O Goberno prorroga os 400 euros, pero evita dar datos de beneficiarios

Soraya Sáenz de Santamaría e Fátima Báñez, tras o Consello de Ministros © Goberno de España

A axuda de 400 euros para persoas en paro que esgotasen todas as súas prestacións pasará a ser unha axuda estable ata que o desemprego baixe do 20%. Decidiuno este venres o Consello de Ministros, despois de que a Enquisa de Poboación Activa (EPA) confirmase que España roza o seis millóns de parados. Os requisitos serán os mesmos que o Goberno estableceu en agosto, máis severos que os das anteriores prórrogas. Talvez por iso o Executivo resístese a dar datos concretos sobre cantas persoas se están a beneficiar da axuda desde agosto.

O Executivo resístese a dar datos concretos sobre cantas persoas se están a beneficiar da axuda desde agosto

A ministra de Emprego, Fátima Bañez, si deu un dato: durante todo 2012, unhas 300.000 persoas cobraron esta axuda. Con todo, desa cifra tan só unha parte non especificada corresponde á última prórroga de agosto. Todas as estimacións apuntaban a que o número de beneficiarios sería menor que noutras ocasións debido ao endurecemento dos requisitos.

En agosto, o Goberno anunciou que a axuda pasaría a ser de 450 euros para os parados con cargas familiares e que cumprisen, ademais, o resto de condicións. Segundo Báñez, unha de cada catro persoas que perciben a axuda desde agosto cobra 450 euros. A falta dunha cifra absoluta oficial sobre a que facer cálculos, isto supón que só o 25% dos novos beneficiarios está a cobrar 450 euros. As previsións de Emprego son que 130.000 persoas se beneficien da axuda desde agosto até febreiro. Isto faría que só preto de 32.500 cobren os 450 euros.

As duras condicións do Goberno fan que máis de dous millóns de parados sen prestación non poidan recibir a axuda

A prestación é só para as persoas que esgotasen todas as demais e que nunca cobrasen antes a axuda de 400 euros. Sen ter en conta o resto de requisitos, estas dúas condicións xa fan que unha parte importante dos parados que non cobran prestación -máis de dous millóns- non poida acceder xa a esta axuda. A ministra de Emprego asegurou que o Goberno está a estudar fórmulas de protección e "programas de formación e recualificación" para tentar cubrir esa franxa, aínda que non especificou máis.

Até mediadios de agosto, unhas 500.000 persoas percibiran esta prestación nalgún momento desde que se creou en febreiro de 2011. Sindicatos e oposición levaban meses reivindicando que os 400 euros deixasen de estar suxeitos a renovacións periódicas e se convertesen nunha prestación estable, polo menos ata que a taxa de paro baixe dos altísimos niveis nos que se atopa.

Contratos de emprendedores

Báñez insistiu en que a reforma laboral serviu para frear a destrución de emprego, a pesar de que en 2012 desapareceron 850.000 postos de traballo, máis que en 2011.

A ministra puxo tamén sobre a mesa os datos sobre o chamado contrato de emprendedores, unha das grandes apostas da reforma laboral do Goberno: desde febreiro asináronse 82.238 destes contratos, a metade con xente nova. Esta cifra representa tan só preto do 8% de todos os contratos indefinidos rexistrados no últimos dez meses. Á súa vez, os contratos indefinidos representan de media tan só entre o 9% e o 10% de toda a contratación que se produce nun mes; o resto é temporal.

No entanto, a ministra de Emprego sostén que o principal obxectivo da reforma laboral en 2012 era "frear o ritmo de destrución de emprego" e que, malia os malos datos do paro, unha vez que finalizou o seu primeiro ano de vixencia, iso estase logrando. "Mes a mes está sendo unha realidade", tras engadir logo qeu "o que non pode facer ningunha reforma laboral é pretender crear emprego nunha recesión como esta".

Soraya Sáenz de Santamaría e Fátima Báñez, tras o Consello de Ministros © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.