Un "Centro Administrativo Regional", sede do Pastor en Galicia tras a OPA

José María Arias Mosquera, presidente de Banco Pastor © Banco Pastor

O anuncio da OPA de Banco Popular sobre Banco Pastor foi recibido en Galicia como o último golpe contra o chamado músculo financeiro galego. A nacionalización de Novagalicia Banco, cun futuro sen determinar, xa sentara precedente. O presidente do banco que comandou no seu día Pedro Barrié de la Maza, José María Arias Mosquera, esforzouse nos últimos meses en defender unha operación que, ao seu entender, reforzará a solvencia e futuro do Pastor. O consello de administración do banco vén de coincidir coas verbas de Arias e xa aprobou un informe de opinión que dá por bos os termos da operación.

En devandito texto, remitido á Comisión Nacional del Mercado de Valores (CNMV), non se aclara o futuro da sede central que o Pastor ten na cidade herculina. "Produciráse unha potenciación das capacidades actuais do conxunto dos servizos administrativos centrais de Banco Pastor", cita textualmente o documento. A maneira de potenciar esas "capacidades", para o Banco Popular, será mediante a ubicación na Coruña dun "Centro Administrativo Regional". Sen concretar o papel que a sede actual terá para o banco que preside Ángel Ron, o único que se sabe é que en Galicia haberá "unha sede operativa relevante" coa fin de atender o negocio financeiro na comunidade. Vaise manter, en todo caso, a marca Banco Pastor. Este último aspecto "merece unha opinión especialmente positiva".

O consello de administración, no que está a Fundación Barrié ou Amancio Ortega (a través de Pontegadea Inversiores) considera que a oferta de Banco Popular axústase a condicións de mercado. Cren ambas empresas que a súa "unión" servirá para facer fronte ás esixencias de capital ou activos que se requiran por parte do Banco de España. Será o quinto conglomerado bancario do Estado por volume de activos e a segunda entidade de Galicia por negocio e rede (despois de NGB). Na presentación de resultados do Popular, este banco falar directamente de "adquisición" da entidade galega.

A "preocupación" dos sindicatos

Os sindicatos CIG e ELA, en resposta á oferta de Banco Popular e ao informe do consello de administración, amosaron a súa "preocupación" no que respecta, fundamentalmente, ao mantemento dos empregos. O documento da CIG, moi crítico e desfavorable á operación, condena que o banco opte por "acordos individuais" para dar saída ao excendente de traballadores despois da integración financeira. "Preocúpanos seriamente o futuro dos traballadores", apuntou o sindicato nacionalista, tanto no que atinxe á afectación da OPA en oficinas, sede central ou empresas do Grupo Pastor.

Amais, e para a CIG, o o mantemento da sede do Pastor na Coruña "non é só unha cuestión de emprego, senón que implica manter a capacidade de decisión en canto á política comercial" ou de "investimentos". A central condena a "vaguedade" da oferta pola referencia ao "Centro Administrativo Regional".

O sindicato ELA coincide practicamente coa CIG nas mesmas críticas. Condena que a información recibida "limítase a unhas imprecisas declaracións de intencións" de "non prexudicar, deteriorar ou modificar a estabilidade dos empregos" do cadro de persoal do Banco Pastor. 

Sede central do Banco Pastor e da Fundación Barrié © Banco Pastor

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.