CxG esixe que o FROB garanta “a sede e o emprego” de NCG Banco en Galicia

Concentración de traballadores de NCG CC-BY-NC-SA CIG

Ante a inmediata venda de NCG Banco por parte do FROB, Compromiso por Galicia vén de instar ao Fondo a que “incorpore como criterio ineludible para aceptar as ofertas de compra o mantemento da sede e dos servizos centrais da entidade en Galicia así como un compromiso explícito para manter o emprego da entidade”. 

O Goberno central tomou a decisión de non declarar "sistémica" a Novagalicia, a diferenza do sucedido con Bankia, o que determinou un futuro ben diferente para ambas as dúas entidades: mentres Bankia foi rescatada para garantir a súa supervivencia, o banco resultante da fusión das caixas galegas precipítase cara a unha poxa na que o mantemento da súa integridade e galeguidade están en dúbida. Neste senso, o membro da Executiva Nacional e economista, Manuel González considera "absolutamente discriminatorio" o trato dado a NCG Banco por parte do goberno central en comparación co recibido por Bankia, “a entidade madrileña que recibiu consideración de sistémica e que por tanto ten garantida a continuidade como entidade en solitario”. Compromiso lamenta igualmente que o presidente da Xunta, "non fora quen de facer valer o carácter estratéxico de NCG Banco para o noso país. Unha vez máis, o PP de Galicia actúa como sucursal dos poderes centralistas madrileños e é a sociedade galega quen paga as consecuencias”.

Foi a resposta que o comisario europeo da Competencia, Joaquín Almunia, lle remitiu hai unha semana á comisión parlamentaria que investiga o sucedido coas antigas caixas de aforros quen confirmou o que xa se sospeitaba. En concreto Almunia afirmou que "as autoridades españolas, incluíndo o Ministerio de Economía e Competitividade, o Banco de España e o FROB estableceron cales das entidades baixo reestruturación e con necesidades adicionais de fondos públicos debía ser considerada sistémica".

O BNG tamén denunciou unha actitude "discriminatoria e centralista por aplicar esta cualificación a unha entidade de implantación na capital do Estado mentras se rexeita para entidades que pertencen a outros territorios"

Neste senso a portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha pregunta por escrito dirixida ao Goberno para pedir explicacións por non declarar Novagalicia Banco como "sistémica" e para coñecer "que criterios se seguiron" para tomar esta decisión. Davila denunciou unha actitude "discriminatoria e centralista por aplicar esta cualificación a unha entidade de implantación na capital do Estado mentras se rexeita para entidades que pertencen a outros territorios".

Semella que o FROB esixirá que na poxa por Novagalicia Banco as ofertas sexan polo 100% da entidade, botando por terra a opción preferida por José María Castellano e Alberto Núñez Feijoo, consistente en que algún fondo de investimento merque o 51%, para manter a galeguidade do banco. O FROB ten de prazo para vender a entidade até 2017, pero quere desprenderse xa do banco, e ademais quere facelo completamente, descartando a posibilidade de quedar co 49%. Todo indica que na poxa participarán Santander, BBVA e La Caixa, e esta última é a mellor situada para facerse coa entidade galega.

CxG manifestou en varias ocasións o seu apoio ao Plan Castellano para a entidade, "o único dos posibles que garantiría a continuidade da sede central en Galicia e o que tería menor impacto sobre o emprego"

Compromiso por Galicia manifestou en varias ocasións o seu apoio ao Plan Castellano para a entidade, "o único dos posibles que garantiría a continuidade da sede central en Galicia e o que tería menor impacto sobre o emprego". Este consistiría en darlle entrada no capital desta entidade a un fondo de investimento internacional especializado no sector financeiro, sendo a única maneira de garantir que o centro de decisión fique en Galicia, con todo o que iso conleva en termos de emprego e efectos de arrastre sobre a economía galega e en particular nas cidades de A Coruña e Vigo.

Concentración de traballadores de NCG CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.