Colectivos feministas (Andaina, Faraxa, FeminismosCompostela, Marcha Mundial das Mulleres, Nós Mesmas, Rede Feminista Galega), sindicatos (CIG, CUT, STEG) ou as organizacións agrupadas na Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento, chaman a participar este domingo en Compostela nunha manifestación nacional, que se desenvolverá co lema Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos.
Previamente, este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, están convocadas concentracións en cinco cidades galegas e que servirán para preparar a manifestación do domingo. As concentracións terán lugar ás oito da tarde en Compostela (Praza do Toural), A Coruña (Praza de Ourense), Ferrol (Cantóns de Molíns), Vigo (Praza de Portugal) e ás sete en Ourense (Rúa do Paseo). En Lugo, mulleres de diferentes colectivos organizan este xoves pola tarde un acto na praza da Soidade, entre as cinco e as sete. O acto consistirá na exposición en paneis do conto A Cincenta que non queria comer perdices e nunha leitura colectiva do mesmo a partir das seis da tarde.
A Marcha Mundial das Mulleres difundiu un manifesto que denuncia a "estafa que chaman crise económica, xunto a gobernos que lexislan contra os dereitos acadados polas mulleres afianzan o machismo e a desigualdade". As críticas diríxense particularmente contra os gobernos conservadores, en Compostela e en Madrid, que "converten outra vez o aborto nun delito, restrinxen o aceso a anticonceptivos como a “píldora do día despois”, eliminan os tímidos avances en educación como foi a implantación da asignatura da Educación para a cidadanía".
Manifestación nacional o domingo 11 de marzo
Os actos promovidos este 8 de marzo servirán tamén como preparación e convocatoria da manifestación que terá lugar este domingo en Santiago de Compostela. Partirá ás doce do mediodía da estación de tren e está convocada por Andaina, CIG, CUT, Faraxa, FeminismosCompostela, Marcha Mundial das Mulleres, Nós Mesmas, Rede Feminista Galega, SLG, CONGD e STEG. No manifesto que se lerá ao remate da marcha se ligan as reivindicacións de dereitos para as mulleres coas críticas á xestión da crise sistémica: "mulleres galegas de diferentes colectivos queremos denunciar a precariedade histórica á que estivemos sometidas polo sistema capitalista, baseado en que os esforzos sempre recaen sobre a mesma parcela da sociedade: a clase traballadora e os sectores populares".
No manifesto que se lerá ao remate da marcha líganse as reivindicacións de dereitos para as mulleres coas críticas á xestión da crise sistémica
Ademais, denúnciase que "a actual ofensiva patriarcal está alcanzando cotas insospeitadas. Só así se explica o recrudecemento do machismo nas institucións, a ausencia de políticas feministas reais, a eliminación de organismos como o Servizo galego de Igualdade, os Centros de Información ás Mulleres e de orientación afectivosexual, os impedimentos para acceder a métodos contraceptivos e, sobre todo, a última proposta de derrogar a Lei do aborto, que ten o seu punto de partida na retrógrada Lei da familia". O manifesto péchase con quince reivindicacións concretas, en defensa de prestacións sociais e pensións dignas, ensino gratuíto e laico, a eliminación das desigualdades salariais ou a gratuidade do aborto no sistema público de saúde.
Nas últimas semanas realizouse unha campaña nas redes sociais como preparación para a manifestación, con vídeos, ou a xeración de hashtags en twitter como #mulleresgalegasenloita e #GZfeminista.
Sete de cada dez persoas pobres son mulleres
A Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento sumouse este mércores á campaña unitaria do 8 de marzo e denuncia que o 70 % dos 1.400 millóns de persoas que viven con menos dun dólar ao día son mulleres, segundo datos da ONU. Ademais, sete de cada dez menores que non asiste á escola (91 millóns) son nenas, e máis de 500.000 mulleres, fundamentalmente de países do Sur, morren todos os anos por causas relacionadas co embarazo, o parto, ou o aborto.
A CONGD denuncia que a feminización da pobreza se debese á sistemática discriminación que enfrontan as mulleres en materia de educación, saúde, emprego, participación e titularidade da propiedade. As mulleres producen máis da metade dos alimentos do planeta e, sen embargo, son as máis afectadas pola fame. Só un 2% das campesiñas teñen a titularidade da terra que traballan e unicamente un 1% dos créditos agrícolas mundiais están nas súas mans.
Amarante e Universidade de Vigo
Pola súa banda, co gallo da celebración o 8 de marzo do Día Internacional da Muller, a organización galega Amarante Setem, en colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, organiza unhas xornadas de concienciación sobre a igualdade de xénero tituladas Tecendo fíos de inxustiza global, vida e traballo das mulleres do téxtil, que se desenvolverán durante o mes de marzo de 2012 na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Este mércores a xornada celebra o seu acto inaugural con Amada Traba, profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e Juan de Sola, xornalista de Agareso, que presentarán un ciclo de cine documental sobre a produción masiva de roupa coa proxección de 100% mujer. Tamén se inaugurará a exposición 100% Attawassoul, unha mostra fotográfica na que se amosa o labor da Asociación Attawassoul (Tánxer, Marrocos).
Universidade da Coruña
Mentres, a Universidade da Coruña celebrará o día 8 de marzo diversas actividades. Entre elas figura a presentación do libro A muller no eido científico, tecnolóxico e de transferenza de coñecemento en Galicia. Situación actual e situacións futuras, que terá lugar este xoves ás 12 horas, no Salón de Actos do Campus de Ferrol. Esta presentación correrá a cargo da vicerreitora do campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño, e de Ana Jesús López Díaz, directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC, coautora do libro xunto con outros profesores das tres universidades galegas. Pola tarde na Sala de Prensa da Reitoría terá lugar a conferencia titulada Ciencia EX AEQUO. A ciencia como mecanismo de desenvolvemento das mulleres, a cargo de Margarita Cimadevila, química, pintora e directora do IES Urbano Lugrís da Coruña. Esta conferencia celebrarase en colaboración coa ONG Axuda en Acción.
Actos institucionais da Xunta de Galicia
Finalmente, a Xunta de Galicia, a través da Secretaria Xeral de Igualdade, desenvolve unha campaña, baixo o slogan Sen mulleres non hai Galicia, que quere simbolizar "as achegas da muller ao progreso de Galicia ao longo dos tempos, no pasado, no presente e no futuro". Esta iniciativa quere ser tamén un recoñecemento á muller galega contemporánea, “que conforma a xeración de galegas máis preparadas da historia”, en palabras da titular de Igualdade, Susana López Abella.
A Xunta de Galicia, a través da Secretaria Xeral de Igualdade, desenvolve unha campaña, baixo o slogan Sen mulleres non hai Galicia
Na presentación da campaña, López Abella referíuse ás máis de 499.500 mulleres activas no mercado laboral en Galicia, ás máis de 48.600 que traballan na industria; ás 36.400 que se adican profesionalmente á agricultura e á gandería; ás máis de 22.700 empresarias con persoas asalariadas ou ás máis de 36.000 estudantes universitarias. A Xunta celebrará un acto institucional o 7 de marzo na Cidade da Cultura, presidido polo presidente da Xunta de Galícia, e nel participarán varias mulleres dunha saga familiar de longa tradición empresarial en Galicia.