O Goberno e a troika sacan peito do final do programa de rescate bancario ao que se someteu España desde hai ano e medio. O próximo xaneiro, España sairá formalmente do rescate, polo menos sobre o papel.
Ata que se devolva o montante abonado por Europa, 41.300 millóns de euros, o Estado estará sometido a unha vixilancia especial que incluirá dúas misións de supervisión ao ano. Con Novagalicia Banco e Caixa Catalunya sen vender e o crédito en secano, estas son algunhas das grandes cifras que marcan o final dun rescate no que as arcas do Estado seguen como reféns:
100.000 millóns de euros. É o que o mecanismo de rescate europeo (MEDE) puxo a disposición do Estado español para sanear o sector financeiro.
41.300 millóns de euros. É a cifra que finalmente se utilizou. Algúns expertos cren que sería mellor utilizar máis para liquidar directamente algunhas entidades que simplemente se reestruturaron e agora hai que vender.
0,5%. É aproximadamente o tipo de interese ao que España ten que devolver o crédito para o rescate nun prazo de 12,5 anos.
250.000 millóns de euros. Case unha cuarta parte do PIB saíu do sistema financeiro a través de activos tóxicos e perdas.
25.205 millóns de euros. Son as perdas que recoñeceu o FROB nas súas contas de 2012 e que xa non aspira a recuperar.
10.557 millóns de euros. É o que o brazo financeiro do Estado perdera xa en 2011, antes de que o desastre de Bankia necrosase o resto do sistema.
9.176 millóns de euros. As perdas que asume o FROB pola súa participación en Bankia en 2012.
23.500 millóns de euros. Bankia recibiu a principal inxección de capital da historia, cun rescate multimillonario aprobado en maio de 2012.
7.500 millóns de euros. Inxectáronse no Banco de Valencia para logo revenderlo a Caixabank.
5.425 millóns de euros. Tomar o control do 100% de Novagalicia Banco.
3.091 millóns de euros. É o que o FROB di que perdeu só en 2012 co banco formado polas antigas caixas galegas.
14.000 millóns de euros. Custou rescatar a Caixa Catalunya, unha entidade que toca vender nos próximos meses.
6.674 millóns. Se evaporaron da conta de resultados do FROB polo rescate da caixa catalá.
55. Son as entidades financeiras que había en España en 2008. 12 bancos é o resultado das fusións, que deu como resultado un reducidísimo sistema financeiro.
14%. Do emprego no sector financeiro perdeuse desde o inicio da crise.
21%. Da rede de oficinas pechouse xa e todo apunta a que a cifra pode chegar até deixar na metade a rede de sucursais en España.
12%. É a taxa de morosidade que rexistran as entidades financeiras en España.
53.000 millóns de euros. Os contribuíntes responderon por agora con esa cantidade polo rescate financeiro, incluídos os do rescate que están avalados con débeda pública.
2.192 millóns de euros. É a parte de diñeiro público que se puxo para constituír o banco malo.
2.607 millóns de euros. Os bancos, aseguradoras e outras entidades puxeron o 55% da Sareb.
8%. É o que caeu o crédito, até setembro, que conceden as entidades de crédito a fogares e empresas.
25. Son os políticos imputados nas investigacións das caixas de aforros.
600.000 euros. É o soldo máximo que pode cobrar un executivo dunha entidade financeira que recibise axudas.
55.000 millóns de euros. É o volume de activos que xestiona a Sareb, o banco malo.
15%. É a rendibilidade media que espera obter o banco malo ao vender os activos tóxicos nos próximos 15 anos.
63%. Foi o desconto co que a Sareb comprou o lixo financeiro á banca rescatada.