Segundo a última estatística do INE, o tipo medio que un usuario tivo que pagar para formalizar unha nova hipoteca foi, con datos de novembro, do 4,5%. Esta taxa é case un 18% máis elevada a nivel interanual (en comparación co mesmo mes do ano anterior). No caso das caixas, o tipo de xuro é catro décimas superior.
A contestación social que aflorou en todo o Estado contra as millonarias indemnizacións de executivos das caixas de aforros, xunto coa nacionalización dalgúns grupos financeiros, obrigou ao Banco de España a requerir das empresas máis información. Datos reservados e descoñecidos ata o momento e relativos aos salarios da alta dirección financeira. Ademais das retribucións, entidades como Novacaixagalicia (e Novagalicia Banco) difundiron, baixo o apéndice de "outros beneficios", información relativa aos préstamos concedidos desde a empresa aos seus máximos dirixentes. A palabra "beneficios" pode interpretarse no seu máis amplo significado tendo en conta a que custo teñen que asumir os cidadáns os préstamos que lles son concedidos.
A comparación resulta moi significativa. Tomando datos da propia entidade, vése que hai excutivos que están a pagar polas súas hipotecas de vivenda ata 3,5 puntos porcentuais menos que a media dos usuarios. Todos os préstamos vixentes concedidos á dirección de NCG, tanto hipotecarios como para o consumo, están por debaixo dos tipos medios do mercado.
José Luis Pego recibiu un préstamo para a adquisición de vivenda cun tipo de xuro do 2%, menos da metade da taxa media actual no sector
O exdirector xeral de Novacaixagalicia, José Luis Pego, abandonou a entidade tras percibir máis de trece millóns de euros. Ata 7,7 millóns foron en concepto de indemnización por blindaxe no contrato. Malia ao seu salario, superior aos 627.000 euros anuais, recibiu un préstamo para adquisición de vivenda a un tipo de xuro do 2%. Unha taxa tan reducida é o que se entende por crédito blando (ou soft credit, na súa versión inglesa), cun sobrecusto e prazos de devolución moi favorables para o prestatario. Neste caso Pego, cuxa indemnización está a ser investigada pola Fiscalía Anticorrupción.
En Novagalicia Banco
Pero esta circunstancia non difire moito no caso da alta dirección de Novagalicia Banco, entidad e beneficiaria da segregación financeira da caixa única galega. Miguel Argones, que está no consello de administración da entidade, recibiu dous créditos para vivenda cun tipo de xuro dun 2,5 e 3%, respectivamente. Ao mesmo Argones, que ocupa unha cadeira neste órgano xestor en representación dos traballadores, foille concedido un préstamo ao consumo ao 2,75%. Este tipo de operacións teñen un sobrecusto aínda máis elevado que o medio concedido para hipotecas.
José Manuel Valiño, responsable da área de Sistemas, ten un soldo de máis de 274.000 euros. Puido asinar unha hipoteca cun tipo de xuro do 1% nun crédito á vivenda, o mesmo que ten Ramón Seoane (salario de 270.000 euros) ou o exdirector xeral adxunto, Javier García de Paredes. Este último tiña un salario de 425.000 euros e recibiu unha indemnización de 5,48 millóns de euros. María Victoria Vázquez Sacristán, que tamén decidiu abandonar a empresa, asinou outro préstamo hipotecario cun tipo de xuro do 2%. O seu salario era de case 266.000 euros ao ano.