Praza Pública ante a folga xeral

  • Editorial

Diante dunha reforma laboral que nos retrotrae ao século XIX, non cabe a neutralidade nin valen as escusas de que o país non está para folgas. A folga xeral do 29-M é unha necesidade non só para as clases traballadoras, senón para o conxunto da sociedade. Aínda máis, é unha necesidade perentoria, para esixir un marco laboral no que non primen de xeito exclusivo os intereses dunha das partes; para reivindicar un modelo social en que os servizos esenciais sexan considerados un dereito universal; e para impedir unha reforma que constitúe un retroceso civilizatorio sen precedentes desde as épocas máis negras da ditadura fascista de Francisco Franco.

O éxito da folga xeral, tanto na paralización da actividade produtiva como moi especialmente na congregación dunha multitude cidadá nas rúas, é un imperativo ético e político, ademais de constituír un muro de defensa contra novas agresións que xa se anuncian. Resulta inconcebible que, nun réxime democrático, os poderes constituídos lexislen contra a inmensa maioría da cidadanía e en beneficio unicamente dunhas poucas ducias de corporacións, paradoxalmente as mesmas cuxo proceder provocou a crise que estamos a vivir.

Praza Pública non pode deixar de tomar partido: estamos, rotunda e inequivocamente, por unha folga xeral masiva e exitosa

O 29-M é unha folga convocada polas organizacións sindicais, mais o seu contido ultrapasa en moito o ámbito puramente laboral para apuntar ao corazón do monstro: a acumulación de poder e riqueza nunha exigua minoría e a submisión da esfera política institucional aos ditados das corporacións. Estamos, en suma, ante a primeira folga xeral do 99% que traballa contra o 1% monopolista e expoliador, e tamén do 99% que necesita a política para negociar as relacións sociais fronte ao 1% que considera a democracia unha excrecencia prescindible. Praza Pública, como xornal nacido para o cambio, non pode deixar de tomar partido nunha conxuntura tal: estamos, rotunda e inequivocamente, por unha folga xeral masiva e exitosa, capaz de marcar un punto de inflexión no social e no político tanto na defensa das conquistas sociais dos últimos 150 anos como na definición dunha maioría alternativa ao discurso e á práctica política desta dereita neoliberal, despiadada e ignorante que nos goberna.

Praza será un monográfico sobre a folga

Os xornalistas que compoñemos a redacción de Praza Pública tomamos a decisión de facer folga e de apoiala activamente. E consideramos que o mellor labor que podemos facer para favorecer o seu éxito é informar sobre ela, sobre os motivos que a fan necesaria e sobre as manifestacións convocadas para este día. O xoves 29 Praza estará permanentemente actualizada con informacións sobre o paro xeral e non datá conta de ningún outro aspecto da actualidade do día. Digamos que o xoves 29 Praza será un monográfico sobre a folga. Así mesmo, a edición deste mércores será algo máis reducida do habitual.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.