"Feble" ou, o que é o mesmo, un dous nunha escala do un ao nove. É o resultado que obtén Galicia na radiografía que a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais lle vén de realizar a estas prestacións no conxunto do Estado. O Índice de Desenvolvemento dos Servizos Sociais é o primeiro gran estudo estatal na materia que, ademais de ofrecer datos comparativos entre comunidades autónomas, se mergulla en cada caso particular cruzando variables tan medibles como o investimento económico ou o número de persoas beneficiadas con outras máis intanxibles e habitualmente máis publicitadas, como os dereitos recoñecidos. Desta análise polo miúdo sae un retrato robot que amosa a Galicia como un territorio no que as prestacións sociais están por baixo da media en case todos os casos, tamén en canto a investimento, e onde un dos emblemas deste ámbito, a Lei de Dependencia, está simplemente "atascada".
No económico, para atopar a Galicia hai que ollar da metade cara a abaixo. Nomeadamente, os 256,09 euros que a Administración galega gasta por habitante en servizos sociais sitúana no duodécimo posto entre as dezasete autonomías, moi lonxe dos 773,21 euros de Euskadi que, como no gasto sanitario, encabeza o rexistro estatal. Dos datos recompilados pola asociación autora do informe é posible tirar tamén outra conclusión que non é menor en tempos de restricións orzamentarias. Autonomías que se están a caracterizar por aplicar fortes recortes, como a Comunidade Valenciana ou Baleares, non presentan unhas finanzas públicas precisamente saneadas. Mentres, a propia Euskadi ou Navarra, que ocupa o segundo posto, tamén son exemplo en materia económica. Neste contexto, o estudo sinala que Galicia alcanca "niveis aceptables" en "relevancia económica", aínda que "por baixo da media" en gasto por habitante e en porcentaxe de gasto en servizos sociais sobre o total de gasto da comunidade, un indicador que está no 6,7% fronte ao 6,93% da media estatal.
Euskadi | 773,21 |
Navarra | 488,1 |
Castilla-La Mancha | 467,58 |
Cantabria | 370,11 |
La Rioja | 363,81 |
Extremadura | 353,73 |
Castilla y León | 300,3 |
Asturias | 297,51 |
Catalunya | 281,09 |
Andalucía | 279,29 |
Aragón | 267,57 |
Galicia | 256,09 |
---|---|
Murcia | 230,72 |
Madrid | 207,39 |
Canarias | 155,69 |
Comunitat Valenciana | 129,56 |
Balears | 119,83 |
Media estatal | 280,03 |
Neste contexto, as carencias de investimento vense reflectidas na análise das prestacións á cidadanía, así, os autores do informe só consideran que Galicia "destaca positivamente en catro aspectos", os cales non dependen integramente da Xunta e si o fan, en boa medida, dos concellos. Así, o estudo sinala que nos servizos sociais municipais existe un traballador ou traballadora por cada 2.745 habitantes, un nivel "moi axeitado ás características da poboación e territorio de Galicia" que confronta cos 3.858 habitantes que lle corresponden a cada persoa que traballa nos servizos sociais no conxunto do Estado. Neste mesmo ámbito positivo atópase a porcentaxe de acollemento familiares a menores, as prazas de aloxamento para persoas sen fogar e as prazas en ceontros de día e centros ocipacionais para persoas con discapacidade.
"Importantes déficits de cobertura"
Á marxe dos catro indicadores positivos, a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos atopa "importantes déficits de cobertura" nun amplo abano de indicadores analizados, entre os que destaca o grao de cumprimento da Lei da Dependencia, unha norma que apenas cobre o 1,26% da poboación galega fronte ao 1,59% de media estatal. Así, os datos recollidos permiten concluír que están "no limbo da dependencia", isto é, teñen recoñecida unha prestación pero aínda non a reciben, o 44,3% das persoas xa integradas no sistema de atención á dependencia. Esta, di o informe, é unha cifra "moi superior mesmo á elevada media estatal do 28,9%.
O estudo ve "escasa" a cobertura de prazas residenciais e insta a Xunta a "esforzarse" para "achegar á media o gasto en servizos sociais"
No mesmo ámbito, o informe ve "escasa" a cobertura de prazas residenciais para persoas maiores de 65 anos, con apenas 2,8 por cada cen habitantes. No resto do Estado, a media é de 4,3 prazas. Esta escaseza de prazas en residencias non se compensa coa axuda a domicilio. Ben ao contrario, este servizo só é percibido polo 1,66% dos homes e mulleres que superan os 65 anos, cando a media estatal é do 4,69%. Estes e outros diagnósticos fan que o estudo deixe un nada desprezable abano de recomendacións para Galicia, a comezar pola necesidade "urxente" de "elaborar e aprobar" un catálogo de servizos "que concrete os dereitos subxectivos que establece a Lei de Servizos Sociais, aprobada en 2008. Do mesmo xeito, explica, cómpre "desatascar a actual situación da Lei da Dependencia" que, "con catro de cada dez dos seus beneficiarios recoñecidos sen percibir as prestacións ou servizos" non só fai minguar a calidade de vida das persoas maiores ou discapacitadas, senón que tamén impide que se desenvolva "o potencial de emprego deste sector.
"Malia ás importantes dificultades económicas que ofrece a actual situación, Galicia debe realizar un esforzo por achegar os seus indicadores de gasto en servizos sociais á media estatal", detallan os autores do informe, baixo cuxo punto de vista este incremento de gasto debería comezar por ámbitos como o incremento de prazas residenciais e tamén do servizo de axuda a domicilio. Trátase, di, de "apostar polo servizo fronte á prestación económica", algo que contribúe "non só á incrementar a calidade da atención, senón que suporía un impulso ao emprego, tan necesario na actual situación.