En 2009, o Ministerio de Enerxía e Minas do Perú resolveu conceder a Empresa Eléctrica Río Doble a licenza dunha central hidroeléctrica chamada Las Pizarras, no departamento de Cajamarca. Río Doble SA era propiedade de Aluz Clean Energy, firma capitaneada por Enrique Herrera Soria. Ata este punto o procedemento fora normal, cunha resolución administrativa que recoñecía o dereito dunha compañía a poñer en marcha unha présa no río Chancay, neste caso.
Debido a problemas empresariais en Bolivia, como recoñeceu Herrera a esta xornalista, Aluz decidiu desprenderse desta central hidroeléctrica de 18 megavatios de potencia. O comprador foi galego: Eólica Galenova Perú. A caixa única negociou directamente con este empresario sudamericano sen pedir autorización á comisión de control da entidade. A presión mediática e da propia Xunta obrigou a NCG a desprenderse da súa aventura enerxética alén do mar. O comprador, desta vez, foi o exvendedor. Un empresario sui generis acusado por diversas firmas de "negocios ilícitos".
Esta incursión da caixa nun negocio off-shore está documentada e produciuse, en todo caso, antes da chegada de José María Castellano á empresa, e polo tanto antes da súa bancarización. Pero tivo lugar cando a entidade xa recibira 1.162 millóns en préstamos do FROB para sufragar a súa integración. Este empréstito do Fondo Bancario ten uns intereses do 7,75%, que se detraen cada trimestre da conta de resultados da compañía.
Foi en decembro de 2010, momento en que se formalizou a fusión, cando Enrique Herrera Soria asegura ter contactado con Alarde Energías, xunto con outra empresa, para negociar a venda da central hidroeléctrica. A oferta dos galegos, sempre segundo a testemuña de Herrera, foi a máis atractiva. As testemuñas dos conselleiros da entidade, do representante da Xunta na Comisión de Control e de máis fontes internas da empresa insisten en que Novacaixagalicia non solicitou permiso nin informou de que se ía emprender esta aventura empresarial en Perú. Cómpre ter en conta que en xaneiro de 2011 a entón ministra de Economía, Elena Salgado, presentou en rolda de prensa o chamado decreto de reforzamento financeiro. A caixa non tiña só que devolver eses 1.162 millóns do chamado FROB 1, senón que ía precisar outros 2.600 millóns para cumplir cos novos requisitos de capital. Aínda así, a operación continuou.
Asínase o contrato de compravenda
O expediente, ao que tivo acceso este diario, di o seguinte: "O contrato entre Eólica Galenova e Aluz asinouse o 10 de febreiro de 2011". Este acordo precisaba do visto e prace dos que foran socios de Herrera Soria, Energie Baden-Württemberg. Finalmente esta última firma accedeu a vender a central hidroeléctrica o 14 de marzo. Ese mesmo día se formalizou a venda. Tal e como aparece no expediente, Alarde Energías, presidida por Honorato López Isla, actuou de representante de Galenova.
Se se toma por válida a testemuña de Herrera Soria, López Isla e "outros" empresarios galegos acudiron "varias veces" a Perú a visitar o emprazamento da central, que tiña previsto entrar en funcionamento o 31 de decembro de 2012. O expediente menciona, en todo caso, que xa o 18 de decembro de 2010 (apenas quince días despois de empezar a funcionar a caixa única) Eólica Galenova amosou o seu "interese" en comprar a instalación. Nin por parte da empresa nin pola de Herrera Soria queda claro en que momento se soubo en Galicia -nin como- da decisión de Aluz de desinvertir nesa central.