Banesco estuda suspender o ERE en NCG pero depende do que lle diga Bruxelas

Traballadores de NCG ante o Banco de España CC-BY-SA M. Pereira

A paralización do ERE en vigor en Novagalicia Banco dependerá do que decida Bruxelas. Esta é a principal conclusión da primeira toma de contacto entre os novos propietarios da entidade e os sindicatos. Así o confirmaron os voceiros sindicais á saída dunha xuntanza que durou dúas horas e na que Banesco se comprometeu a estudar a petición das centrais de aprazar o último Expediente de Regulación de Emprego que afecta a 350 traballadores.

Banesco estudará "a posibilidade" de aprazar o ERE pero terá que "negociar o cambio de folla de ruta con Bruxelas"

"Foi unha reunión protocolaria pero moi cordial", recoñeceu o voceiro de CIG-Banca, Clodomiro Montero, que cre que haberá que agardar para determinar o futuro laboral da entidade, que lle transmitiu a el e ao resto dos representantes sindicais que aínda que estudará "a posibilidade" de aprazar as medidas do ERE -especialmente as máis duras e que implican despidos-, terá que "negociar o cambio na folla de ruta de Bruxelas". A central nacionalista insiste en que se deteña a regulación laboral ata que se determine un novo plan.

Porque aí está a clave. A venda de Novagalicia a Banesco aínda non foi autorizada pola UE e nas vindeiras semanas os novos propietarios viaxarán a Bruxelas para ratificar a operación e, en consecuencia, negociar as novas condicións que podería impoñer Europa a Banesco. Será daquela cando intenten variar a folla de ruta fixada e cando se intente paralizar o ERE. No entanto, agárdanse axustes de cara ao futuro, aínda que a nova dirección intentará que "non sexan traumáticos", segundo aseguran fontes sindicais.

Os novos propietarios da entidade prevén axustes "que non sexan traumáticos"

Na reunión estiveron presentes todos os sindicatos con representación na entidade, CCOO, CSICA, CIG, UGT, ASCA e CGT, que se reuniron con Juan Carlos Escotet, presidente de Banesco; Javer Etcheverría, o que será o presidente de Novagalicia logo de que se confirme a compra por parte do grupo venezolano; e o se novo conselleiro delegado, Francisco Botas. "É o inicio dunha moi boa relación que teremos cos sindicatos", asegurou Etcheverría, que non prevé novos recortes de persoal.

O caso é que máis de 4.500 persoas -unhas 3.800 só en Galicia- están agora pendentes do seu futuro, logo de que o mantemento do emprego non fose unha das condicións que se valorase na poxa de Novagalicia e despois de que, porén, o xigante suramericano, e a propia Xunta, insistisen en que se manterá o actual cadro de persoal e a rede de oficinas.

No pasado mes de febreiro, Novagalicia acordou un ERE para 1.850 empregados, dos que un máximo de 455 poden acollerse a prexubilacións cobrando o 80% do soldo. O resto do recorte realizaríase a través de baixas incentivadas, con indemnizacións de 30 días por ano, un máximo de 22 mensualidades e unha prima de 2.000 euros por cada tres anos de antigüidade, aínda que en caso ningún a indemnización pode superar os 250.000 euros.

Foi un axuste máis que se engadiu aos que xa provocara a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova, cun primeiro ERE para 1.200 traballadores -feito maioritariamente a través de prexubilacións dos maiores de 55 anos- e outro ERE en xullo de 2011 para 350 ao que logo se engadiron ouros 700 empregados e cunhas indemnizacións mellores que as actuais. Dos case 8.000 empregados que tiñan as caixas galegas, quedan aproximadamente a metade. Agora, un novo ERE activo afecta a 350 persoas.

Traballadores de NCG ante o Banco de España CC-BY-SA M. Pereira
Feijóo e a conselleira de Facenda, con dirixentes de Banesco © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.