150 anos de tren en Galicia

A estación de Cornes, nas proximidades de Santiago, da que partiu hai 150 anos a primeira liña de tren ata Carril. A imaxe é do fotógrafo Chicharro e está datada arredor de 1905 Dominio Público Chicharro

No relato Final do xogo  de Julio Cortázar, as tres nenas protagonistas vestíanse coas roupas e adornos máis extravagantes e corrían a un promontorio xunto as vías do ferrocarril para simular “actitudes” ou seren “estatuas”, agardando que co paso do tren algún pasaxeiro as descubrira e -unha man que se eleva espontánea nun saúdo- fora partícipe do seu xogo. Para elas o tren era expectativa, esperanza, e sentían a necesidade de entrar nese mundo de raís finxindo ser outras. 

En Carril, procedente de Cornes, finalizou a primeira viaxe en tren de Galicia, o 15 de setembro de 1873, e da que este venres faranse 150 anos

Son moitas as expresións que o ferrocarril adopta nos libros ou no cinema, pero escollo esta porque amei o relato a primeira vez que o lin e porque o tren, tamén, forma parte do imaxinario da miña infancia como territorio subrepticio, alleo. Así recordo escoitar falar do Colexio da Renfe en Bamio, maxestoso para os meus ollos de nena, rodeado de bonitos xardíns. As recoñecibles casas da Renfe ao carón da estrada entre Carril e Vilagarcía, os antigos talleres, a estación vella. A miña avoa contaba como sendo unha moza ía no tren a vender marisco a Compostela, aos señoritos que vivían na Rosaleda. Imaxínoa subindo coa cesta na cabeza por aquelas rúas empinadas, mirando as ventás das casas, tan afastadas para ela como esas outras do tren dende as que as protagonistas de Final do xogo ansiaban ver unha man saudando. O tren que incitaba a soñar penetrando coa súa estela de fume no plano do simbólico. 

Interior do tren que enlaza Ferrol e Ribadeo CC-BY-SA Praza Pública

De nena non sabía que ese traxecto de ferrocarril que chegaba ata Carril -a esa estación vella da miña infancia na que agora existe un museo pechado- emprendeuno Rosalía tras expresar o seu último desexo: “quero ver o mar”. Nin tampouco que en Carril, procedente de Cornes, finalizou a primeira viaxe en tren de Galicia, o 15 de setembro de 1873, e da que este venres faranse 150 anos. Máis alá dos actos conmemorativos pertinentes, coido que esta data podería ser unha perfecta escusa para reivindicar o papel do tren na mobilidade do futuro. O simbólico sempre é unha oportunidade para o político.

Este aniversario coincide co feito de que cada día miles de galegos e galegas viaxan de maneira gratuíta cos abonos recorrentes de RENFE -habilitados polo goberno de coalición- cara os seus traballos ou lugares de estudo

Este aniversario coincide co feito de que cada día miles de galegos e galegas viaxan de maneira gratuíta cos abonos recorrentes de RENFE -habilitados polo goberno de coalición- cara os seus traballos ou lugares de estudo. Medida que entrou en vigor para paliar as consecuencias negativas que a invasión rusa de Ucraína- e a situación de guerra-, máis a subseguinte crise enerxética e de subministracións, provocou nos petos das familias. De entre o paquete de medidas, coido que esta foi unha das que se amosou máis eficaz, con beneficios que van dende o económico ao medioambiental. Basta con ver as cifras, duplicándose o tráfico de pasaxeiros en 2023 sobre o mesmo período do 2022. Dende o Ministerio de Transportes calculábase que durante os catro primeiros meses da súa vixencia deixaríanse de emitir 360.576 toneladas de CO2 á atmosfera, correspondentes aos 118 millóns de litros de gasolina que permitiría aforrar esta medida.

Se esta medida non tivo un maior impacto na poboación galega foi, precisamente, pola insuficiencia das actuais conexións ferroviarias do país. Algo que se agrava na provincia de Lugo ou no caso de cidades como Ferrol. Tamén pola inexistente coordinación cos servizos de transporte en autobús

Máis alá dos datos, a eficacia desta política déixanos unha lección: a importancia do público en situacións de crise. Unha vez máis, como durante a pandemia, estamos a ver como os servizos públicos son a nosa ferramenta máis valiosa, a que nos dá a autonomía para implantar solucións. Só temos que comparala con outras como a redución dos 20 céntimos por litro de combustible ou a baixada do IVE nos produtos básicos, que non conseguiron evitar a escalada de prezos.

Se esta medida non tivo un maior impacto na poboación galega foi, precisamente, pola insuficiencia das actuais conexións ferroviarias do país. Algo que se agrava na provincia de Lugo ou no caso de cidades como Ferrol. Tamén pola inexistente coordinación cos servizos de transporte en autobús, o que provoca que moitos viaxeiros teñan que empregar o vehículo privado para conectar co ferrocarril. Algo que no século XXI debería poder facerse con comodidade, no transporte público en Galicia non é posible.

Un tren Avant circula polo viaduto do Ulla © Ministerio de Fomento

A finalización do abono gratuíto está prevista para o próximo 31 de decembro. Se esta medida se prorroga ou se substitúe por algún outro tipo de abono ou tarifa plana e económica dependerá de que para esa data haxa goberno e de quen goberne. En todo caso, debemos esixir que as distintas administracións públicas se senten a debater sobre como dotar a Galicia dunha mobilidade de futuro: isto é pública, accesible ao conxunto da poboación e sostible. Porque para vertebrar o territorio antes é preciso vertebrar ás administracións en torno a este obxectivo. 

O 150 aniversario da primeira viaxe en tren de Galicia é un feito a conmemorar, pero tamén para dialogar sobre o tren que queremos. As distintas plataformas que levan anos traballando nese senso son un actor fundamental que debe participar deste diálogo. Mentres, o tren seguirá impulsando os nosos soños, o cinema, os libros, pero, cómpre falar da mobilidade como dereito. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.