11N A vivenda no centro a vida en xogo

Folga xeral do 11N ©

O 11 de novembro non paramos unicamente porque os alugueiros suban ou porque acceder a unha casa sexa cada vez máis difícil. Paramos porque a vivenda está devorando salarios, pensións, tempo e proxectos de vida. Paramos porque traballar xa non garante unha vivenda digna. E porque de pouco serve mellorar os salarios se unha parte cada vez maior acaba nas mans do rentismo, da banca ou nos gastos necesarios para manter a casa

O 11 de novembro non paramos unicamente porque os alugueiros suban ou porque acceder a unha casa sexa cada vez máis difícil. Paramos porque a vivenda está devorando salarios, pensións, tempo e proxectos de vida. Paramos porque traballar xa non garante unha vivenda digna. E porque de pouco serve mellorar os salarios se unha parte cada vez maior acaba nas mans do rentismo, da banca ou nos gastos necesarios para manter a casa.

Esta é unha das grandes novidades do 11N: a vivenda deixa de aparecer como un asunto privado que cada familia debe resolver e entra no centro do conflito social. Os sindicatos de clase recolleron o chamamento do movemento inquilino e pola vivenda e convocaron unha folga xeral que une tres palabras inseparables: salarios, prezos e vivenda. En Galicia, a mobilización incorpora tamén a defensa das pensións, dos servizos públicos, do pequeno comercio e dunhas condicións de vida dignas.[1]

Unha casa non é un ben de consumo máis. Cando a casa está ameazada, todo o demais cambalea. Por iso, a folga do 11N non é só unha protesta por un prezo. É unha resposta á inseguridade que se instalou na vida de millóns de persoas.

 

Cando traballar non garante vivir

Os datos axudan a explicar a necesidade da folga. En Galicia, a vivenda, a auga, a electricidade, o gas e os combustibles representan o 21,5 % do gasto total dos fogares. Nos sustentados principalmente por rendas do traballo, a porcentaxe é do 18,5 %; nos que dependen de pensións, prestacións ou subsidios, achégase ao 27 %. Non son porcentaxes dos ingresos, senón do gasto, pero mostran con claridade onde se concentra unha parte crecente da presión económica.[2]

O último informe de Oxfam Intermón móstrao con claridade: en España, o custo da vivenda empurra 770.000 persoas con emprego por baixo do limiar da pobreza. Despois de pagar a casa, a pobreza laboral sobe do 11,48 % ao 15,49 %. O impacto é especialmente grave entre quen vive de alugueiro: unha vez pagada a renda, a taxa alcanza o 34,08 %, fronte ao 10,22 % dos fogares hipotecados.[2]

O salario real non é só o que figura na nómina: é tamén o que queda despois de pagar a casa

Non significa que todas esas persoas deixen de pagar. Moitas páganas a custa de renunciar a outras cousas, e calquera imprevisto convértese nunha ameaza.

Por iso a vivenda é tamén unha cuestión sindical. Podemos conseguir unha subida salarial e perdela poucos meses despois nun aumento do alugueiro. Podemos mellorar unha pensión e ver como a ganancia desaparece na factura enerxética ou nas obras que precisa unha vivenda antiga. Podemos reducir a xornada laboral e continuar perdendo horas de vida nos desprazamentos porque xa non podemos residir preto do lugar no que traballamos.

O salario real non é só o que figura na nómina: é tamén o que queda despois de pagar a casa.

 

A vivenda articula outros malestares

A crise do alugueiro é o punto máis quente do problema: prezos desorbitados, contratos inseguros e medo a que unha renovación obrigue a aceptar outra subida ou abandonar o barrio. Pero a inseguridade non remata aí. Afecta tamén ás familias hipotecadas, á mocidade que non pode emanciparse, a quen vive en cuartos ou infravivendas e a quen non pode rehabilitar a súa casa.[3]

Non son problemas separados. Cando a vivenda se encarece, toda a vida acaba organizada arredor dela. Hai quen debe marchar do seu barrio, afastarse do traballo, pasar máis horas nos desprazamentos ou perder as redes familiares que lle permitían coidar dos fillos ou das persoas maiores. Por iso, a vivenda está directamente relacionada cos salarios, co transporte, cos coidados, coa saúde e co modelo de cidade.

A vivenda non substitúe os demais conflitos sociais: dálles un terreo común. Pode reunir persoas inquilinas, traballadoras, pensionistas, estudantes e asociacións veciñais arredor dunha experiencia compartida: a riqueza medra, pero vivir custa cada vez máis. O que parecía unha suma de problemas individuais revela así unha causa colectiva. 

