Paus de cego, paus no lombo, paus nas rodas

  • Editorial

O anunciado incremento dos tipos do IVE vén fornecer unha nova proba de que o Goberno español, pouco máis de seis meses despois de asumir o poder, carece por completo dun plan contra a crise. Tras toda unha lexislatura na oposición proclamando que o problema radicaba na falta de capacidade política de Zapatero para enfrontar a crise e na súa tendencia á improvisación, Rajoy e o seu equipo sobradamente preparado xa bateron amplamente as nada desdeñables marcas de Zapatero en ambos apartados.

O aumento do IVE é un atestado da incoherencia e da impotencia do goberno do PP

O aumento do IVE, unha tentativa á desesperada para aumentar a recadación fiscal, é un atestado da incoherencia e da impotencia do goberno do PP, mais revela moito máis que iso: a ausencia de vontade política para encarar os problemas estruturais que motivaron esta crise e a concepción ideolóxica -regresiva, nisto non hai incoherencia- do reparto dos sacrificios.

Non é por acaso que os paus de cego sempre acaban por atinxir as costas dos mesmos sectores sociais

Non é por acaso que os paus de cego dados desde o Goberno español sempre acaban por atinxir as costas dos mesmos sectores sociais, principalmente -e por esta orde- dos traballadores asalariados e das clases medias. Vale preguntarse que lexitimidade posúe un goberno para esixir un novo sacrificio ao conxunto da cidadanía tras aprobar unha amnistía fiscal para os grandes defraudadores, i.e. as grandes fortunas e os altos directivos que conforman iso que Occupy Wall Street bautizou con acerto como o 1% da sociedade; tras asistir impasible a unha masiva fuga de capitais; e tras renunciar a aplicar medidas de combate á fraude e á evasión fiscais.

Nun proceso de devaluación interna a través dos salarios para manter as marxes de lucro das empresas e a súa competitividade exterior, aumentar o principal imposto indirecto da cesta de tributos significa sobrecargar as clases traballadoras cun novo esforzo inxustificable. Facelo, ademais, tras nacionalizar as débedas dun sistema financieiro reiteradas veces presentado como sólido e exemplo para o mundo, atrelando o futuro da cidadanía ao do mesmo sistema financieiro que provocou a crise, implica esixirlle ao conxunto do corpo social un sobresforzo que probablemente xa non ten condicións de soportar.

O aumento do IVE pode acabar sendo un novo pau na roda da recuperación que non chega nin se albisca

As Administracións Públicas necesitan cadrar as contas, certamente; e unha vez que centraron todas as súas enerxías durante os últimos anos en recortaren o gasto -non fai falta insistir que con criterios fondamente ideolóxicos- resulta lóxico e até inevitable que se intente aumentar os ingresos, aínda máis dadas as dificuldades de acceso ao crédito. Porén, hai unha gran diferenza entre o intento e o logro, até o punto de que o aumento do IVE pode acabar sendo un novo pau na roda da recuperación que non chega nin se albisca; ou, se se prefere, máis gasolina para sofocar o incendio.

Un aumento tan significativo do IVE repercutirá automaticamente nunha considerable suba da inflación, coa consecuencia engadida dun aumento dos tipos de xuros

Isto é así porque un aumento tan significativo do IVE, especialmente naqueles produtos básicos e por tanto de consumo universal, repercutirá automaticamente nunha considerable suba da inflación, coa consecuencia engadida dun aumento dos tipos de xuros. Porque no xa referido escenario de contracción salarial, pode vir a retraer o consumo aínda en maior medida, alimentando a espiral de recesión e desemprego. E porque as PEMEs e os pequenos comerciantes veranse obrigados ora a asumiren o impacto do aumento (sen liquidez, sen crédito e sen capacidade de investimento, os efectos poden ser devastadores) ora a vérense aínda máis prexudicados á hora de competiren coas grandes empresas, que utilizarán as economías de escala e a súa posición dominante nos mercados de distribución e intermediación para garantiren o menor impacto posible desta nova medida sobre as súas contas de resultados.

Pero... para quen goberna Rajoy?

As erráticas decisións do PP, seguindo a liña imposta pola troika comunitaria e polos poderes financieiros españois, está a configurar un dos piores panoramas posibles: recesión con inflación, un escenario que -no caso de prolongarse por espazo suficiente- pode constituír o atallo máis curto para a depresión económica e socialCoas clases traballadoras perdendo poder adquisitivo e dereitos conquistados en décadas de loita, coas vellas clases medias sometidas aos intereses dunha exigua minoría que mantén o aparello do Estado secuestrado ao servizo dos seus intereses exclusivos, coas novas clases medias sofrendo as consecuencias do crash da construción, e cunha lexión de desempregados que non para de crecer a pesar dos artificios usados para mascarar as cifras, esta nova medida adoptada polo goberno de Mariano Rajoy e secundada polos seus correlixionarios (con Feijoo, Aguirre e Cospedal competindo en entusiasmo) debe levar a preguntarse: pero... para quen goberna Rajoy?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.