Feijoo xustifica a apresurada venda de Novagalicia en que o "aconsella" Europa

Castellano e César González-Bueno, dirixentes de Novagalicia CC-BY-SA Praza Pública

Vaise achegando paseniño o momento de coñecer que vai pasar con Novagalicia Banco, quen será o seu comprador, se seguirá sendo unha entidade independente e galega, e as oficinas e postos de traballo que se perderán polo camiño. Este mércores no Parlamento Alberto Núñez Feijoo foi interpelado por Francisco Jorquera, voceiro do BNG, que lle pediu unha resposta “clara” sobre a súa posición ante a venta “apresurada” do banco. O presidente da Xunta xustificou a venda neste momento pola inxección de fondos europeos que aconsellan a súa liquidación e en que "existen entre seis e oito entidades interesadas na compra".

O presidente da Xunta xustificou a venda neste momento pola inxección de fondos europeos que aconsellan a súa liquidación

Alén desta resposta, Núñez Feijoo limitouse a botar balóns fóra, culpando unha vez máis o goberno bipartito da actual situación das antigas caixas de aforros. Jorquera cualificou o presidente da Xunta de “profesional da demagoxia” e sinalou que a venda de Novagalicia Banco "non vai beneficiar a Galiza nin aos contribuíntes", pois a venda “apresurada” beneficiará "o comprador, que poderá descontar en impostos créditos fiscais por 4.500 millóns de euros dos 9.000 millóns insuflados para o saneamento".

Jorquera lembrou que "sen crédito non se pode investir e xerar emprego" e subliñou que "só o 3,39% do crédito que se concede no Estado beneficia a empresas e familias galegas"

Jorquera lembrou que "sen crédito non se pode investir e xerar emprego" e subliñou que "só o 3,39% do crédito que se concede no Estado beneficia a empresas e familias galegas". "Vostede de que lado está?", preguntoulle Jorquera. "Vai demandar que se publique o prego de condicións da poxa, vai exixir que se manteña como entidade galega, recuperar o diñeiro público investido, manter os postos de traballo, que se devolvan os cartos a todos os estafados polas preferentes e que as coleccións artísticas da caixas fiquen en Galiza? Vai a esixir a paralización da poxa no caso de non darse estas condicións?", concluíu.

 

La Caixa e Guggenheim, favoritos

Dende un comezo os actuais xestores de Novagalicia Banco, encabezados por José María Castellano, presidente, e César González-Bueno, conselleiro delegado, apostaron por Guggenheim, o mesmo que a Xunta

Son varias, efectivamente, as ofertas interesadas en facerse con Novagalicia Banco, tanto entidades bancarias (BBVA, Santander, Caixa Bank, Popular, Banesco...) como fondos de investimentos, nomeadamente Guggenheim, pero tamén outros como WL Ross. Porén, dende distintos medios apúntase que da carreira se poden descartar algúns dos competidores, como o Banco Popular e a entidade venezolana Banesco, interesados sobre todo en acceder á información das contas de Novagalicia Banco. De feito, para que a carreira, cada vez máis, se vai pechando sobre Guggenheim e La Caixa, sen descartar os xigantes Santander e BBVA.

Dende un comezo os actuais xestores de Novagalicia Banco, encabezados por José María Castellano, presidente, e César González-Bueno, conselleiro delegado, apostaron por Guggenheim, o mesmo que a Xunta de Galicia, entendendo que unha compra por parte doutra entidade española só conduciría á desaparición de NCG, e á integración das súas oficinas e estratexias nas dun dos seus competidores. Non só desaparecería como entidade galega, senón que a perda de postos de traballo sería maior. Ese é o principal valor de Guggenheim.

E iso foi, tamén, o que levou a La Caixa a modular a súa estratexia, prometendo ante distintas instancias, comezando polo propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que se resulta gañadora da poxa, manterá a galeguidade do banco, ben sexa mantendo a actual denominación, contando cunha sede corporativa en Galicia e cunha conta de resultados propia, e mantendo á fronte do banco a Castellano e González Bueno. Porén, como publica esta mañá El Confidencial, José Maria Castellano tería rexeitado esta opción, renovando a súa aposta por Guggenheim e afirmando que non quere ser un "presidente floreiro".

La Caixa prometeu ante distintas instancias, comezando polo propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que se resulta gañadora da poxa, manterá a galeguidade do banco

Así están as cousas, cun fondo de investimentos norteamericano que ofrece o mellor prezo por facerse con NCG, e que tamén contaría co apoio de Luis de Guindos, que vería na entrada de capital extranxeiro un sinal de "confianza" dos mercados internacionais en España. E cun banco, La Caixa, que conta con outras fortalezas, como o feito de que a súa oferta incluiría igualmente á tamén nacionalizada Catalunya Banc, resolvendo dous problemas dun golpe. E que (ao igual que o BBVA) lembra que xa realizou outras adquisicións de entidades do FROB, e que agora reclama un trato de favor.

Castellano e César González-Bueno, dirixentes de Novagalicia CC-BY-SA Praza Pública
Pregunta de Francisco Jorquera, esta mañá no Parlamento © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.