Este martes coñeceuse o penúltimo dato de desemprego previo ás eleccións xerais. Trátase do paro rexistrado, o que mide as persoas inscritas nas oficinas de emprego. No conxunto do Estado reflicte unha suba mensual do desemprego do 2% e en Galicia, de case un punto máis, quedando o dato en 222.092 persoas, un 9% menos que hai un ano. A afiliación á Seguridade Social, pola súa banda, descendeu un 0,65% intermensual e aumentou case un 2% a respecto de 2014. Así as cousas, atendendo a estes datos no derradeiro treito da lexislatura estatal Galicia ten menos persoas rexistradas no paro que cando Mariano Rajoy gañou as eleccións, pero tamén menos persoas a traballar.
En novembro de 2011 cotizaban en Galicia 974.000 persoas e agora fano unhas 951.000
Durante os últimos anos o dato do paro rexistrado foi o preferido tanto pola Xunta como polo Goberno central, ao reflectir menos persoas desempregadas que a Enquisa de Poboación Activa, o estudo que é homologable internacionalmente. Así e todo, a baixada das persoas inscritas neste rexistro non implica necesariamente que haxa máis xente traballando. Segundo as cifras medias de afiliación á Seguridade Social, cando o PP logrou a súa maioría absoluta no Congreso, en novembro de 2011, estaban cotizando en Galicia algo máis de 974.000 persoas e o pasado outubro facíano algo máis de 951.000, o que implicaría que hai unhas 20.000 persoas menos traballando.
Os propios datos do paro rexistrado indican, pola súa banda, que non todas as baixas na oficina de emprego se deben a que as persoas inscritas atopasen un traballo, máis aínda cando esta inscrición só é obrigatoria se se está a percibir unha prestación por desemprego, axudas cuxa cobertura descendeu notablemente durante a crise. Así, por exemplo, naquel novembro de 2011 déronse de baixa máis de 31.000 demandantes de emprego en Galicia, pero só 16.000 o fixeron por atopar un emprego. O pasado setembro -último dato dispoñible- houbo unhas 45.000 baixas, das que 26.000 se deberon a colocacións, algo menos do 60%.
A calidade dos novos empregos
As leves melloras nas grandes cifras de emprego veñen dadas, en boa medida, por contratacións que afondan na precariedade do mercado laboral. Así, por exemplo, o pasado setembro rexistráronse en Galicia máis de 86.000 contratos, dos que apenas 4.000 eran indefinidos, segundo o Instituto Galego de Estatística. Dentro dos contratos temporais os máis numerosos seguen a ser os de menor duración, cunha tendencia á alza dos que duran menos dunha semana -máis de 25.000 o pasado setembro- e dos que son temporais e teñen unha duración indeterminada -máis de 33.000 no último mes rexistrado-. Mentres, o número de contratos indefinidos e de contratos que duran entre seis meses e un ano apenas variou nesta etapa.
Estas cifras rexistradas nas oficinas de emprego retratan un mercado laboral galego que, segundo a Enquisa de Poboación Activa, cada vez ofrece menos postos de traballo. A evolución indica que, ás portas das eleccións, o emprego en Galicia pouco máis fixo que recuperarse de parte do seu deterioro. Así, por exemplo, a taxa de ocupación -porcentaxe de poboación que ten traballo- está no 44% e a finais de 2011 estaba no 45%, dende onde descendeu ata o 41% no ano 2014. Mentres, o mandato de Rajoy péchase cunha taxa de paro en Galicia do 17,7%, menor á media estatal pero un chisco superior á rexistrada cando comezou a gobernar, que era do 17,1% e que nesta etapa chegou a superar o 23%.