136 anos. Nin máis nin menos. Este é o tempo que o Partido Socialista leva loitando contra o machismo. Desde a súa fundación. Case un século e medio do que as mulleres que formamos parte desta agrupación podemos sentirnos orgullosas.
“Do Partido Socialista forman parte as mulleres, e é natural que así sexa, porque se os homes necesitan emanciparse, elas necesítano máis, por ser maior a súa escravitude, e para acabar con ela non poden ir a outro partido, xa que soamente o socialista loita pola desaparición de todas as esclavitudes”. Esta frase de Pablo Iglesias (Posse, o ferrolán, o “noso”) exemplifica á perfección o que foi o socialismo para as mulleres e, de forma especial, para a igualdade.
Nunha data como esta, na que celebramos o noso día, non está de máis facer unha mención e un recoñecemento a quen loitou -e ségueo facendo- pola igualdade en todas as súas vertentes. E non un día, senón os 365 días do ano dos últimos 136. Un partido que, ninguén o nega, cometeu erros –que pagou, e con fartura, nas urnas-, pero que resultou ser decisivo e clave en todas as políticas de progreso e de avance nos dereitos e liberdades de nós, das mulleres.
Desde o ámbito interno que reivindicaba Iglesias Posse e que foi unha constante nestes 136 anos -pasamos de poder formar parte do partido nuns momentos nos que a políticas era só cousa de homes, a converternos en responsables orgánicas e institucionais e a conseguir a aplicación das listas “cremallera”, deixando polo medio etapas de diferente grao de participación e as famosas cotas-, ás políticas que se impulsaron, nos nosos gobernos, e defendido, na oposición. A igualdade efectiva no ámbito laboral, a corresponsabilidade, a loita contra a brecha salarial, os dereitos sexuais e reprodutivos ou a loita contra a violencia machista foron obxectivos do Partido Socialista e así o demostramos coa elaboración e desenvolvemento de leis, tanto a nivel estatal como da Xunta de Galicia.
Porque en Galicia, as mulleres (e os homes) socialistas tamén cremos que a loita contra o machismo é prioritaria. Con Gobernos fundamentalmente conservadores ao longo da súa historia democrática, a desigualdade entre homes e mulleres foi superior á da maior parte do Estado. E, así, a pesar do significativo avance rexistrado durante o Goberno Bipartito, o certo é que as mulleres sufrimos máis paro, máis desigualdade e máis machismo que en moitos outros territorios de España.
Por iso, un día como hoxe debemos alzar as nosas voces e revindicarnos. Reivindicarnos como mulleres, pero tamén como socialistas. Dicir ben alto que se algo temos desa “vella política” da que nos acusan os que presumen de representar ao novo, é que precisamente levamos moitos, moitos días e moitos, moitos anos, defendendo os dereitos e liberdades das mulleres. Moitos días de moitos anos traballando por conseguir unha igualdade que, lonxe de alcanzarse, está na actualidade en serio perigo de ir para atrás como consecuencia dos recortes económicos, pero tamén ideolóxicos, do Partido Popular.
E para conseguir esta igualdade, as mulleres socialistas sabemos que debemos ir xuntas. Queremos ir xuntas con outras mulleres, con todas aquelas coas que compartimos eses obxectivos de igualdade, de NON rotundo a todo tipo de machismo e de conduta discriminatoria cara ás mulleres. Por iso, o Partido Socialista de Galicia estará e formará parte sempre de todas aquelas plataformas e organizacións onde a inclusión, o feminismo e a loita contra a desigualdade sexan os seus alicerces fundamentais.
Hoxe é un día de festa. Hoxe é un día de traballo. Hoxe é un día de reivindicación. É o día das mulleres. Feliz 8 de marzo!