Praza ante a folga xeral

  • Editorial

Ao igual que fixemos na convocatoria do 29 de marzo, Praza Pública e os seus xornalistas decidimos apoiar a folga xeral deste 14 de novembro. Consideramos que non podemos ficar en silencio cando o número de parados e paradas en España chega case aos seis millóns de persoas e en Galicia rolda as 270 mil. Cando a única solución dun goberno desnortado é o recorte e devaluación dos servizos públicos, convertidos nun novo campo para o negocio privado. Cando crecen alarmantemente as cifras de pobreza, de familias sen ningún tipo de ingresos e de persoas que son expulsadas dos seus fogares pola cobiza das entidades bancarias. Cando os cartos públicos de todos e todas serven primordialmente para pagar a débeda privada e para engrosar as arcas dos bancos que tan mal xestionaron a súa crise. Por iso apoiamos a folga.

Decidimos non publicar ningunha nova ou artigo de opinión até as doce da noite do día seguinte, unha vez rematada a folga

Cremos que é unha folga necesaria e que ademais en Galicia chega no marco dun proceso moi positivo de unidade de acción sindical que xa deu os seus froitos nas masivas manifestacións do 19 de xullo e noutras mobilizacións e que tamén deu lugar á conformación da Alianza Social Galega. Esta Alianza está formada por sindicatos pero tamén por outras moitas entidades sociais de todo tipo. Porque esta folga non é unicamente laboral, senón que debe ser tamén unha folga de consumo, unha folga de coidados e do traballo doméstico, unha folga dos autónomos e dos pequenos empresarios, unha folga social que denuncie que a actual política económica nos agrede como traballadores pero tamén como persoas. Como xornalistas tamén queremos facer fincapé na situación da nosa profesión. Máis e máis traballadores son despedidos dos medios de comunicacións e o noso sector atravesa unha situación de crecente precariedade debida en moitos casos a erros de xestión en absoluto imputables aos xornalistas.

En marzo comprometémonos a traballar a favor da folga, a ser un instrumento da cidadanía para colaborar no éxito do paro. E así o fixemos, informando unicamente sobre el. Nesta ocasión os xornalistas de Praza quixemos que se percibise na portada do xornal que este non é un día máis, quixemos afastar unha falsa sensación de normalidade. E en consecuencia, decidimos non publicar ningunha nova ou artigo de opinión até as doce da noite do día seguinte, unha vez rematada a folga.

Manteremos activa a nosa columna de fálase de para ir ofrecendo actualizacións continuas sobre o que vaia sucedendo ao longo do dia

Con todo, Praza si ofrecerá información sobre o desenvolvemento do paro. Porque entendemos que se nós e outros medios de comunicación que tamén apoian abertamente as razóns desta folga non informamos sobre o que sucede hai moitas cousas que quedarán sen contar. E as folgas tamén se gañan da opinión pública.

Manteremos activa a nosa columna de fálase de para ir ofrecendo actualizacións continuas sobre o que vaia sucedendo ao longo do dia. Alí publicaremos informacións breves imaxes e vídeos e animamos os nosos lectores e lectoras a que nos usen como altofalante do que queiran difundir: manifestacións, denuncias e datos de interese e que nos envíen ao noso enderezo redaccion@praza.com o que queiran publicar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.