tomados en Madrid ou en Barcelona", comentaron esas fontes a este diario.
Dentro do malo, a opción venezolana semella moito máis galeguista que todas as demais que poxaron polo banco: Santander, BBVA, La Caixa e os fondos voitre, aos que nun principio tamén apoiou Feijóo, Guggenheim e JC Flowers.
O banco deuse a coñecer no Estado hai 12 meses coa compra do Etcheverría
A cúpula directiva da primeira entidade financeira privada de Venezuela, con Juan Carlos Escotet á cabeza, ten orixe española, maioritariamente asturiana e galega. O banco deuse a coñecer en España hai 12 meses coa compra do galego Etcheverría, a entidade máis antiga no conxunto do Estato. Daquela contaba con apenas 50 oficinas e hoxe xa son 117. O seu crecemento embárcase nun ambicioso plan de expansión que agora se complementa coa adquisición de Novagalicia Banco. Fóra de España, o grupo Banesco ten 450 oficinas en varios países de Latinoamérica, ademais de oficina en Xenebra e representación nas principais capitais financeiras de Europa e os EUA.
En termos financeiros, isto é un David que come a Goliat
Aínda así, en termos financeiros, isto é un David que come a Goliat, xa que os seus activos roldan os 27.000 millóns de euros, fronte aos máis de 40.000 que suman os de Novagalicia, aínda que esta última deberá reducir o seu capital até 30.000 millóns, segundo exixe Bruxelas tras ser rescatada e beneficiaria de 9.000 millóns de axudas públicas.
Emprego e crédito para Galicia
O argumento máis potente de Banesco e Feijóo para loitar por Novagalicia era o mantemento dos postos de traballo e a estrutura da entidade tal e como está nestes momentos. É dicir, uns servizos centrais nos que traballan máis de mil persoas e unha rede de oficinas que, segundo manifestaron fontes de Banesco, non teñen "intención de modificar moito" porque o que queren é crecer e ampliar negocio.
O banco venezolano non ten investimentos industriais nin inmobiliarias en ningún dos países nos que está presente
Outro dos puntos fortes que presentaba o proxecto era o seu modelo de negocio, baseado na banca tradicional e comercial minorista. "Aquela que só se dedica a tomar depósitos e dar préstamos sen abordar ningunha outra actividade. En ningún país dos que estamos presentes temos investimentos industriais, nin inmobiliarias", comentaban durante o proceso de presentación de ofertas os responsables da entidade. Así aseguran que o fan en todos os seus bancos latinoamericanos e así o fixeron no ano que levan xestionando o Etcheverría. Iso permítelles contar con "moita liquidez nestes momentos" e por iso están en mellores condicións que o resto da banca española para dar crédito.
A obra social era o terceiro alicerce no que se sustentaba a súa proposta e a que querían facer valer fronte á estratexia máis a curto prazo dos fondos de investimento: "É un proxecto que queremos abordar cun horizonte mínimo de cinco anos".
Banesco ten ficha bancaria en España, o que lle permite dispor do total dos créditos fiscais de NCG, 4.600 millóns de euros
Outro punto ao seu favor era que Banesco, a diferenza dos fondos de investimento como Guggenheim, si ten ficha bancaria en España, xa que a sede do seu holding está aquí desde 2006. Isto implica que pode dispor do total dos créditos fiscais de Novagalicia, 4.600 millóns de euros, e non como os fondos de investimento que só tiñan acceso a 2.431 deses millóns. Unha diferenza que levou a estes últimos a presentar unha queixa ante Bruxelas.
La Caixa, o gran perdedor
Con esta solución, La Caixa e o seu presidente Isidro Fainé convértense nos grandes perdedores. Segundo explicaron fontes financeiras, a intención de Luis de Guindos era compensar a Fainé polos servizos prestados ao longo da crise financeira asumindo a propiedade de bancos arruinados como Banco Valencia e gañando un aliado para a batalla política independentista que se está librando en Barcelona.
De Guindos quería compensar a Fainé e, de paso, gañar un aliado para a batalla do PP e do Goberno contra o independentismo
Coa adquisición de Novagalicia, a entidade presidida por Fainé aspiraba a dous obxectivos: por unha banda, conquistar a parte do territorio estatal onde a rede de oficinas de CaixaBank é máis feble e, polo outro, a escusa perfecta para abordar unha nova reestruturación en toda a súa rede de oficinas sen que esta resultase traumática. Tamén estaba sobre a mesa a posibilidade da chamada "opción do dous por un". É dicir, que a cambio dunha entidade tan interesante como a galega, aceptase tamén asumir o último caramelo envelenado que lle queda ao sistema financeiro español: CatalunyaCaixa.