12 de outubro, conmemorar a destrución do outro ou rebelarse contra os seus símbolos

Mural de Diego Rivera Dominio Público Drkgk

Día da Raza, da Hispanidade ou de España, a data do 12 de Outubro só se redimiu, e acadou a dignidade fronte a vergoña, cando se estabeleceu e celebrou coma Día da Resistencia Indíxena. Porque resulta que aquel desembarco na illa de Guanahani en 1492 non significou unha descuberta pacífica ou un encontro repectuoso cun outro diferente; significou o comezo dunha conquista, o comezo dun proceso de colonización, saqueo, esclavización e exterminio dun continente e dos seus habitantes. Significou colocar en andamento un novo paradigma de explotación e dominación baseado na racialización e etnicización do conquistado. E, por moita lenda ou narrativa rosa do nacionalismo español, a brutalidade e a cobiza dos conquistadores xa ficaron testemuñadas desde o principio dos acontecementos.

Día da Raza, da Hispanidade ou de España, a data do 12 de Outubro só se redimiu, e acadou a dignidade fronte a vergoña, cando se estabeleceu e celebrou coma Día da Resistencia Indíxena

Freires que, alén da teima en cristianizar ao indio, vivenciaron de primeira man a nova situación deixaron constancia da barbarie e padecemento da poboación submetida. Frei Bartolomé de las Casas non puido agachar o horror que lle produciron os despedazamentos por obra de cans adestrados, os queimados vivos en fogueiras ou os asasinatos precedidos por todo tipo de torturas. Frei Toribio de Motolinia escribiu acerca das terribeis pragas que deus permitiu caer sobre os nativos por obra dos conquistadores, entre as que figuraban as enfermidades contaxiosas, a guerra, a fame, a escravitude, os traballos forzados, os tributos e, sobre todo, un traballo nas minas que implicaba a ruina comunitaria e unha morte segura. Do xorne duns conquistadores aventureiros sen escrúpulos, falsos, ruins, fuxidos por mor de débedas e ávidos de riqueza tamén hai literatura abondo. Foi un descubrimento seguido de conquista, colonización, subalternización e destrución das que España nunca pediu perdón senón que, pola contra, aínda as presenta coma logro e misión civilizadora.

A onda iconoclasta desatada estes meses atrás contra as figuras e símbolos do racismo e do colonialismo supuxo a posta en cuestión dun relato parcial do pasado

O lingüista e historiador Tzvetan Todorov, autor do clásico “A conquista de América. O problema do outro”, respostara nunha ocasión á pregunta de como comportarse fronte ao outro dicindo que contando unha historia exemplar: a da descuberta e conquista de América. Para el, a investigación ética consistía nunha reflexión sobre os signos, a interpretación e a comunicación dado que a semiótica non podía pensarse ao marxe da relación co outro. Pois ben, a onda iconoclasta desatada estes meses atrás contra as figuras e símbolos do racismo e do colonialismo supuxo a posta en cuestión dun relato parcial do pasado; significou, tamén, un recoñecemento para a dor de millóns de vítimas así coma representou unha afrenta aberta aos imaxinarios da colonialidade e do supremacismo presentes nas nosas sociedades. As estatuas de Robert E. Lee, Cristobal Colón, Leopoldo II, Colbert, Edward Colston, Robert Milligan, Cecil Rhodes ou Indro Montanelli, entre outras, foron derrubadas ou danadas por simbolizar o ensalzamento da escravitude, do xenocidio e do imperialismo. Sen embargo estes actos non borraron a historia, nin a arte, nin o pasado senón que, coma sinalou Enzo Traverso, fixéronnos ver con máis claridade todo eses ámbitos agachados da crítica; axudáronnos a repensar e a reformular desde a mirada dos dominados e dos conquistados.

Profanar os símbolos que exaltan uns feitos de oprobio, e cuxa celebración repugna á sensibilidade que fai posíbel á propia existencia da democracia, supón avanzar no profundamento da mesma

Dase, tamén, outra fasquía relevante que cómpre ter en consideración; resulta que eses monumentos foron ergueitos con moita posterioridade aos feitos que lembran. Foron ergueitos coma conmemoración e afirmación de feitos que se pretendía ensalzar e lexitimar, moldeando a visión do pasado desde unha posición de poder. Son, xa que logo, manifestacións e mensaxes políticas que procuran deturpar a memoria, razón polo que a súa caída tamén fai parte da historia e da política; mais, neste caso, dunha acción política que pretende recuperar a dignidade e reparar o dano moral que significa o seu exhibicionismo. O pasado non se pode mudar, pero si se poden combater as expresións que glorifican tanto o colonialismo como todas aquelas mostra de dominación que aínda perviven no presente.

A democracia é, en grande medida, unha historia da loita polo recoñecemento e pola extensión dos dereitos a todos os seres humanos. Este proceso inacabado, no que consiste a democracia, permite, facilita e obriga a reconsiderar e a mudar aqueles valores e posicións que amparan os privilexios, as inmunidades e as impunidades Eis unha das razóns polas que profanar os símbolos que exaltan uns feitos de oprobio, e cuxa celebración repugna á sensibilidade que fai posíbel á propia existencia da democracia, supón avanzar no profundamento da mesma. Quen profanaron esa simboloxía, cuxa conservación recrea e reafirma a través do tempo a visión supremacista dos vencedores, están a facer historia porque, ao mesmo tempo, están a pór en cuestión os determinismos do pasado sobre as arelas dun futuro de dignidade e de emancipación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.