"A supresión do CES e Competencia vai crear unha situación de corrupción estrutural"

Toma de posesión de Corina Porro á fronte do CES CC-BY-SA CES

Non vai existir ningún tribunal independente de Competencia. Eliminado o de ámbito estatal polo Consello de Ministros hai tres semanas, o de Galicia correrá a mesma sorte. Así o anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Debate sobre o estado da Autonomía. Os vicevaledores do Pobo, o Consello Galego da Competencia e o Consello Económico e Social (CES) pasarán a diluírse no Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL). Este último é un organismo "de diálogo institucional entre os axentes sociais galegos, así como un órgano consultivo e asesor da Xunta de Galicia en materias relativas á súa política laboral". Neste contedor vaise integrar agora un ente como Competencia, "vital" para os labregos e gandeiros. O CES, por contra, é un organismo consultivo que se abre á participación da sociedade e avalía a acción do Goberno máis alá do ámbito laboral.

Aguión: "Non temos ningunha información que explique as razóns deste medida, nin tampouco sobre a forma na que se fará"

Sindicatos como UGT, CCOO ou UUAA reaccionaron con celeridade ante o anuncio de Feijóo, tanto para defender a independencia do CGRL e o CES como para reclamar o mantemento de Competencia. Para UGT o Consello de Relacións Laborais debe manterse "como un órgano de interlocución entre as organizacións empresariais e sindicais en materia de negociación colectiva e solución extraxudicial de conflitos, e como un órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas a política laboral". O temor, como manifestaron desde a central, é que se prime a visión puramente económica sobre a laboral á hora de elaborar ditames ou avaliar normas do Executivo.

O CES

O máximo responsable de CCOO Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, "non é de recibo" que as organizacións con representación non foran informadas previamente da súa integración no CGRL. "Non temos ningunha información que explique as razóns deste medida, nin tampouco sobre a forma na que se fará", engadiu. A diferencia do CES e o CGRL é que o primeiro ten unha máis ampla representación da sociedade, algo que se podería perder segundo os sindicatos. "O CES é unha expresión da sociedade galega", reclamou Aguión. Neste organismo hai representantes de organizacións sindicais, empresariais ou de usuarios. Non sucede o mesmo no CGRL, por exemplo.

"O CES é unha expresión da sociedade galega"

Para os labregos e gandeiros é especialmente grave a desaparición do Consello da Competencia. "Queren destrozar absolutamente todo, coa excusa da austeridade, para ter facilidade de dar concesións, e facer negocios nos despachos e nas sedes do partido", arremeteu un voceiro de Unións Agrarias a este diario. Na súa opinión "vaise crear unha situación de corrupción estrutural, que vai agravar todos os vicios e problemas que vimos arrastrando". "Así non saímos da crise", pensan.

Cunha especial dureza, desde UUAA inciden en que "ser de dereitas é crer no mercado, e o mercado ten que estar regulado para non ser mafia de monopolios", afirman. Todos os sindicatos coinciden na necesidade de "trasladar" á cidadanía que medidas como esta suporán un incremento dos prezos e a falta de control normativo sobre a acción do Executivo galego.

 

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.