Para elas, para elas, o estado de benestar español sempre foi un recorte imperfecto. Saben ben o que é vivir cos dereitos minguados. Lévano padecendo dende sempre polo simple feito de estar suxeitos á Lei de estranxeiría, e máis agora, cando a crise serve de escusa para limitar aínda máis os seus dereitos básicos. Como tirar para adiante cando che eliminan o dereito á asistencia sanitaria gratuíta? Cando dos concellos desaparecen as unidades especializadas na atención social e xurídica á poboación migrante? Cando se incrementa a presión policial na rúa? E cando o actual partido no goberno ten entre os seus plans futuros a eliminación da principal vía de acceso na actualidade para a obtención do permiso de residencia, o procedemento de arraigo social? A pregunta pode parecer retórica. Non o é para un colectivo acostumado a buscar respostas nas condicións vitais máis duras.
Sen dereito á saúde
5 de setembro de 2011. Na orde que aproba ese día a Consellería de Sanidade esíxese un mínimo de 183 días de empadroamento para ter acceso á tarxeta sanitaria. 17 de decembro de 2011. Unha parella cubana, chegada a Galicia hai apenas dous meses, pregúntanse se levar á súa filla ao centro médico. A nena, de catro anos, non para de vomitar, non retén nada do que come. O pai e a nai temen ter que pagar pola consulta. Son microbiólogos, mais están desempregados e acostumándose a un país novo ao que chegaron á procura de alternativas mellores, explícanme, fronte á carestía de recursos e a falta de liberdade na illa.
O pai e a nena teñen a nacionalidade española mais con contan co suficiente tempo de empadroamento. A cativa non mellora e deciden ir. Son derivados a urxencias ao Hospital Clínico de Santiago. En total, tres horas de atención. Un mes despois, á casa chégalles unha factura de 351,01 euros. O caso está recorrido na actualidade por Médicos del Mundo. O proceder administrativo é máis cuestionable aínda tendo en conta que a mesma orde da Consellería exclúe á persoas menores de idade, ao igual que ás mulleres embarazadas, da esixencia de seis meses de empadroamento para ter asistencia sanitaria gratuíta.
Dentro do ordenamento xurídico sanitario, a atención sanitaria de urxencia é un dereito incondicionado
A medida da Xunta pode, ademais, entrar en colisión co regulamento vixente. Así llo fixo saber a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública da área de Compostela ao Valedor do Pobo, denunciando a súa posible inconstitucionalidade e incompatibilidade, entre outras normas, coa Lei Xeral de Sanidade. Dentro do ordenamento xurídico sanitario, a atención sanitaria de urxencia é un dereito incondicionado. Ademais, a orde da Consellería de Sanidade toca dereitos fundamentais que non se poden modificar cunha norma que non ten rango legal. "Cando estamos falando dun dereito fundamental, neste caso vinculado á saúde da persoa, a posibilidade de restrinxir cunha norma que non ten rango legal un dereito fundamental é tendencialmente nula", afirma José Ángel Brandariz, profesor de Dereito Penal na Universidade da Coruña.
