O recorte das prestacións por desemprego, despois das eleccións andaluzas

Dominio Público Praza Pública

Aínda estamos a dixerir a reforma laboral deste goberno, e escoitamos a Ministra do ramo falar de que non se van recortar as prestacións. Méteme o medo no corpo porque este goberno sempre que dí que non vai facer algo é que será o próximo que faga. No discurso de investidura Rajoy dicía que non ia subir os impostos e dúas semanas despois incrementou o IRPF. A contradición entre o que se dí ou se titula e as actuacións é tan brutal que non necesita ningunha explicación. Está en toda a actuación do goberno e, a modo de exemplo, soamente chega con ver  títulos desta reforma.

O Capítulo IV chámase de xeito moi pomposo “Medidas para favorecer la eficiencia del mercado de trabajo y reducir la dualidad laboral”. O título resulta prometedor e a alguén que soamente lea os resumes que publica a Moncloa pode lévalo a pensar que se toman medidas no camiño correcto. Pero soamente ler os títulos dos artigos do Estatuto que se modifican pode levarse outra impresión: “Suspensión temporal da aplicación do artigo 15.5 do Estatuto dos Traballadores; Extinción do contrato; Despido colectivo; Extinción do contrato por causas obxectivas; Forma e efectos da extinción por causas obxectivas; Despido improcedente”. Estes títulos levaranlle a pensar o que é na realidade: o xeito de reducir a dualidade do noso mercado laboral é que todos sexamos precarios despedindo ós fixos.

A pretensión é abaratar os custes laborais como sexa. Un dos xeitos que teñen establecido é por medio do aprendizaxe permanente. Non da formación permanente da que falaba Edgar Faure nos setenta no seu Aprender a ser, senón por medio do contrato de formación permanente. Un rapaz de dezaseis anos incorpórase a unha empresa como aprendiz e pode seguir nela ata os trinta anos como aprendiz. Basta que lle cambien a ocupación do posto. Se está na área de administración dunha pequena empresa, pode estar tres anos como “Empregados administrativos sen tarefas de atención ao público non clasificados baixo outras epígrafes C.N.O. 4309”, outros tres como “Gravadores de datos 4301”, logo de “Empregados de contabilidade 4111”, de “Empregados de control de persoal e nóminas 4112”, e por último de “Empregados de control de fornecementos e inventario 4121”. Nestas ocupacións, todas distintas, xa levaría 15 anos percibindo entre o 75% e o 85% do Salario Mínimo Interprofesional. Se aínda lles parece pouco tempo ós señores Rajoy, Feijoo, Rosell, Fontenla e demais, podería continuar como “Empregados de oficina de servizos de apoio á produción 4122”, “Empregados de información ao usuario 4411” “Recepcionistas (salvo de hoteis) 4412”, “Empregados administrativos con tarefas de atención ao público non clasificados baixo outras epígrafes 4500”, ou “Telefonistas  4423”. Con estes faría outros quince anos. Terá 46 anos e xa non é novo, polo que sen custe algún pódeselle enviar ó paro e substituílo por outro.


Este é o futuro que o Goberno co aplauso da patronal reserva á nosa xuventude: ir dun contrato de aprendizaxe a outro, dende os dezaseis ata os trinta. Este futuro está debuxado baixo o pomposo título de “Medidas para favorecer a empregabilidade dos traballadores” (e o peto dos empresarios, penso eu). Ademais, como xa estará boa parte da súa vida profesional nesa empresa, non fai falta que obteña o Graduado en ESO, polo que eliminan como formación obrigatoria a súa obtención. Isto no marco absolutamente legal. Se pasamos a situación real na que están moitos rapaces co contrato de formación, traballarán máis de nove ou dez horas porque fan a formación a distancia. Eu teño visto cómo chegaba a Certificación da formación realizada conxuntamente co contrato de traballo e co Acordo de formación.


Este é un dos futuros que espera ós nosos fillos

En paralelo, a calquera de nos, dous ou tres días antes do quince do mes, nos pode chamar o xefe e dicir que a situación está moi mal e que, para poder seguir adiante é necesario que en vez dos 1.200 euros ó mes, gañe 800 euros. Se dicimos que non estamos dispostos a traballar por ese soldo, atoparémonos cunha indemnización de vinte días por ano, ata un máximo de nove meses se levamos mais de trece anos na empresa. Se dicimos que si retrocedemos a niveis salariais de hai mais de quince anos. A elección é entre o paro para manter a nosa dignidade de traballadores ou a diminución salarial para poder vivir. Este é un dos procedementos debuxados como solución nas “Medidas para favorecer a flexibilidade interna nas empresas como alternativa á destrución de emprego”.

Este é o noso presente

Nun arranque de dignidade, decidimos non aceptar á redución salarial, (levamos cinco anos co salario conxelado) e imos ó paro. Como temos vinte catro meses de paro, envíannos a unha oferta de traballo dunha empresa da zona. O empresario fálanos do moito que valora a nosa experiencia e que por iso escolleu o noso curriculum. Afirma que non pode pagar mais de 1.000 euros, pero que espera que as cousas melloren e poda subir o soldo. Para facelo legal, situarame nun grupo profesional que teña esa retribución, aínda que unha cousa son os papeis, e outra o traballo. Chegamos a un acordo, sutilmente me di que de non chegaren a un acordo podería dicir que non me interesa traballar polo que podería ser sancionado sen prestacións. Dime que vaia a Oficina de emprego a solicitar un certificado do importe da prestación que teño pendente, pois ten unha desgravación do 50% de doce meses (desgravará 4.500 euros).  Pasa o tempo e cando falta unha semana para que faga un ano e estou pensando en falar dun aumento salarial acorde co traballo que realizo, me chama o xefe para dicirme que o sinte moito pero que non superei o período de proba. Voume sen saber moi ben qué facer e sen ningunha indemnización.


Este é o noso futuro

Con todo este panorama de despedimentos, por causas obxectivas, colectivos, etc., en definitiva, moi baratos e substituíbles por outros traballadores mais baratos, o gasto en prestacións vaise disparar. Rajoy dí que hai que recortar o déficit público para que non nos castiguen os mercados e agora non se pode gastar tanto en prestacións. Como xa non quedan eleccións pendentes, será pouco despois das andaluzas e asturianas, é necesario diminuír a contía do paro, da contributiva, polo que en vez de catro meses por ano, serán tres meses nos últimos seis anos (dezaoito en vez de vinte catro). Ademais como tanto tempo de paro fai que a xente se adormeza e non busque activamente emprego, mantense o 70% nos primeiros seis meses pero logo diminúese ata ó 50% para que non se rexeiten ofertas. Por suposto que desaparece o Subsidio de Eventuais Agrarios (o PER) que tanta rabia lle da á dereita (Esperanza Aguirre, Durán i Lleida) e que xa o PP tentou de eliminalo co decretazo de maio de 2002.

*Enrique Negueruela é técnico de emprego e foi asesor da Consellaría de Traballo da Xunta entre 2005 e 2009.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.