Praza necesita de ti, de vós. Praza non ten detrás un gran grupo empresarial nin grandes desembolsos individuais de cartos; constrúese e vive basicamente das achegas do apoio e da confianza dos seus lectores e lectoras. É a nosa debilidade pero é tamén o compromiso de que sodes vós, lectores e lectoras, os propietarios e propietarias de Praza Pública.
Grazas a vós estamos aquí
En xaneiro e febreiro fixémosvos unha apelación á vosa confianza, e respondestes. Pedímosvos un apoio para facer xornalismo de calidade, crítico, que apostase por un cambio en Galicia, que defendese as conquistas sociais nun tempo de demolición, que incrementase a pluralidade informativa nun tempo de silenciamento, e que acompañase e amplificase os milleiros de voces da rede galega. E grazas a vós estamos aquí.
Sete meses e medio. Case dúas mil noticias, máis de 11 mil fálases, máis de 500 artigos de opinión. Unha media de case seis mil usuarios únicos diarios, incrementados a case oito mil nas últimas semanas, case vinte mil páxinas vistas cada día. Todo grazas a un total de 235 doadores, que achegaron ao redor de 72 mil euros. E aínda que somos conscientes de que non cumprimos todos os obxectivos e liñas de actuación ás que nos comprometéramos, poñeremos máis esforzo en facelo a partir de agora.
Pedímosvos de novo a vosa colaboración, un novo impulso imprescindible para seguir facendo xornalismo crítico, tan necesario nestes tempos e tan importante no período electoral que temos por diante.
Agora pedímosvos de novo a vosa colaboración, un novo impulso imprescindible para seguir facendo xornalismo crítico, tan necesario nestes tempos e tan importante no período electoral que temos por diante. Para garantir o funcionamento de Praza precisamos 90.000 euros cada ano. Pedímosvos -e seguirémolo facendo periodicamente- unha achega económica, ben puntual ben cunha periodicidade fixa, mensual ou trimestral, para seguir facendo xornalismo e para facelo cada vez mellor, pagando a máis colaboradores e sumando máis contidos.
Para iso poñemos en marcha unha páxina na que se fai máis claro e directo o proceso para facerse subscritor ou subscritora de Praza. Con varias opcións para facer achegas mensuais, trimestrais ou puntais.
Tamén poñemos en marcha unha campaña de captación de publicidade, con tarifas de todos os niveis para a que podedes dirixirvos aos teléfonos e enderezos electrónicos que figuran nesta páxina.
Nas vindeiras semanas iniciaremos tamén unha estreita colaboración con El Diario.es, o xornal dixital dirixido por Ignacio Escolar que nace este martes 18 de setembro, e sobre a que daremos máis detalles nuns días. Agárdannos tempos interesantes. E estamos convencidos de que os medios de comunicación críticos son máis necesarios que nunca. E necesitamos de ti. Traballamos para ti.
* * *
Nova relacionada: Praza Pública: informe de transparencia nº 1