Todas as caras da involución

  • Editorial

Cando Grecia –ese país do que hoxe case só se escoita falar como exemplo a evitar– creaba os alicerces da civilización europea, un dos deuses máis populares era Hermes. Escuro, complexo e probablemente produto do sincretismo con outras figuras míticas, soía ser representado con tres caras: a de mensaxeiro dos deuses e mediador perante eles; a de protector de pastores e rabaños; e a de inspirador do comercio, o engano e a astucia. De certa maneira, esas tres facetas constitúen unha síntese das principais crises que, xunto coa ecolóxica, hoxe sofre a humanidade: a institucional, a alimentaria e a económica.

Por primeira vez desde a crise do petróleo, é a UE –e nomeadamente o sur de Europa– a rexión do mundo onde as crises institucional e económica se están a deixar sentir con maior virulencia, atinxindo niveis nunca antes coñecidos na historia comunitaria: intervención exterior (Portugal, Grecia), golpes de Estado brancos (Italia, Grecia), marcas insólitas de desemprego (España, Grecia) e progresivo deterioro social.

Pola primeira vez desde a crise do petróleo, é a UE a rexión do mundo onde as crises institucional e económica se están a deixar sentir con maior virulencia

No caso de España, a crise financieira da banca acabou sendo nacionalizada e instalándose na cerna mesma do Estado, creando un círculo vicioso cuxa voracidade os sucesivos gobernos veñen nutrindo xenerosamente, mesmo ás custas de se autoinmolaren. A receita gobernamental española consiste nunha tripla involución, ao xeito das tres caras do Hermes grego: revogación de dereitos sociais, restrición das liberdades civís e ofensiva recentralizadora.

Unha receita aplicada con especial fervor pola dereita que hoxe nos goberna tanto en Galicia como no Estado, pero da que tamén son cómplices sectores que se din de esquerdas. E dado que cabe á esquerda formular alternativas, porque esa é a súa esencia e porque desde a ortodoxia capitalista non hai saída para a actual crise, é importante que se perciba por parte dos sectores progresistas que esas tres facetas van indisolublemente unidas.

A receita gobernamental española consiste nunha tripla involución: revogación de dereitos sociais, ataque ás liberdades civís e ofensiva recentralizadora.

En España, desde que hai dous séculos se constitúe como Estado-nación, as solucións reaccionarias e autoritarias sempre imbricaron o político, o social e o nacional nunha soa unidade de destino (e de poder), e calquera alternativa debe desfacer ese novelo tendo en conta que non só os dereitos sociais e os políticos van da man, senón que o benestar e a cohesión sociais esixen tamén a defensa e ampliación do autogoberno dos pobos, como demostra –mesmo coas consabidas eivas– a historia recente do noso país. Galicia, escenario da próxima cita electoral en todo o Estado, ten diante de si a oportunidade –e a responsabilidade– de comezar a articular unha nova proposta capaz de conxugar eses tres aspectos.

O benestar e a cohesión sociais esixen tamén a defensa e ampliación do autogoberno

Se a esquerda galega desexa protagonizar ese proceso, debe facelo non só coa imprescindible xenerosidade para encontrar puntos en común, mais tamén con credibilidade: non abonda con construír un discurso de resistencia, necesario pero insuficiente, senón que cómpre explicar cales serán as prioridades, con que cartos se cumprirán os compromisos e cara a que horizonte se pretende levar o país. Se se dan pasos nese sentido, Galicia estará en condicións de acabar co reinado da astucia e do engano, de inaugurar un novo tempo e de aliñarse cos movementos máis promisores que están a ocorrer noutras partes de Europa e do mundo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.