Julio Fernández Gayoso entrou en Caixa de Aforros de Vigo en 1947. Despois de décadas, fusións e a bancarización da entidade que ocupou toda a súa vida profesional, Gayoso permanece. Pero só como copresidente de Novacaixagalicia, entidade que deberá converterse en fundación de interese especial. NCG anunciou a formalización da renuncia dos dous copresidentes, Gayoso e Mauro Varela, do consello de Novacagalicia Banco. Á caixa correspóndenlle estas dúas cadeiras no órgano xestor de NGB pola participación que ten no mesmo. O financeiro vigués e o avogado de Lugo, respectivamente, anunciaron tamén a renuncia ás indemnizacións tanto do banco como das empresas participadas nas que aínda tiñan cargos de representación.
Ata agora, Fernández Gayoso era vicepresidente do Banco Gallego e da empresa de cable R, así como conselleiro de Ahorro Corporación, Caser, Lico Corporación, Lico-Leasing e Investimentos Estratéxicos de Galicia. Mauro Varela, ademais de no banco, era conselleiro en Caser.
Os 'novos'
Os substitutos son da casa. Trátase de Gonzalo Ortiz, director xeral da Cámara de Comercio da Coruña e secretario do consello de administración da caixa. Pilar Cibrán é a outra persoa proposta por NCG para entrar no banco, e tamén é conselleira e vicesecretaria na entidade fusionada. Continuidade, xa que logo, para defender os intereses de Novacaixagalicia dentro dunha sociedade anónima con ánimo de lucro como é a compañía que preside José María Castellano. A xestión do patrimonio afecto á obra social correspóndelle á caixa: os cartos para mantelo deben chegar dos dividendos dun banco que aínda non coñece o seu futuro.
O consello de administración da caixa acordou tamén a substitución do conselleiro Manuel Añón por José Manuel Carballedo, debido á renuncia do primeiro a seguir formando parte do consello de Novacaixagalicia. Añón tivo sonados desencontros coa cúpula da caixa fusionada. Foi o primeiro investidor privado en entrar en CXG Corporación, firma que xuntaba todas as participadas de Caixa Galicia, con cen millóns de euros. Cando se levou a cabo a fusión e os quixo recuperar topouse coa negativa de, entre outros, José Luis Pego. Ameazou con demandar a entidade e, finalmente, recuperou parte da inversión e canxeou o resto por accións de NGB.