Profesorado, estudantes e PAS, unidos contra o decreto de universidades

Rolda de Prensa da Plataforma en Lugo © PUDUP

Este xoves dez de maio os e as estudantes galegas están chamadas a unha folga no ensino para protestar contra a política educativa do Partido Popular, a redución das partidas nos Orzamentos Xerais e o Real Decreto-Lei 14/2012, que afecta especialmente ás universidades públicas. Nas mobilizacións non só participarán estudantes, senón de profesores, investigadores e PAS, agrupados na Plataforma Unitaria en Defensa da Universidade Pública (PUDUP) anunciaron este mércores que se sumarán á convocatoria cun paro de dúas hora, que coincidirá co horario previsto (doce do mediodía) para as manifestacións convocadas en dez cidades e vilas galegas.

As convocatorias son as seguintes: Santiago de Compostela (Praza do Toural), A Coruña (Praza da Palloza), Ferrol (Praza 10 de marzo), Ourense (Rúa do Concello), Lugo (Biblioteca Intercentros), Pontevedra (Subdelegación do Goberno), Vigo (Praza de América), Burela (Praza da Capitanía), Verín (Praza do Concello) e Vilagarcía (Praza de Galicia).

O temor é que o Goberno central e o Goberno galego adopten as decisións definitivas en xuño, nun momento no que é máis difícil realizar unha mobilización masiva e continuada do estudantado e do profesorado universitarios

A PUDUP, integrada por colectivos de PDI, PAS e estudantes, así como por numerosas persoas a título individual, decidiu sumarse á folga estudantil, por considerar que as medidas anunciadas son "contrarias ao principio de igualdade de oportunidades e á autonomía da institución académica" e que "prexudican gravemente o modelo de universidade pública". A Plataforma solicita a retirada do RD 14/2012 e o inicio dun proceso de negociación cos reitores das universidades "para dar solución real aos problemas que neste momento ten a universidade pública española"; así mesmo, instan á Xunta de Galicia a garantir "o financiamento público das universidades do sistema universitario de Galicia, sen repercutir a subida dos prezos nos sectores menos favorecidos da sociedade galega".

Ademais, saliéntase a escasa eficacia das medidas, que en moitos casos o que conseguirán, unicamente, será limitar a capacidade das universidades de acceder a outras vías de ingreso e financiamento

En xeral, todos os colectivos denuncian a falta de rigor do decreto e das medidas anunciadas, a maior parte delas aínda non concretadas con detalle. O temor é que o Goberno central e o Goberno galego adopten as decisións definitivas en xuño ou xullo, nun momento no que é máis difícil realizar unha mobilización masiva e continuada do estudantado e do profesorado universitarios, que se atopan en exames ou co verán moi próximo. Ademais, saliéntase a escasa eficacia das medidas, que en moitos casos o que conseguirán, unicamente, será limitar a capacidade das universidades de acceder a outras vías de ingreso e financiamento; ao impoñerlles un límite de gasto aos centros, estes terán moitas dificultades para participar en concursos competitivos a nivel europeo, onde as universidades obteñen cada ano importantes recursos para proxectos de investigación.

Como afirmaba onte Alba Nogueira nunha entrevista en Praza, e como repetiu este mércores na rolda de prensa de PUDUP, “é un intento de cambio de modelo, un intento de privatización das universidades para abrir a educación superior ao mercado privado”. Nogueira explicou que “o que dificulta a extensión e proliferación da universidade privada sempre foi o elevado prezo das taxas e a menor calidade do profesorado; xusto o que agora o Executivo pretende cambiar co novo decreto”.

 

Suba de taxas

A matrícula media roldaría os 1.500 euros en primeira convocatoria, e a partir da cuarta matriculación teríase que sufragar a suposta “totalidade do custe” do crédito (o que implicaría máis de seis mil euros por curso completo)

Os sindicatos estudantís denuncian un forte aumento das taxas universitarias, que suporá que a matrícula media rolde os 1.500 euros en primeira convocatoria, e a partir da cuarta matriculación terase que sufragar a suposta “totalidade do custe” do crédito (o que implicaría máis de seis mil euros por curso completo). A Liga Estudantil Galega critica a este respecto que o Goberno estime que na actualizade as matrículas so cobren o 15% do custe dos créditos, xa que "ese baremo (orzamentos dunha universidade por alumnado) non é para nada realista, ao contabilizárense aspectos orzamentarios que nada teñen que ver coa docencia e o progreso académico do alumnado". A Liga sostén que hoxe en día xa se paga máis dun 40% do total do custe total.

Ademais, os sindicatos denuncian que se imporá unha diferenciación no pagamento en base ao “custe da titulación”, algo que previsibelmente levará aparellado que os prezos nas carreiras experimentais se multiplique. Para Alba Nogueira esta medida en concreto tería o moi negativo efecto de limitar o acceso "a titulacións moi necesarias para a saída da crise" e o cambio de modelo produtivo.

 

Redución dos orzamentos e outras medidas

Recórtanse en máis dun 20% as partidas do Ministerio de Educación e Ciencia. O recorte en investigación é aínda máis dramático, ao chegar a unha redución de case o 35%

En canto aos Orzamentos, recórtanse en máis dun 20% as partidas do Ministerio de Educación e Ciencia, unha redución de máis de 600 millóns de euros en programas educativos do Estado. Tamén se reduce en máis dun 10% a partida de bolsas do MEC (166 millóns de euros menos). O recorte en investigación é aínda máis dramático, ao chegar a unha redución de case o 35% en relación ás partidas do ano pasado, 630 millóns de euros menos.

Así mesmo, auméntanse as horas lectivas do profesorado en detrimento das titorías, apoio e atención ó alumnado. Ademais, auméntase o tempo necesario para cubrir unha baixa dun docente (agora o mínimo pasa a ser de dúas semanas). Ademais, critícase a previsible masificación das aulas co incremento das cocientes por clase ata un 20%, pasando de 25 a 33 estudantes en primaria e de 30 a 40 en secundaria.

Rolda de Prensa da Plataforma en Lugo © PUDUP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.