"O noso Estado do Benestar non está orientado aos mozos e mozas"

As oficinas de emprego están cheas de mozos e mozas na procura de traballo Dominio Público Praza Pública

O 67% do total de poboación que perdeu o seu emprego desde o comezo da crise en 2008 tiña menos de 30 anos. Un dato rotundo que está detrás do 52% de taxa de paro que soporta hoxe en día a mocidade española, a máis alta de Europa xunto á de Grecia. Un informe da Fundación Primeiro de Maio de CCOO alerta sobre os altos niveis de desemprego e precariedade xuvenil e rexeita o estereotipo dos nin-nin.

O informe constata a especial sensibilidade do desemprego xuvenil ás variacións do ciclo económico, especialmente durante a crise, máis que no caso da poboación traballadora adulta: entre 2008 e 2012 o emprego xuvenil rexistrou un descenso de 1,9 millóns de persoas, que representan o 67% do total de poboación que perdeu o seu traballo neste período. A consecuencia: Un "forte aumento" da taxa de desemprego entre as persoas novas, sobre todo no grupo de idade de entre 16 a 24 anos, cunha taxa de paro que chegou ao 52% en 2012.

A consecuencia: Un "forte aumento" da taxa de desemprego entre as persoas novas, sobre todo no grupo de idade de entre 16 a 24 anos, cunha taxa de paro que chegou ao 52% en 2012

A Fundación sinala, no entanto, que a evolución do emprego entre as persoas novas de 25 a 29 anos (que pasaron dunha taxa de desemprego do 11,3% en 2008 ao 31,2% este ano) é quizais "máis relevante". "A razón é que este grupo manifesta en xeral pautas laborais máis próximas ás da poboación adulta, polo que un aumento de 20 puntos da súa taxa de desemprego en catro anos constitúe un feito realmente preocupante" subliñan. Precisamente, o lema elixido este ano para conmemorar a Xornada Mundial polo Traballo Decente, que se celebra en todo o mundo este domingo 7 de outubro, é Mocidade sen emprego, sociedade sen futuro.

Aínda que a taxa de paro feminina segue sendo maior que a dos homes, a pesar da forte destrución de emprego masculino durante a crise, no caso da poboación nova a situación é diferente: a taxa de paro dos homes novos é maior (do 54% entre 16 e 24 anos, e do 32,9% entre 25 e 29 anos) que a das mulleres novas (do 49,8% entre 16 e 24 anos, e do 29,3% entre 25 e 29 anos). A diferenza débese fundamentalmente a dúas razóns: sectores produtivos e formación. Os homes novos concentráronse en sectores máis afectados pola crise, mentres que as mozas teñen máis presenza en segmentos que resistiu mellor á crise. Doutra banda, no mercado de traballo hai máis mulleres que homes con niveis altos, un segmento con menos descenso do emprego.

"O que temos son mozos e mozas que nin poden estudar ou que xa están moi cualificados, nin poden traballar porque non atopan emprego, temos moitos mozos preparados que se teñen que ir fóra e bolsas de mozos excluídos cada vez máis grandes"

A análise en detalle dos datos dispoñibles permite sinalar "que o presunto crecemento e amplitude dos mozos nin-nin nos últimos anos en España non ten un fundamento empírico sólido", asegura o informe, que sinala que, moi ao contrario, desde que comezou a crise en 2008 a porcentaxe de persoas novas que están inactivas pero estudan e fórmanse aumentou, unha tendencia que se estende entre homes e mulleres novas. A Fundación rexeita o cualificativo de nin-nin e di que estas visións da mocidade "tenden en boa medida a culpabilizalos pola súa situación" e contribúen "a ocultar a realidade laboral e social das persoas novas en España".

"Os efectos son devastadores. Estase naturalizando unha situación que non deberiamos aceptar: que unha persoa non atope un traballo medianamente estable até os 30 ou 35 anos, e iso se o atopa", denuncia o presidente do Consello da Mocidade, Ricardo Ibarra, que rexeita con rotundidade o concepto de 'nin-nin', que non representa "nin un 1%" da mocidade. "O que temos son mozos e mozas que nin poden estudar ou que xa están moi cualificados, nin poden traballar porque non atopan emprego, temos moitos mozos preparados que se teñen que ir fóra, outro grupo con baixa cualificación e que a crise deixou no paro e bolsas de mozos excluídos cada vez máis grandes", di.

"O noso Estado do Benestar non está orientado aos mozos. Os servizos sociais só dedican un 1,1% das súas actividades á mocidade e a política está orientada a colectivos de máis idade"

"O noso Estado do Benestar non está orientado aos mozos. Os servizos sociais só dedican un 1,1% das súas actividades á mocidade e a política está orientada a colectivos de máis idade. Non se trata de que haxa unha guerra de idades, pero ante un mercado laboral tan difícil como o que temos e unha mocidade moi heteroxénea, hai que analizar como redefinir o estado do benestar e como redeseñar o mercado de traballo para permitir que os mozos poidan realizar os seus proxectos vitais", afirma Antonio López, catedrático de Traballo Social da UNED. López tamén crítica o adxectivo nin-nin, que considera unha forma de "estigmatizar" a unha mocidade moi heteroxénea mediante "estereotipos negativos que non son certos".

 

Máis vulnerables

Varios factores fixeron que o emprego dos mozos fose máis vulnerable aos vaivéns da economía. Un deles é a concentración do emprego xuvenil en actividades "significativamente afectadas pola crise", como a construción, a industria manufactureira e o comercio (que concentran o 66% dos empregos perdidos polas persoas novas no últimos catro anos e en actividades que requirían pouca cualificación).

A alta temporalidade do emprego xuvenil. "Facilitou a incorporación ao mercado de traballo das persoas novas nas etapas de expansión económica, pero tamén determinou un maior grao de vulnerabilidade, debido a que o maior impacto da crise recaeu nos empregos temporais"

O factor máis determinante foi, con todo, a precariedade laboral caracterizada pola alta temporalidade do emprego xuvenil. "Facilitou a incorporación ao mercado de traballo das persoas novas nas etapas de expansión económica, pero tamén determinou un maior grao de vulnerabilidade, debido a que o maior impacto da crise recaeu nos empregos temporais", subliñan. Con todo, o informe sinala outros factores que inflúen "de forma especialmente negativa" ao emprego xuvenil e favorecen a súa precariedade: a "importancia" de modalidades de traballo sen relación laboral, como as bolsas; a extensión dos chamados falsos autónomos (obrigados a darse de alta como tal para evitar o pago da Seguridade Social ás empresas); a economía mergullada; as peores condicións de traballo e os salarios baixos; o desaxuste entre a formación adquirida e o posto de traballo desempeñado ou o menor acceso a protección social, entre outros.

O informe destaca ademais que a porcentaxe de mozos desempregados de longa duración (un ano ou máis en paro) "aumentou notablemente até situarse en valores superiores ao 40%". Para a Fundación, os datos "conforman un escenario realmente preocupante, xa que a prolongación do período de desemprego contribúe a aumentar significativamente o risco de pobreza e exclusión social".

As oficinas de emprego están cheas de mozos e mozas na procura de traballo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.