Posición ante o tratamento informativo da Operación Campeón

  • Editorial

A partir deste xoves Praza Pública comeza unha serie –presumiblemente longa e demorada no tempo– de artigos de elaboración propia sobre a Operación Campeón, que constitúe a investigación máis ampla dos últimos anos a respecto da relación entre empresas, institucións públicas e cargos políticos en Galicia.

Como é de público coñecemento, hai outros medios que están a abordar este mesmo asunto desde diferentes ópticas, polo que o sentido deste editorial é precisamente o de expor cal será o tratamento que Praza vai lle dar ás informacións e análises sobre a Operación Campeón. É nos grandes temas onde de xeito máis rotundo son postos á proba os principios dun proxecto xornalístico, e Praza será fiel aos que lle son propios (que non exclusivos): independencia a respecto de todos os grupos de poder aludidos no sumario, rigor afastado de calquera tentación sensacionalista, apartidismo na análise de responsabilidades e primacía da calidade sobre as présas na elaboración e presentación da información.

O noso propósito principal consiste en elucidar e explicar ao público os diferentes nós da investigación e as relacións que existen entre eles. Non xogaremos a condenar ou absolver ninguén, nin a promover xuízos paralelos, nin a alimentar a competición por convencer a opinión pública de quen rouba máis ou quen se corrompe menos.

Pretendemos darlle ao público lector un marco explicativo claro e cabal, no que se poida entender cal é a trama principal e cales as ramificacións que dela parten, ben como o peso de cada unha delas para o (in)correcto funcionamento das nosas institucións, nomeadamente das de carácter público; ademais, tentaremos diferenciar os comportamentos organizados e/ou que presuntamente afectan a institucións daqueles que en principio se producen a título ou interese particular –ou dos que, polo menos nesta altura, non existen indicios claros noutro sentido.

Por outra parte, Praza explicitará en todo o momento o real valor de todo o que publique. Haberá que falar –e así o faremos– de nomes, de persoas concretas e de responsabilidades políticas e sociais, xa que as xudiciais se dirimirán no foro pertinente, que obviamente non é o dos medios de comunicación; mais, ao mesmo tempo, ultrapasaremos o simple quen é quen para tentar colocar as pezas no respectivo lugar e determinar o seu valor no complexo xogo de intereses cruzados que a Operación Campeón desvela, uns de maneira máis descarnada e outros, polo menos por agora, só de esguello.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.