Segundo revés en menos de 24 horas para José María Castellano. O presidente de Novagalicia Banco coñeceu onte que a intención do Ministerio de Economía non pasa por dar máis tempo á entidade galega. Luis de Guindos quere desprenderse "o antes posible" do máis do 90% que o Estado ten no banco galego. Pero non houbo tempo para dixerir un anuncio que finiquita a aventura de Castellano e Alberto Núñez Feijóo. Este mediodía o Executivo anunciou que, ademais de data de caducidade, o proxecto de Novagalicia Banco ten un aliciente menos para seguir no seu equipo de dirección: o salario.
Ningunha entidade que tivera sido receptora de cartos públicos a cambio de accións poderá pagar máis de 300.000 euros ao ano aos seus directivos. Isto supón un recorte de máis do 65% nas remuneracións de Castellano e do seu número dous, César González-Bueno. Segundo información oficial da entidade galega, ambos os dous banqueiros teñen un salario base de 842.290 euros ao ano. Tendo en conta as dietas e outros complementos, os cartos que reciben de NGB superan os 899.000 e 891.000, respectivamente.
Nome | Total retribución na entidadade | Total no Grupo | Total ano (miles de euros) |
---|---|---|---|
José María Castellano | 899,29 | 899,29 | |
César González-Bueno | 889,64 | 1,54 | 891,18 |
Julio Fernández Gayoso | 104,55 | 291,74 | 396,29 |
Mauro Varela | 103,3 | 23,62 | 126,92 |
Roberto Tojeiro Rodríguez | 30 | 30 | |
Carlos González Fernández | 35 | 35 | |
José Manuel Gabeiras Vázquez | 31,25 | 31,25 | |
Xabier Alkorta | 51,25 | 51,25 | |
Jaime Trebolle | 51,25 | 51,25 | |
FROB | 41,25 | 41,25 | |
José Luis Regueiro | 77,86 | 77,86 | |
Miguel Argones | 106,79 | 106,79 | |
Juan Díaz Arnau | 285,28 | 285,28 | |
Francisco Zamorano | 290,85 | 290,85 | |
Francisco Vázquez de la Puerta | 251,65 | 251,65 | |
Domingo González Mera | 260,38 | 25,87 | 286,25 |
Idoia Maguregui | 246,61 | 251,65 | |
Enrique Tellado | 231,71 | 231,71 | |
José Manuel Valiño | 358,98 | 358,98 | |
José Luis Abelleira | 110,46 | 110,46 | |
Ramón Seoane | 287,76 | 287,76 | |
Victoria Vázquez | 397,48 | 140,98 | 538,46 |
José Venegas | 487,21 | 9 | 496,21 |
Javier García de Paredes | 10.599,00 | 19,36 |
Outros tres directivos superan tamén o límite anunciado polo Goberno central. O caso de María Victoria Vázquez Sacristán, que tiña un soldo de máis de 538.000 euros, é rechamante. A directiva, única muller que formou parte do primeiro cadro de xestión de Novacaixagalicia, estivo involucrada nunha opaca inversión formalizada en Perú. Xa deixou a entidade, ao igual que Javier García de Paredes.
Unha fundación de carácter especial
Ademais da reducción salarial, o Goberno tamén imprime máis velocidade á desaparición de Novacaixagalicia como entidade de crédito. Agora mesmo é unha caixa que xestiona obra social, non o negocio financeiro, e que ten unha pequena participación en Novagalicia Banco. O plan inicial pasaba por elevar a cota de poder en NGB ata o 12%. Para seguir sendo unha caixa precisaría ter máis do 25% das accións do banco, algo que non sucederá.
Como fundación de carácter especial, Novacaixagalicia non renderá contas ao Banco de España, senón que o fará directamente á Xunta de Galicia. O Goberno galego prepara unha mellora da lexislación neste ámbito.