Carta de Praza ao público lector

  • Editorial
CC-BY-SA Praza Pública

Benquerida/o lector/a de Praza Pública:

Como probablemente terás visto, o pasado venres 8 de setembro, Praza Pública publicou unha entrevista co xornalista e autor literario Alberto Ramos.

A entrevista, intitulada "Hai libros oportunos e libros oportunistas que ocupan espazos que non lles corresponden", fora realizada no seu día por Montse Dopico –colaboradora de Praza, como sabes, desde hai anos–, seguindo os seus bos criterios habituais de oportunidade xornalística, polo feito de o autor gañar o seu sexto premio coa súa sexta novela.

Dado que certos contidos da entrevista facían distintas valoracións da executoria do actual director editorial de Galaxia, Francisco Castro –en particular, as vicisitudes editoriais dun premio literario, e a dupla condición de editor e editado–, a comezos de agosto as direccións da redacción e do Padroado discutimos polo miúdo os pros e contras da súa publicación. Finalmente, por considerar que as opinións persoais verquidas por Alberto Ramos eran lexítimas e non inxuriosas, acordamos que debía prevalecer a liberdade de expresión do autor –entrevistado conforme a criterios estritamente xornalísticos– sobre calquera outra consideración de oportunidade editorial.

Con todo, e dadas as nosas boas relacións institucionais con Galaxia –a mediados de abril mesmo estivemos na sede de Galaxia en Vigo asinando un convenio de colaboración para difundir en aberto pezas da colección editorial de Grial–, consideramos prudente adiantarlle a entrevista ao presidente do seu Consello de Administración, Antón Vidal.

O contacto institucional con Galaxia fíxose o 3 de agosto, e nel explicáronse as razóns xornalísticas que facían inevitable, ao noso xuízo, a publicación da entrevista. Aclarouse que en ningún caso a publicación da entrevista podía entenderse como un "ataque" editorial de Praza a Galaxia, cuxa traxectoria galeguista e empresarial defenderemos sempre. Simplemente, considerábamos que, en coherencia co noso proxecto xornalístico e fundacional, e por moito que non partilláramos algunhas afirmacións do autor entrevistado, era a nosa obriga como medio publicar unha entrevista que, sendo crítica, non franqueaba ningún límite legal, e de cuxas opinións se responsabilizaba o propio entrevistado.

Desde o propio venres día 8 de setembro chegaron á redacción algunhas queixas nas que se criticaba a oportunidade da publicación da entrevista, e a non sinatura da mesma por algún xornalista. Á súa vista, e mesmo comprendéndoas, ratificámonos na necesidade de defendermos o criterio editorial aplicado á publicación da entrevista, que non é outro que facer o mellor posible un xornalismo plural e crítico ao servizo dunha opinión pública informada: algo que pasa, necesariamente, polo respecto daquelas opinións alleas que non vulneren ningún límite constitucional ou legal. Chámase dereito fundamental á libre expresión de opinións; costou moito que figurase como tal na Constitución, e está aí para facerse valer.

En particular, e sobre a non constancia da autoría da entrevista –xa desvelada–, a explicación non é outra que a decisión que a xornalista tomou, en setembro de 2021, de deixar de asinar as súas colaboracións en Praza Pública. Decisión que Praza Pública respectou e respecta desde entón, e que se relaciona con motivos persoais da entrevistadora derivados da reorientación da súa traxectoria laboral cara á docencia.

A día de hoxe, malia termos asistido en silencio, por prudencia institucional, á publicación de graves acusacións a Praza Pública por parte do director editorial de Galaxia, o certo é que nin Francisco Castro a título particular nin a empresa editorial do que depende consideraron oportuno exercer formalmente o dereito de rectificación previsto na Lei Orgánica 2/1984, do 26 de marzo contra as afirmacións realizadas na entrevista, refutándoas ou aclarándoas coa seriedade que merece a discusión dunha opinión crítica. Non é necesario engadir que Praza Pública está aberta á publicación de calquera aclaración, discusión ou impugnación das opinións de Alberto Ramos, e lamentamos que até agora non se teña feito. En todo caso, desmentimos rotunda e taxativamente que a publicación da entrevista obedeza a algunha turbia conspiración contra o director editorial ou o proxecto empresarial de Galaxia. Non hai máis explicación que a que aquí damos.

Aproveitamos a ocasión para agradecerche que nos leas, agardando que continúes apoiando o proxecto de Praza Pública na forma que consideres oportuna.

A Coruña, 18 de setembro do 2023.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.