A política pública debería combinar catro camiños: construír, adquirir, rehabilitar e mobilizar vivenda baleira. E debe responder sempre a preguntas concretas: cantas vivendas, onde, cando, para quen e a que prezo. Porque a vivenda debe servir primeiro para soster unha vida, non para obter a máxima rendibilidade. Pero ningunha lista de medidas se aplicará sen unha forza social capaz de defendela. E aí é onde o 11N cobra todo o seu sentido.

O 11N non pode rematar o 11N

A folga non aparece de súpeto: é o froito dunha forza que se foi acumulando. O seu éxito non dependerá só do que pare o 11N, senón do que permaneza organizado o día seguinte

Unha folga dura un día, pero non nace nun día. O 11N é o resultado dunha acumulación de malestares, mobilizacións e organización: os desafiuzamentos, o caso de Mari Carmen, a indignación que ocupou a Porta do Sol, as protestas estendidas a outras cidades e o encontro entre o movemento pola vivenda e os outros malestares . Cada acontecemento foi sumando persoas, razóns e forza ata facer posible unha folga xeral.

Por iso, o 11N non é o principio nin pode ser o final. É un momento de concentración de toda esa forza e unha oportunidade para dar un paso máis: transformar a mobilización dunha xornada en organización permanente nos barrios, nos edificios e nos centros de traballo.

A folga non aparece de súpeto: é o froito dunha forza que se foi acumulando. O seu éxito non dependerá só do que pare o 11N, senón do que permaneza organizado o día seguinte.

O 11N non debería ser un exame para medir quen está máis comprometido nin unha fotografía destinada a desaparecer ao día seguinte. Debe ser unha porta de entrada. Hai persoas que nunca participaron nunha asemblea, non coñecen as leis e non dominan a linguaxe militante. Quizais non compartan unha ideoloxía completa nin teñan opinión sobre todos os debates políticos. Pero saben o que significa facer contas antes de pagar o alugueiro, ter medo a unha carta do banco ou explicarlles aos fillos que non poden axudalos a emanciparse. Esas persoas non son espectadoras: son o movemento que falta por construír.

Un movemento amplo non crece rifando con quen aínda non chegou. Crece escoitando, acompañando e convertendo cada problema concreto nunha oportunidade para organizarse. Non lle pide a ninguén que pense igual en todo; convídao a compartir un obxectivo: que ninguén viva co medo de perder a casa e que traballar ou cobrar unha pensión permita acceder a un fogar digno.

O primeiro paso é falar, porque cando o problema se mantén pechado dentro da casa, parece unha derrota persoal pero cando se comparte, descubrimos que ten causas comúns e que tamén pode ter unha resposta colectiva.

A folga será un día importante, pero tamén pode ser o comezo de algo que continúe. O reto é que as persoas que se achegaron á acampada e á organización do 11-N sigan vinculadas, acudan ás próximas reunións e poidan participar. Para iso, temos que facer reunións abertas e accesibles, con tarefas asumibles e sen dar por feito que quen chega xa ten experiencia militante Eles ,o  mercado o rentismo xa está organizado. Quen sostén as cidades co seu traballo e coa súa vida tamén debemos  facelo.

O 11N paramos. O día seguinte, organizámonos

O 11N a vivenda estará no centro, non para ocultar os demais malestares, senón para reunilos. Non para protestar durante unhas horas, senón para construír unha forza que permaneza.

A indignación pode poñernos en pé; só a organización nos permite avanzar. Stop Desafiuzamentos e a PAH abriron o camiño. O “movemento inquilino e pola vivenda” continúa esa historia. Agora tócanos ensanchala.

Porque unha persoa soa pode sentir medo. Un barrio organizado pode deter un desafiuzamento. E miles de persoas, cando descobren a súa forza, poden cambiar un país.

O 11N paramos. O día seguinte, organizámonos.

 

Notas e fontes

1. UGT, CCOO e CIG, convocatorias da folga xeral do 11 de novembro; Praza.gal, «Os preparativos da folga xeral aceleran a unha semana do 11N: do laboral á defensa do pequeno comercio», 5 de novembro de 2026. Os datos sobre comités e adhesións proceden das entidades organizadoras.

2. Praza.gal, «O gasto en vivenda, luz, auga e combustibles das familias galegas medrou un 30 % en sete anos», 31 de outubro de 2026; Oxfam Intermón, Cuando trabajar no es suficiente: el impacto del coste de la vivienda en la pobreza laboral, outubro de 2026.

3. Adolfo Telmo, «A acampada de Sol: da angustia á forza política», Praza.gal, 2 de outubro de 2026.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.