O vindeiro 1 de xuño, a cidadanía de máis dez países europeos (Portugal, Escocia, Eslovenia, Italia, Grecia, Alemaña, Bretaña, Francia, Inglaterra, Chipre, España, Galicia, Catalunya e País Vasco) sairá á rúa para rebelarse contra as medidas impostas pola Troika (Banco Central Europeo, Fondo Monetario Internacional e Comisión Europea). Trátase dunha mobilización convocada a nivel internacional (baixo o lema Pobos unidos contra a troika!!!) entre persoas que participan a título individual, colectivos, sindicatos e partidos políticos de diferentes liñas ideolóxicas que comparten un obxectivo común claro, forte e xusto: acabar coas políticas de austeridade e recortes aplicadas nos últimos anos pola troika. No caso de Vigo, a mobilización terá lugar ás 12:00h., partindo da Praza de España, con percorrido ata a Porta do Sol.
Esta mobilización non é senón a reacción popular responsable, ética e lóxica ao recorte de liberdades e dereitos básicos aos que a cidadanía está sendo sometida por mor dos intereses dunha elite política e económica máis preocupada por salvar á banca e ao sector privado
A cidadanía europea está a sufrir as desastrosas consecuencias dos estragos derivados da actividade dunha elite económica (grandes empresas e sector financeiro) que durante anos, e de xeito impune, realizou unha pésima xestión encamiñada, unicamente, a engrosar as súas propias contas en detrimento da cidadanía, mentres a clase política e os medios de comunicación maioritarios facían a vista gorda. Así, as irregularidades cometidas polo sistema financeiro e as grandes empresas e multinacionais pasan hoxe factura ao pobo, afogado polos estragos dunha “crise” da que non ten culpa, e que se salda co recorte de liberdades e dereitos básicos.
O pobo europeo sae á rúa para rebelarse contra a perda de soberanía popular; contra o desemprego e a precariedade, a explotación laboral, o espolio dos bens naturais e públicos, o deterioro e o desmantelamento dos servizos públicos
Esta mobilización non é senón a reacción popular responsable, ética e lóxica ao recorte de liberdades e dereitos básicos aos que a cidadanía está sendo sometida por mor dos intereses dunha elite política e económica máis preocupada por salvar á banca e ao sector privado que por procurar o mellor para a cidadanía á que representa. A cidadanía europea vese obrigada a pagar os intereses dunha débeda xerada por un sistema financeiro que durante anos contribuíu ao enriquecemento duns poucos en detrimento dos dereitos básicos e da xustiza social. Un sistema que avoga polos recortes de dereitos e liberdades como ferramenta da loita de clases, empregada estratexicamente para que as grandes empresas e as elites de poder manteñan (e mesmo aumenten) os seus beneficios a costa de toda a cidadanía.
O pobo europeo sae á rúa para rebelarse contra a perda de soberanía popular; contra o desemprego e a precariedade, a explotación laboral, o espolio dos bens naturais e públicos, o deterioro e o desmantelamento dos servizos públicos (sanidade, educación, cultura, seguridade social...). En definitiva, contra un sistema que pretende impor un modo de vida escravo para a maioría social.
Pobos unidos contra a troika!!! veñen traballando na creación de redes que potencien e afiancen o tecido social e asociativo europeo, fomentando a mobilización cidadá
Nos últimos meses, os distintos países nos que ten presenza a mobilización Pobos unidos contra a troika!!! veñen traballando na creación de redes que potencien e afiancen o tecido social e asociativo europeo, fomentando a mobilización cidadá, organizando sesións formativas e informativas, difundindo e informando na rúa, medios e outros soportes. Porque non se trata só de traballar por botar por terra o nefasto sistema imperante que tanto dano está a causar: a cidadanía sabe da necesidade da construción conxunta de alternativas e ferramentas que permitan unha transformación social real, plural e baseada na xustiza, no respecto aos dereitos humanos, no medio ambiente e na inherente dignidade de todas as persoas.
A mobilización do vindeiro sábado ven así motivada pola determinación do pobo (de todos os pobos participantes) a facer fronte a un réxime inxusto, desigual e indigno que, amparado na imposición de austeridade que chega dende o Banco Central Europeo, o Fondo Monetario Internacional e Comisión Europea, prolonga e lexitima a dominación da minoría que ostenta o poder fronte á maioría. A cidadanía, en coherencia cos seus principios éticos e a súa conciencia e compromiso social, rebélase contra o sistema.
Aquelas persoas que asistan á manifestación estarán amosando o seu rexeitamento ante un sistema (o actual) que consideran auto destrutivo, loitando contra a hexemonía do mercado na procura de novos sistemas máis xustos, horizontais e éticos
Na cidade de Vigo, é a Plataforma 1X-Vigo, formada por xente pertencente a diversos tipos de organizacións, a encargada da organización da manifestación, pero tanto nesta como en todas as cidades nas que a mobilización vai ter lugar é a propia cidadanía a que convoca, sendo todas as persoas de calquera parte convidadas a participar na mesma. Os obxectivos son claros: aquelas persoas que asistan á manifestación estarán amosando o seu rexeitamento ante un sistema (o actual) que consideran auto destrutivo, loitando contra a hexemonía do mercado na procura de novos sistemas máis xustos, horizontais e éticos.
O vindeiro 1 de xuño, saiamos á rúa para dicir que todxs nós estamos contra este sistema que dende vai xa tempo está en contra nosa. O vindeiro 1 de xuño, todxs unidos contra a troika.