No baile das fusións non falta parella para Novagalicia Banco. Cunha cota de mercado incomparable (superior ao 45% en Galicia, moi por riba do que ten calquera caixa ou banco nunha comunidade), a adquisicón da empresa que preside José María Castellano está na axenda de, cando menos, tres firmas: BBVA, Banco Santander e La Caixa. Plans en panos de papel, sen confirmación, pero que "circulan" como no seu día ocorreu coa pretensión de Julio Fernández Gayoso de deixar a un lado Caixa Galicia para unirse a Banca Cívica nun SIP (ou fusión fría). No sector fálase, dentro da empresa fálase... Pero os movementos serán formalizados "co tempo". "Hai moitas cousas por decidir e non só no que ten que ver co futuro de Novagalicia Banco en particular", apuntan fontes financeiras consultadas por este diario. "Oficialmente hai unhas semanas de prazo para presentar plans de fusión, pero o Banco de España ou o Goberno teñen que dar seguridade ás entidades que se fagan cargo das máis débiles".
"Hai moitas cousas por decidir e non só no que ten que ver co futuro de Novagalicia Banco en particular"
"Facerse cargo" é case un modismo se se pregunta aos máis coñecedores das vísceras do sector financeiro estatal. "O ministro Luis de Guindos falou en rolda de prensa de sacar ao mercado as entidades nacionalizadas", lembra un analista, que non quere aparecer citado nesta nova. "Iso foi así, o Estado puxo máis de 2.400 millóns para capitalizar esa empresa", engade. Castellano conta con ter de prazo ata setembro para evitar a poxa. NGB ten, a maiores, outro problema: o saneamento do seu balance pola exposición inmobiliaria: 2.340 millóns de euros máis.
"Desde o principio se falou que ían sobrevivir só as entidades máis fortes". E NGB, malia ser robusta en Galicia, ten moitas debilidades. Nacionalizada polo Estado, precisa atopar investidores que confíen en plans a longo prazo en plena seca de capital, cunhas perspectivas de futuro negras para a economía española e cunha imaxe moi deteriorada polas millonarias indemnizacións que percibiron José Luis Pego, Gregorio Gorriarán, Óscar Rodríguez Estrada e Javier García de Paredes. "A denuncia social polas participacións preferentes tampouco axuda", comparte un extraballador da sede de Vigo, agora trasladado á rede de oficinas.
A intención de De Guindos de subhastar NGB "o antes posible" coincide moito coas demandas de González
As mesmas fontes consultadas chaman á atención sobre a figura de Francisco González, presidente galego do BBVA, moi próximo a Mariano Rajoy. Desde o inicio da reestruturación financeira española (finais de 2009), reclamou de Moncloa máis celeridade para reducir o mapa de entidades (ata 45 operaban nesas datas). Asemade condenou de maneira reiterada os prazos "longos" que, ao seu entender, tiñan as caixas que recibiran préstamos do Estado, ben con cuotas participativas (FROB 1) ou por accións (FROB 2). A intención de De Guindos de subhastar NGB "o antes posible" coincide moito coas demandas de González. O BBVA ten unha notable presenza en Galicia, eliminada xa a competencia de Banco Pastor (absorbido por Banco Popular).
La Caixa
NGB é, para comprender esta nova sucesión de rumores, unha das entidades máis apetecibles. Con case tres millóns de clientes, a morosidade dos particulares galegos non chega ao 2% cando a media da banca supera o 7,5%. A taxa de dubidosos de Novagalicia Banco elévase por riba da media a causa da excesiva exposición ao sector da construción. A rede de sucursais en Galicia, tanto nas cidades como nas comarcas e rural, fan de NGB un xigante ao que se lle crebaron os pés de pisar estadas pouco firmes. "A operación de La Caixa salta de novo cando se fai inviable unha alianza con Bankia", apuntan as mesmas fontes financeiras consultadas por Praza para esta nova. Iso si, non descartan que a compañía que preside Isidre Fainé (tamén máximo dirixente da patronal de caixas) opte por outras alianzas. "Gañaría un terzo de clientes e sería líder en Galicia sempre e cando tivese o respaldo do Estado", se cadra mediante un esquema de protección de activos.
En canto a Banco Santander, a firma que comanda Emilio Botín "sempre está aí". Líder en España e unha das principais entidades de crédito do mundo, está en disposición de aproveitar o río revolto. O Santander non ten boa cota de mercado en Galicia.
Fronte a toda esta sucesión de díxome-díxomes, os traballadores confésanse "cansos". "Levamos con problemas desde 2009", din desde Vigo os que aínda critican a fusión galega. Aínda permanece esa sensación de "fracaso do músculo vigués" e da "crise inducida". "Metéronnos cunha entidade enferma", sorprende este traballador da rede. A exposición inmobiliaria tamén era moi elevada en Caixanova, e era, en calquera caso, unha entidade cun tamaño insuficiente.