Dubidosa é tamén a súa eficacia como medida de aforro. O colectivo inmigrante, en Galicia, é reducido e, ademais, está conformado por unha poboación xeralmente nova, con boa saúde e, polo tanto, escaso consumo de recursos sanitarios. Aforrar no chocolate do loro, porén, pode ter efectos na saúde pública, non só do colectivo inmigrante senón do resto da poboación, canto que se está a menoscabar a medicina preventiva. "Todas as afeccións sinxelas e transmisibles a outras persoas non se van cubrir. Podemos ter a unha persoa con varicela que, por non acudir ao centro médico, lla estea contaxiando ao seu entorno", exemplifica Nieves Turienzo, presidenta de Médicos del Mundo en Galicia. Especialmente preocupantes, poden ser, indica Turienzo, as repercusións para determinados colectivos, como o das mulleres que traballan na prostitución, moitas delas inmigrantes, en situación irregular, e con gran exposición a afeccións como a hepatite B, C ou o o VIH, que, nun contexto de medicina preventiva, si se poderían detectar antes de que provoquen alteración algunha
Comezan a condicionarse o exercicio dalgúns dereitos, mesmo o propio acceso á residencia polo arraigo social
A actuación da Consellería de Sanidade galega encádrase nun determinado marco normativo que, trala reforma de 2009 da Lei de estranxeiría e o posterior regulamento en 2011, lle concede ás comunidades autónomas un protagonismo do que antes carecían, tanto no deseño como na aplicación das políticas migratorias. O cambio xorde, explica Brandariz, ante a urxencia e a presión dalgunha delas, en especial a catalá, de xestionar as pulsións xenófobas na súa cidadanía. O regulamento de estranxeiría aprobado en abril de 2011 deixa que sexan as comunidades as que fixen as condicións de empadroamento. Comezan a condicionarse o exercicio dalgúns dereitos, mesmo o propio acceso á residencia polo arraigo social, a informes de integración que elaboran as autonomías e xorden novas ferramentas xurídicas moi importantes para o exercicio de dereitos pero que engaden máis marcos de discrecionalidade.
"Para o exercicio de dereitos que antes era practicamente automático na medida en que se cumprisen unha serie de requisitos agora engádese un novo requisitos que ten que ver co cumprimento de criterios de integración deseñados pola correspondente comunidade autónoma e que son valorados de forma altamente discrecional", indica o profesor.
As UAMIS (Unidades de Atención á Inmigración) son como o Guadiana. Aparecen e desaparecen dos municipios segundo haxa ou non recursos
As UAMIS, no limbo
25 e 26 de xaneiro de 2011. O Foro Galego da Inmigración solicítalles aos alcaldes da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela uns servizos de atención á poboación inmigrante permanentes e dotados das e dos profesionais necesarios. As UAMIS (Unidades de Atención á Inmigración) son como o Guadiana. Aparecen e desaparecen dos municipios segundo haxa ou non recursos e, dende principios de ano, volven estar de novo soterradas.
A 31 de decembro de 2011 remataron os convenios para o seu mantemento entre os concellos e a Secretaría Xeral de Emigración, que á súa vez obtén o financiamento dos fondos de integración estatais. Que volvan a abrirse dependerá da sinatura de novos convenios. E en Santiago, o ano pasado, isto non se fixo até o verán. É pois un servizo sometido á continua incerteza e no que, en todo caso, a discontinuidade limita de modo notable a súa calidade, pois non permite consolidar experiencia no seu persoal, contratado en precario e con carácter temporal. Hoxe por hoxe, dinnos dende o Foro Galego da Inmigración, a oficina da UAMI fica pechada en Ferrol, mentres que na Coruña e Santiago, a atención á poboación inmigrante foi derivada aos servizos sociais. Son, dalgún modo, apaños, que non solucionan a redución de recursos e de persoal. Se, en Compostela, en 2011 había tres persoas contratadas en base ao convenio para prestar esta atención, xunto cunha técnica municipal, agora reducíronse a dúas.
Para levar a cabo con éxito o procedemento de arraigo, por exemplo, é preciso contar cun contrato laboral dun ano e poder demostrar tres anos de estadía no país
"Nos demandamos que haxa un asesor xurídico e un traballador social especializado e traballando a tempo completo nisto" −explica o voceiro do Foro Galego de Inmigración, Miguel Fernández−. "E máis agora, que as persoas migrantes están tendo máis problemas coas renovacións ", puntualiza. A maraña administrativa que se require para ter os papeis en regra é un labirinto abondo complexo, sobre todo nun momento no actual no que se incrementan os requisitos e as condicións para cumprilos. Para levar a cabo con éxito o procedemento de arraigo, por exemplo, é preciso contar cun contrato laboral dun ano e poder demostrar tres anos de estadía no país, aparte dun informe acreditando o seu grao de inserción que se ha de realizar precisamente dende os concellos. "Sen a UAMI, vai haber un gran baleiro", indica Adama, senegalés residente na Coruña dende 2008.