2005-2015: dez anos ¿iguais?

30 de xuño de 2005. José Luis Rodríguez Zapatero ante o Pleno do Congreso dos Deputados que aprobou definitivamente a modificación do código civil que permite o matrimonio igualitario: "Un pequeno cambio na letra que carrexa un cambio inmenso nas vidas de miles de compatriotas".

3 de xuño de 2015. Javier Maroto, Alcalde de Vitoria polo Partido Popular, anuncia publicamente a súa voda con Josema, parella coa que leva convivindo 19 anos.

Unha maioría absoluta conxuntural nunha cámara lexislativa pódenos facer retroceder de súpeto a tempos que puideran parecer afastados e escuros. Que llo pregunten ás mulleres

Entre un e outro feito, dez anos, un recurso en contra do Partido Popular ante o Tribunal Constitucional que tardou máis de sete anos en resolverse, un país en crise que mudou a súa pel política e social, e que malia ao avance da esquerda nas últimas eleccións celebradas, anhela un tempo pasado que en avances en dereitos e liberdades foi sen dúbida moito mellor.

Está máis que demostrado que todo avance social conséguese a costa de deixar moito sufrimento de demasiadas xeracións polo camiño. E que unha maioría absoluta conxuntural nunha cámara lexislativa pódenos facer retroceder de súpeto a tempos que puideran parecer afastados e escuros. Que llo pregunten ás mulleres.

E demostrado ou non, teño o convencemento de que toda conquista social (ACCIÓN) produce un efecto á contra dos sectores máis reaccionarios da sociedade (REACCIÓN) que ven perigar o seu “statu quo”, as súas inamovibles parcelas de poder. Que llo volvan a preguntar ás mulleres.
Eses, e non outros, son os verdadeiramente poderosos “lobbies” (relixiosos-políticos-económicos). Os que levan séculos querendo dirixir os comportamentos de quen consideran os seus subordinados, sabedores de que as sociedades menos liberadas son as máis fáciles de amestrar.

España en moi poucas ocasións estivo á cabeza de nada, en canto a avances sociais se refire, ao longo da súa convulsa historia. Pero, sen sermos os pioneiros, fomos a mecha que prendeu un lume de liberdade que se estendeu a países de Europa e América algún dos cales tantas veces temos envexado e empregado como exemplo de nacións avanzadas. Como para tantas cousas, moito tempo ten que pasar para que sexamos conscientes do que supuxo para a hoxe tan deostada “marca España” aquel pequeno cambio na letra dun artigo do noso código civil.

Sen sermos os pioneiros, fomos a mecha que prendeu un lume de liberdade que se estendeu a países de Europa e América algún dos cales tantas veces temos envexado e empregado como exemplo de nacións avanzadas

En Galicia, poucos días antes daquel 30 de xuño de 2005, producírase o fito histórico do desaloxo nas urnas da dereita do poder. Tres anos e medio despois e citando un dito moi estendido na política galega, “pasou o que pasou” e volveron os tempos de maiorías absolutas do PP. Con todo, en abril de 2014 o Parlamento de Galicia aprobaba cos votos a favor de PP, PSdeG e BNG e a abstención de AGE e o Grupo Mixto a “Lei Galega pola non discriminación do colectivo LGTBI”, na súa orixe unha proposición do Grupo Socialista que tralo trámite parlamentario foi “peiteada” e mutilada en artigos clave polo grupo maioritario da Cámara. Aínda así, produciuse en condicións políticas a priori moi adversas un avance que, por pequeno e en certo modo frustrante que fora, non debemos menosprezar. Ten que ser outra oportunidade. Outra mecha que prenda un lume que nos leve máis aló, que nos sirva de base legal para atacar as discriminacións de todo tipo que aínda se producen especialmente no noso País. Para facilitar a naturalización do feito LGTB no rural, nas vilas, nos centros de traballo, nas escolas. Para formar aos profesionais da educación e dos Corpos de Seguridade a modo de menciña que vaia á orixe de feitos tan graves como os delitos por LGTBfobia ou o acoso escolar (bullying).

O movemento LGTB (vaille no nome) non pode deterse. Mentres haxa unha persoa, lesbiana, gai, transexual ou bisexual que non poida vivir en condicións de igualdade real con calquera outra que teña a orientación sexual maioritaria, poderemos seguir celebrando avances, pero non autocompracéndonos nin baixando a garda.

Mentres haxa unha persoa, lesbiana, gai, transexual ou bisexual que non poida vivir en condicións de igualdade real con calquera outra que teña a orientación sexual maioritaria, poderemos seguir celebrando avances, pero non baixando a garda

Quen formamos parte deste colectivo e temos a fortuna de ter chegado a poder desenvolver a nosa vida fóra de armarios pechados, con naturalidade, temos unha dobre responsabilidade: a de non esquecer todo o sufrimento de tanta xente que quedou no camiño e de tanta xente que aínda hoxe vive a súa condición sexual con moito medo e a de facer, cada un e cada unha na medida que queira ou poida, das nosas vivencias persoais un modo máis de activismo social. De aí a importancia do anuncio público, dez anos despois daquel discurso de Zapatero no Congreso, da voda en Vitoria de Javier e o seu mozo Josema.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.